14.1.07

Libros canapé

Os libros canapé asolagan as mesas de novidades das librarías. Son os reis do novo mercado do libro.

O editor do libro canapé necesita un personaxe “coñecido”: actor, actriz, presentador de televisión, tertuliano, deportista, político en ascenso ou declive, ou simplemente un dos visitantes semanais das páxinas de papel cuché ou das imaxes do Tomate, da Dolce Vita ou do programa da tamén escritora AR. Un personaxe que aborde un tema de “rabiosa” actualidade, polémico ou chamativo (violencia doméstica, corrupción urbanística, anecdotario médico, separación dolorosa, traxedia persoal...); ¡magnífico!, se conta toda a verdade nunhas memorias (escritas por el mesmo) a tumba aberta ou nun libro de conversas autorizadas cun xornalista experto; extraordinario!, se o personaxe se atreve mesmo cunha primeira novela, escrita en apenas quince días de intenso traballo, entre sarao e sarao.

O editor propón unha extensión controlada: menos de duascentas páxinas é a cifra ideal, para conseguir así un volume que se poida vender no mercado a un prezo asequible. O resto queda en mans da maquinaria da editorial: unha corrección impecable de estilo, unha cuberta atractiva, utilizando os novos tratamentos infográficos; unha tipografía e un interliñado xenerosos que faciliten a lectura do novo público lector que se quere gañar; e sobre todo, isto é o máis importante, conseguir unha distribución arrolladora que desprace aos “produtos” da competencia. Velaí a fórmula segura do éxito dos editores do libro canapé.

Con todo, falta aínda un ingrediente decisivo: unha campaña mediática potente, apoiada polos programas de televisión dos comunicadores á moda. Para iso hai que coidar todos os detalles: montar unha presentación nun hotel de campanillas que serva exquisitos canapés; atopar uns presentadores carismáticos que “avalen” o libro e demostren coas súas gabanzas a importancia cultural do novo texto; asegurarse que se vai reunir “toda a profesión” e “todos os moitos amigos” do novo autor ou autora que agardarán estoicamente na cola para que lle asine os primeiros exemplares. As cámaras dos programas de cotilleo, os suplementos dominicais coas súas entrevistas que descubren o rostro descoñecido do autor, as listas dos máis vendidos nos xornais, e, se o libro ten tirón, a “turné agotadora” por provincias. farán o resto.

Nese contexto tan atractivo, a quen lle pode extrañar que Ana María Ríos publique o seu primeiro libro relatando a súa apaixonante experiencia? Haberá quen pense que este primeiro libro canapé galego contribúe a normalización do noso sector editorial. Un interesante debate sobre as diferenzas entre os produtos editoriais e a edición de cultura na que algúns teimamos. Permanezan atentos á pantalla, isto só acaba de comezar.
Etiquetas:

Marcadores: , , , ,

20 Comments:

Blogger Manuel Ángel Candelas Colodrón said...

Moi interesante o concepto libro canapé. Pero concordará conmigo en que hai canapés e canapés. Porque moitas das cousas que aquí atinguen á persoaxes ocasionalmente famosos tamén acontece con figuras excelsas da literatura. A promoción é a mesma, aínda que a calidade da obra poida a priori resultar máis atractiva. Cómo podemos saber que estamos ante algo interesante?

12:36 PM  
Blogger Brétemas said...

Arume dás no clavo. Como distinguir o ouro da ganga. Para min é fundamental o papel da crítica e o do catálogo do editor (esa obra que se vaiconstruíndo devagariño). Dous elementos para orientar ao lector ou a lectora na súa escolla.

12:59 PM  
Anonymous Anônimo said...

Eu son dos que pensa que este tipo de productos-lixo contribúen á normalización do sector.
Interesa que se fale e se lea galego. Se a xente quere lixo, eu non son quen para dicir que non o poden facer. Ós consumidores tanto lles ten o que catro críticos digan, as súas demandas están moldeadas polos medios de comunicación.
Alomenos, desta volta o fan na nosa língua.
¿Cómo pretendemos que a xente teña libros en galego na súa casa se editamos só libros para a minoría de lectores que lee boa literatura?
O público lee pouco, e lee merda, para min esta merda por unha vez ten algunha utilidade.
O mercado está aí, se non podemos loitar contra el, unámonos.

6:49 PM  
Blogger omouchoasexante said...

concordo con ghanito
http://galegolandia.blogspot.com/2007/01/libros-canap-en-galego.html

7:04 PM  
Anonymous Anônimo said...

Outro voto en prol dos libros canapé en galego. Cando queremos normalizar unha lingua, ten que ser a tódolos niveis, ceremonias, traballo, ocio, lixo... O día que estea normalizado poderemos comezar a preocuparnos pola calidade do que len os galegos.

7:21 PM  
Blogger Manuel Ángel Candelas Colodrón said...

Novelas sentimentais, davinchadas, libros de humor (gráfico ou non), libros sobre ioga ou sobre cómo tocar a guitarra ou libros de autoaxuda en galego. Aínda que neste derradeiro caso máis que de libros canapé habería que falar de libros tentempé.

8:08 PM  
Anonymous Anônimo said...

Estou de acordo con xerelo e os anteriores, creo que o tema da calidade editorial é outro debate, senón non se explicaría metade do que se publica.

11:57 PM  
Anonymous Anônimo said...

Cito textualmente un anaco do pregón de Xurxo Borrazás na Praza dos Libros 2006 de Carballo:
"Se os editores non publicasen a autobiografía non autorizada de Victoria Beckham, posibelmente non poderían publicar despois as obras de Bertolt Brecht. Se non se publicasen ducias de títulos sobre a dieta perfecta, todos infalíbeis, os editores non terían marxe para publicar os Pensamentos de Pascal. Se cadra eu publico grazas aos libros de Alfredo Urdaci, ou de Ana Rosa Quintana, aínda que ela nin os escriba."

http://www.carballo.org/imxd/avisos/doc/1160038431Pregon_Praza_Libros_Borrazas_2006.pdf

De todos os xeitos, creo que aquí hai dous debates mesturados... O do sector editorial e o da normalización lingüística.

12:46 AM  
Blogger Mario said...

Eu entendo a perspectiva normalizadora, pero ás veces esquecémonos do que queremos normalizar e cal é o referente do "normal". Conseguir lectores en galego a calquera prezo? É que alguén considera a "normalidade" da cultura española como realmente "normal"? Para min unha grella televisiva que ofrece seis máquinas da verdade á semana e ningún filme decente non me parece o mellor referente para o "normal", e o mesmo se pode dicir de según que editoras españolas.

En canto aos libros canapé eu creo que si cumprirían unha función, pero como xa dixo alguén hai que diferenciar o ouro da ganga. Por exemplo, ouro era a testemuña da asistente galega de Lennon que saiu en español (cando a muller era galegofalante como ben vimos nas entrevistas), e ouro podería ser unha suposta literatura deportiva nunca ben explotada (quen dá máis polas biografías de Fran, Arsenio ou Michel Salgado?, ou pola historia da selección galega?).
Por certo que o ouro ás veces anda moi perto de nós, aínda que non sexa exactamente para "libros canapé"(http://dylangz.blogaliza.org/)

3:35 AM  
Blogger Brétemas said...

Os posibles "libros canapé" en galego (moi poucos ata agora) teñen que ver máis coa normalización lingüística (á que, sen dúbida, contribúen) que coa edición cultural. Non nos enganemos, hoxe a edición cultural en Galicia é posible moito máis grazas á edición educativa (libro de texto) ca este tipo de produtos editoriais. Oxalá o libro sobre a peripecia da rapaza de Arcade (incluirá fotos?) teña tan boa acollida como o "Interviu", que anuncia para esta semana máis fotos da estrela emerxente.

7:30 AM  
Blogger R.R. said...

Podo máis ou menos entender todas as opinións que se van dando neste debate, pero esa de Xerelo que ninguén rebate mete medo: ¿Esperamos á "normalización" para preocuparnos pola calidade? Supoño que é un desliz, pero por se acaso dou a miña opinión ó respecto: impórtame moito menos o idioma no que están escritas as cousas que leo que a calidade das mesmas.

12:22 PM  
Anonymous Anônimo said...

Ola, Rubén.
Ti discrepas comigo, pero eu non podo facelo contigo (polo menos neste caso). Pensaba que ninguén tiraría por aquí e eu, non sei por qué, non me atrevín a facelo: a calidade é o primordial, o idioma en que se escriba é secundario e, en todo caso, unha elección persoal (polos máis variados motivos).
Perdoade que aproveite para agradecer a Mario a alusión á nosa (súa) blo e para dicir que ben podía ser literatura canapé, pero é que eu, desgrazadamente, non estou para saír no interviú.

2:45 PM  
Anonymous Anônimo said...

r.r. eu non miro a lingua na que está escrito o que leo. Se me interesa, mentras o entenda váleme.
Porén isto non é así para a maior parte de xente en Galicia. Se está escrito en galego, moita xente o rexeita, porque pensan que leer en galego élles mais difícil ca en castelán, e isto é entre outras cousas por non ter costume de ler en galego.
Se pensamos que xente coma Boris Izaguirre ou José Ramón de la Morena son superventas, estes libros canapé poderían ser un xeito de introducir a escrita en galego nas casas e despois xa estarán afeitos a ler na nosa lingua. A calidade do que lean é outra guerra distinta.

4:14 PM  
Anonymous Anônimo said...

Carainas coa de Arcade:
http://www.repubblica.it/2007/01/sezioni/persone/ana-maria/ana-maria/ana-maria.html
Haberá que ir pensando en traducir o libro ao italiano.

7:57 PM  
Blogger Mario said...

É que no meu concepto de literatura de canapé (seguramente errado) están ese tipo de libros que non se poderían clasificar estrictamente como literatura e que aluden a temas máis "mundanos" por dicir algo, do tipo das entrevistas, as biografías, as testemuñas... Pero de temas con algo de calado. Non pensaba que ninguén se tivese que despelotar, Chiquito, iso cada quen como e cando queira, aínda que espero que sigas despelotando a túa alma dylaniana no blog do que tanto desfrutamos todos. ;)
Eu concordo no de que a calidade é fundamental, pero non é indiferente o idioma no que se lea. Se eu podo ler a Houllebecq en galego non o vou facer en español, e ademais é positivo que eu, como galegofalante teña o dereito e a posibilidade de ler as novidades literarias europeas na miña lingua.
Eu insisto en que se abusa e se manipula moito o termo "normalizar". Normalizar unha lingua non é un fenómeno que precise necesariamente dun espello próximo, eu prefiría normalizar o galego tomando como referencia o islandés ou o checo antes que o español, porque o español nunca estivo desnormalizado a grande escala e esas linguas si, e souberon sobrevivir.
Ademais "normalizar" unha lingua é indisociábel de "normalizar" unha sociedade. Non se trata de ter a mesma cultura que España pero en galego, senón en ter a nosa propia cultura, coas súas fochancas propias, como todas as culturas, pero non copiadas dos do lado, que enlamar xa levamos ben tempo enlamándonos sós e bastante ben, por certo. O debate é: cal é o referente de normalizar? Que consideramos normal?
Pular por unha prensa rosa agresiva e sensacionalista como só existe no contorno hispanofalante non me parece positivo, eu iso non o consideraria "normal". Non poño o ponto do debate entre calidade ou lingua, é que sinxelamente non me interesa como práctica dentro da miña cultura e non faría nada por promovela. Como cidadán do estado español tampouco consideraría unha grande perda que a prensa rosa desaparecese ou perdese o 80% da súa relevancia.
E tampouco creo que iso sexa o que quere a xente, é o que quere un mercado cada vez máis poderoso que está levando a cabo a súa propia contra-educación. A ninguén lle chama a atención que a única alternativa aos programas do corazón do sábado noite sexa a televisión de pago?

9:59 PM  
Blogger Brétemas said...

Magnífico!, Mario. O da normalización é un caixón onde non debera couber calquera cousa. Non pode aceptar que coa pretensión de normalizar a lingua axudáramos a anestesiar aínda máis a nosa sociedade. este é un debate trucado do que deberiamos fuxir.

10:29 PM  
Anonymous Anônimo said...

Ben, claro está, no caixón da normalización non debe coller calquera cousa, totalmente de acordo... Que isto non é literatura, totalmente de acordo... Que na literatura a calidade é fundamental, totalmente de acordo...
Pero aquí non se trata de nada disto!
Do que se trata é do seguinte: por razóns alleas á nosa vontade, á nosa idea de sociedade, aos nosos gustos, etc., vai saír un libro morboso sobre Ana María Ríos. E hai dúas opcións, que se publique en galego, ou que se publique en castelán. Pois que queredes que vos diga, prefiro e celebro que se publique en galego!
Eu nunca o lerei, pero seguramente moitos señores e moitas señoras si o lean e, así, terano que ler en galego!

11:21 PM  
Anonymous Anônimo said...

Depósito, tampouco sexamos inxenuos, se o libro vende háse sacar en castelán e punto, e pouco ou nada vai aportar á nosa cultura nen á nosa lingua. Eu houbo unha temporada que tiña que viaxar moito e sempre que atopaba a alguén no tren ou no bus lendo algo era un libro de Manuel Rivas en edición Alfaguara. Ninguén terá que ler nunca nada en galego sen alternativas, en cambio moita xente si que ten que ler en castelán sen alternativas de ningunha clase.
A única solución pasa por educar a xente no respeito e valorización da súa propia cultura, acabar con iso que me ten dito tanta xente de "yo no leo en gallego porque si es bueno enseguida lo sacan en castellano", valorizar o bilingüismo. E lestes ben, o bilingüismo, ensinar á xente, polo menos que ler nas dúas linguas é unha riqueza persoal. Aspirar a outra cousa como que lean sobre todo en galego de momento é un auténtico soño.
Iso non se consegue erguendo heroinas de trapo como a muller esta. A súa actitude lingüística paréceme admirable, pero máis admirable é que nos chame a atención e que esteamos debatindo o papel dun libro así dentro da cultura galega.
A próxima vez que pase por unha aduana hei montar un cristo así, aver se me fago famoso.

11:46 PM  
Anonymous Anônimo said...

A min interesanme os libros polo que contan e por como están escritos; se falamos do libro como obxecto, intersame a portada, o papel, o deseño... sobre o idioma, chégame con saber leelo.

1:37 PM  
Blogger Mararía said...

Estou dacordo con todo o que se di neste post, excepto co asunto do márketing. Hoxe hai que facer márketing bo, que chegue a todas partes, senón o producto non funciona.

Di, alguén fora do voso mundillo, sabía que An Alfaya e Francisco Castro ganaron, foron gañadora e finalista, respectivamente, do premio .... Cántos estiveron na presentación, conteinos, eramos vinte, vinte catro en realidade se se contan os ponentes. (O bar de enfrente, estaba cheo de xóvenes universitarios, eu fun a coller un auga e non cabía unha mosca).

Ninguén o sabe, ata que una vez nas librerías na carátula do libro apareza "Gañador do premio X no ano 2007", "Finalista do premio X no ano 200...". E a quén lle vai importar.... .... . Márketing e publicidade, con iso se pode ata vender merda, a vista está, ti xa puxeches un exemplo.

Un saúdo.

12:02 PM  

Postar um comentário

<< Home