24.2.09

«Rosalía 21»

Hoxe é «Día de Rosalía», conmemoramos o 172 aniversario do nacemento da nosa poeta primeira. Con este motivo aparece Rosalía 21, o libro colectivo de ensaios do proxecto multiartístico coordinado por Anxo Angueira. Un libro ben fermoso para unha data que non debe pasar desapercibida.

Marcadores: , ,

10.1.09

Xerais 2009: trinta aniversario, 3.000 títulos

Hoxe no suplemento «Nós» do Xornal de Galicia dedicado ás novidades do sector editorial galego para o 2009 adiantamos o que será unha parte do noso programa para este ano no que celebraremos o trinta aniversario da editorial e superaremos os 3.000 títulos publicados.
É moi de agradecer a xenerosidade de Xornal de Galicia dedicando quince páxinas a informar coa maior amplitude sobre o libro galego. Este suplemento constitúe un auténtico fito. Unha mostra de autoestima coa literatura de noso. Beizóns para os seus responsables.

Marcadores: , ,

21.12.08

«Malia ao escaso tirón»

Lendo esta incrible noticia publicada no xornal.com sobre o posicionamento nas librarías das novidades editoriais galegas durante esta campaña de nadal, compréndese mellor que a nosa peor e principal doenza é a da falta de autoestima e confianza na literatura propia.
Velaí un exemplo da profecía cumprida. «As editoriais españolas mandan nas vendas das librarías galegas este Nadal.» O titular promete, mais entrando na redacción do corpo da noticia, xa nos decatamos que asistimos ao coñecido relato da carencia de best sellers en galego. Non os temos, aínda; mais temos unha oferta variada e literariamente coidada. Pois non. Tanto para o redactor da noticia como para un dos libreiros consultados neste Nadal hai «moitas novidades en galego máis ningunha destacada» (que eles identifican coas obras narrativas de Suso de Toro e Manuel Rivas; e recalcan as narrativas, que as xornalísticas se «venden menos,» non se vaia confiar nin o propio Rivas que ousou publicar este ano dúas). E ámbolos dous quedan tan panchos, utilizando sen arroibarse categorías que para eles forman parte das evidencias. Outros dirán que son as categorías do mercado. Pobre ducia de novidades narrativas galegas (que están recibindo un magnífico tratamento por parte dos esforzados críticos) e doutras tantas magníficas traducións (sempre chegan tarde) despachadas de forma tan fulminante e pouco matizada.
Con todo, o máis tremendo da noticia, é o parágrafo final, onde o redactor, por se non quedase claro, ao relacionar os títulos galegos que sobresaen (meus «pobriños», failles un favor ao citalos, mesmo a eses dous «premios nacionais»), volve recordarnos «malia ao escaso tirón». Noxenta, a verdade, esta falta de orgullo polo propio. Inconcebible en calquera outro sector económico.
Con semellante entusiasmo expresado polos libreiros consultados e polos responsables da redacción de Xornal de Galicia (unha noticia impropia deste medio), a Campaña da Consellaría de Cultura e Deporte de promoción da venda do libro e disco galegos quedará reducida ao cativo territorio do voluntarismo militante das minorías galegófonas da minoría de lectores. E a noticia, nada fala, do noso libro infantil. Tampouco imos fachendear de contar cun pobo lector. Outra mostra máis de que o principal problema do libro e da lectura en galego, somos nós e a nosa falta de autoestima.

Marcadores: , , ,

20.10.08

«O libro das cidades imaxinarias»

6.8.08

"Unha lectora nada común"

Una lectora nada común, a noveliña de Alan Bennet, é unha fábula coa que me divertin un pedazo. Qué sucedería se os políticos, neste caso a raíña Sabela de Inglaterra, se convertesen en lectores voraces? Esta comedia sen grandes pretensións propón unha reflexión sobre o poder subersivo dos libros literarios, da lectura e da escritura, e, en xeral, de todas as artes. Inevitable imaxinar qué sucedería se os nosos políticos adoptasen un comportamento semellante. Un texto de ficción interesante sobre o valor da lectura. Recoméndoa, lese nunhas poucas horas. Unha lectura suave de verán.

Marcadores: , ,

22.5.08

"Itinerario de luz", reeditada a obra de Enrique X. Macías

Hoxe levei unha boa ledicia cando recibín un paquetiño da Consellaría de Cultura e Deporte que gardaba unha grande sorpresa para min: un dobre cedé que contiña a reedición das gravacións das obras de Enrique X. Macías, editadas por Miso Music. O dobre cedé, editada á iniciativa da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural, recolle unha parte significativa do catálogo de obras de Enrique dende 1986 a 1995: "Itinerario de luz" (1995), interpretada por London Sinfonietta e gravada no CGAC; "Antistrofas" (1993/95), peza para cello e electrónica; "Adhuc" (1992/93), para seis instrumentos, gravada en París; "La Lyre du Désert" (1988), peza electroacústica realizada en París; "Iubilaeum" (1993), peza para tres instrumentos gravada en Santiago; "La Chambre dans l'Espace" (1992/93), peza para trío gravada no Pazo de Castrelos de Vigo e "Sonata" (1986/89), peza para piano, interpretada por Roberto Bollea e gravada na Gulbenkian de Lisboa. A recuperación destas gravacións constitúe, xunto aos tres concertos destes días, un paso importantísimo para a posta en valor do legado musical de Macías. Beizóns á Dirección Xeral de Creación Cultural por facelo posible.

Marcadores: ,

21.5.08

"Festina lente"

Hoxe recibimos está novela de Marcos S. Calveiro. Intúo que vai dar moito, moito que falar. Só anticipo que estamos diante dunha marabilla. É un grande orgullo que forme parte do noso catálogo. Beizóns Folerpa!
Sinto que os impacientes teñan que agardar ata a vindeira semana, na que chegará ás librarías.

Marcadores: , ,

15.3.08

Xosé María: o escritor poliédrico

Moi recomendable é o artigo de V. Oliveira, publicado en Galicia hoxe, dando conta das máis recentes novidades editoriais de e sobre a figura de Xosé María Álvarez Blázquez publicadas por Galaxia e Xerais. Nos vindeiros meses, antes do 17 de maio, aparecerán as edicións d' A cidade e os días e a Fotobiografía, dús grandes obras que nestes momentos temos case rematadas.

Marcadores: , , ,

6.3.08

"Incertos" de Antón Dobao

Xunto coa novela de Veiga e a edición do primeiro tomo d' O segundo sexo, a finais da vindeira semana estarán nas librarías outras novidades literarias que entendo de moito interese: Incertos, primeiro libro de relatos de Antón Dobao; Diario dun pai acabado de nacer de Henrique Alvarellos; A cultura do pan de Xosé Lois Ripalda; Obra dramática de Francisco Taxes (que inclúe dúas pezas ata agora inéditas) e outro volume dedicado ao teatro de Manuel Varela Buxán (que inclúe dúas pezas Se o sei... non volvo a casa e Taberna sen dono); Hordas de escritura o novo poemario de Chus Pato e Acendede as almenaras o poemario de Bernardino Graña. Completa esta remesa de novidades de fin de inverno con dous álbums infantís de grandes ilustradores europeos: Negros e brancos, a recuperación en galego do inesquecible conto pacifista de David McKee (o creador de Elmer, personaxe do que temos seis libros no catálogo) e Un barquiño coma min de Thomas Docherty. Con seguridade que sobre estas obras, nas que abordamos todos os xéneros, volveremos nas próximas semanas.
Adianto o texto de contracuberta que preparamos para Incertos de Antón Dobao (a impactante portada é de Fran Herbello, que consolida a súa contribución á renovación da imaxe da nosa colección de Narrativa):
Estes contos incertos de Antón Dobao apuntan ao horizonte do que non é predicible. Son trece historias nas que o extraordinario, o inesperado, acaba por se converter na marca distintiva dunhas vidas aparentemente normais. Porque nada do aparente é real e a realidade habita outras dimensións. Nestes relatos, as personaxes non son apenas monecos nas mans dun fado caprichoso, senón que tecen a súa vontade, cos seus actos, cos seus desexos e os seus temores, as encrucilladas en que se verán atrapadas as súas vidas. Para o lector, o inesperado accede en toda a súa naturalidade, con toda a crueldade, con absoluta fereza; fai agromar os recantos menos coñecidos evidenciando o principio de incerteza. Mais sobre todas estas historias aboia inevitablemente aquilo que nos caracteriza como humanos: a necesidade de comunicar, de amar, de negar a presenza imperial da morte. E as múltiples faces do poder.
Etiquetas:

Marcadores: , , ,

5.3.08

"O profesor de vegliota" de Manuel Veiga

Coa que está caendo sobre o futuro da lingua, a aparición d' O profesor de vegliota, a nova novela de Manuel Veiga, ven como anel para levar o debate ao espazo da creación cultural. A novela, que está nas librarías antes de semana santa, propón, entre outros temas, unha reflexión moi dura sobre o papel da lingua na sociedade e o seu futuro. Reproduzo o texto de contracuberta que preparei para presentala:
"Tras ser depurado e coa intención de non poñer en perigo a súa muller e a súa filla, o profesor de idioma regresa a Puebla, a súa cidade natal, na derradeira viaxe do tren arrancatravesas. En Puebla pretende ocultar os dous mecanoscritos, que conseguiu salvar tras a última incautación da súa computadora, onde recolleu as súas investigacións sobre o vegliota, unha lingua que durante un tempo chegou a ter a súa pequena idade de ouro, mais que agora desaparece irremediablemente tras a imposición da lingua oriental como a única oficial. O profesor de vegliota de Manuel Veiga é, en parte un relato policial, con ingredientes de novela de misterio e atmosfera de ciencia ficción, que se ofrece como un laio desesperado por unha perda. Unha novela impactante, talvez un ensaio sobre o futuro da lingua, sobre as posibilidades de sobrevivir sendo diferentes, sobre a identidade, sobre a resistencia e sobre as contradicións que supón esta loita."
Etiquetas:

Marcadores: , , , ,

4.3.08

"Memoria contra Alzheimer", presentación

Onte presentamos en Vigo Memoria contra Alzheimer a novela curta de Rafael Laso publicada en Fóra de Xogo. O acto celebrouse na sede Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Vigo, entidade profesional á que pertence o autor, coa presenza dun público numeroso. Rafael Laso sinalou na súa intervención que na novela pretendeu que unha partida de xadrez xogada ás cegas, unha das máis famosas da historia, marcase o ritmo dos capítulos dunha obra na que pretendeu abordar a patoloxía do Alzheimer, unha das patoloxías sociais que nestes momentos máis preocupa. "O xadrez é un deporte honesto, no que se precisa moita capacidade e moita memoria, á de dúas persoas que se enfrontan nunha batalla sen danos colaterais, baseándose na súa memoria". [...] "Quixen describir as fases do esquecemento que se van producindo no Alzheimer por medio dunha personaxe que non sabe se é un xogador ou unha peza, ao tempo que vai abandonando os recordos que o acompañaron ao longo da súa vida. Unha xogada na que o protagonista é consciente de que ten a partida perdida". Rematou a súa intervención sinalando que pretendeu propoñer aos lectores unha reflexión sobre o esquecemento: "cando hai alguén capaz de lembrarte, existirás", aínda que "como sinalaba o meu querido Carlos Casares, non hai maior certeza, xa que non sabemos a razón pola que toda a xente ao final acaba esquecendo".
Etiquetas:

Marcadores: , , ,

16.2.08

"A venus de cristal", presentación

Onte presentamos na Coruña A venus de cristal, a segunda novela de Chelo Suárez. O acto foi concurridísimo, máis dun centenar de persoas, e confirmou a miña intuición de que esta novela vai constituír unha das sorpresas deste ano literario recén comezado. Foi presentada pola escritora Begoña Paz (da que publicaremos proximamente As mellores intencións, premio de novela curta do concello de Riveira).
Chelo Suárez, como o seu protagonista, o vidreiro de Murano Pietro Puliani, procura nesta novela de espírito renacentista a beleza en cada unha das páxinas. Unha historia ambientada naquela Venecia opulenta e cosmopolita do século XV onde utilizando os recursos dunha novela de intriga (con crime incluído) se propón unha reflexión sobre o fuxidío da beleza. Empregando unha prosa minimalista, sinestésica e unha estrutura de capítulos moi breves, Chelo vai mesturando o onírico co real, o vivido co soñado, a alquimia coa sensualidade, para propoñernos un ensaio sobre a beleza perfecta, que identifica, como tamén fixeron os mestres renacentistas coa inmortalidade que só se adquire por medio do coñecemento. A novela é, ademais, unha homenaxe ao mestre Boticcelli e a dúas cidades (a Venecia, filla do mar e labirinto de paixóns; e a Firenze templo da beleza serena) que emerxen luminosas construídas por palabras-laxe. Un texto interesante e de lectura engaiolante. Agardamos as primeiras críticas e valoracións dos lectores e lectoras. O éxito de presentación tan exitosa encheunos de expectativas.
Etiquetas:

Marcadores: , , , ,

9.2.08

Vestio

Acabamos de recuperar para a colección "Fóra de Xogo" Vestio, a novela que Xosé Miranda publicara por vez primeira en 1995. Un libro que enlaza temática e formalmente, co moi exitoso volume de contos As mans no medo (publicado o pasado ano e xa reeditado) e co, tamén reeditado, volume de narracións do fantástico A biblioteca da iguana. Tres obras dun mesmo ciclo dun dos nosos maiores narradores contemporáneos.
Velaí o texto de contracuberta que preparamos:
"A doutora Eva García, destinada no remoto lugar de Viana das Veigas, atópase cun cadáver sen rostro e coas mans esmagadas. Xunto ao cadáver aparecen unha carta e un diario. Lendo o diario a doutora vai descubrir as claves de estraños comportamentos e estraños acontecementos que non só se refiren as habitantes da vila, senón a ela mesma, ao seu marido e á súa filla desaparecida hai anos. Eva descubre con abraio que o cadáver resulta ser un antropólogo inglés chegado co pretexto de estudar unha antiga seita priscilianista. Vestio condúcenos de sorpresa en abraio polos labirintos máis inextricables da alma humana e das crenzas máis insospeitadas e terribles. Nin das sombras nin dos homes (como con dor e espanto descubre a doutora) pode fiarse o lector. Unha novela de intriga, suspense, pánico e misterio. Unha narración claustrofóbica, labiríntica, aterradora."
Recomendo encarecidamente a lectura para aqueles gosten das novelas de terror e do fantástico. A solidez narrativa de Miranda (xa corenta e oito títulos no noso catálogo) nunca defrauda.
Etiquetas:

Marcadores: , , ,

31.1.08

Letras Galegas 2008

29.1.08

Estreas narrativas: Salter e Chelo Suárez

Comezamos o ano con dúas estreas na colección Xerais Narrativa: a novela A venus de cristal da narradora coruñesa Chelo Suárez e o libro de relatos A idade da auga do escritor escocés (afincado en Galicia) James Salter.
A de Chelo, ambientada na Venecia de finais do século XIV constitúe unha proposta de narración moi singular, protagonizada por un vidreiro alquimista que frecuentando todos os bordeis dunha cidade en decadencia procura atopar rapaza que agoche no seu interior unha alma inmortal e bela. Unha narración sensual, de prosa moi elaborada, enchida de personaxes grotescos e fantásticos.
A de James, oito relatos ambientados todos eles en Vigo, unha cidade-barco case chea de gaivotas, na que se exploran os vieiros do imaxinario creativo e fantástico de Cunqueiro ou do pintor Urbano Lugrís. Dous novos autores para a narrativa galega que creo supoñerán toda unha sorpresa. Agardemos a recepción destes textos.
As dúas cubertas, como ven sendo adoito nas últimas entregas, son do fotógrafo Fran Herbello.
Etiquetas:

Marcadores: , ,

28.1.08

O Carnaval en Galicia

Coincidindo co inicio desta primeira semana do Entroido puxemos nas librarías unha nova edición, totalmente renovada, do Carnaval en Galicia, o libro de Federico Cocho, con magníficas fotografías de Manuel G. Vicente, que percorre as manifestacións e a xeografía do noso entroido tradicional, tanto rural como urbano: os Momos e Mecos, os Felos de Maceda, os míticos Cigarróns, os Troiteiros de Bande, os rechamantes Xenerais do Ulla, os Merdeiros de Vigo, Peliqueiros, Pantallas, Tamborradas de Viana do Bolo, Foleiros de Sande, Marfois, Choqueiros, Zarrampallos, Madamas e Galáns de Cobres... E tamén a rica tradición do carnaval nas vilas e cidades: o Urco e o Ravachol de Pontevedra, os apropósitos coruñeses... Un libro ben xeitoso para estes días de xoldra.
Etiquetas:

Marcadores: , , ,

18.1.08

"A neve do tempo"

Hoxe presentamos en Ourense A neve do tempo, un fermoso libro de arte froito da colaboración entre o escritor Alberto Pascual e o pintor José Antonio Ocaña. Para o crítico Juan Carlos García Alía, ambos os dous autores “forxaron un valioso libro de artista por cuxas páxinas despregan un fermoso espazo dual e equilibrado co que, a propósito do amor, a terra, a vida e a morte, as dúbidas, encamiñan ao lector ao goce analóxico de dúas artes orixinais que, en lugar de contrapoñeerse, se dan a man: os sentidos poemas de Pascual, e as suxestivas pinturas de Ocaña realizadas con lapis de cor, acrílico e impresións dixitais”. “A xa vedraña relación pintura-poesía, que clava as súas raíces na antigüidade, coas noticias reveladas por Simonides de Ceos (V a.C), Aristóteles (IV a.C.) ou Plutarco (II y I a.C.), patentadas na ut pictura poesis de Horacio (I a.C.); a inflexión do Laooconte de Lessing (1776), e a subseguiente ambivalencia sobre os límites interartísticos argumentadas durante séculos posteriores (Gombrich, Winesatt, Mitchell, etc.), renace nesta orixinal composición na que, como albisca Alfonso Palomares, o prologuista, lonxe do típico libro no que se ilustran uns poemas ou se rima a partir dunha iconografía, Ocaña e Pascual concatenan linguaxes autónomas nas que xurde harmonicamente un mesmo sentir nesta creación. Os propios artistas veñen conferir que este traballo, realizado de manera independente por cada un, conflúe ao xeito dunha percepción do visible e o sensible a través dunha vertente xánica –pintura e poesía–, cal virtual ambivalencia, mais cunha soa moeda: albiscar un retrinco de arte no que entre dúas verbas se desangra A neve do tempo.
Etiquetas:

Marcadores: , , , , ,

6.1.08

O ano de don Xosé María

No artigo da semana abordo por segunda vez a figura de don Xosé María Álvarez Blázquez, nesta volta na súa relación con Vigo, cidade da que foi Cronista Oficial e á que dedicou dous dos seus máis importantes libros, La ciudad y los días e Vigo y su historia. Nas próximas semanas pretendo rematar a serie cun traballo sobre XAMB editor. Sei que a figura de don Xosé María ocupará unha importante atención nestas bretemas ao longo deste ano. Non é casual que o primeiro libro que nos chegou do prelo foi, o pasado venres, a Poesía galega completa en edición de Xavier Rodríguez Baixeras; na próxima chegara a nova edición de Roseira do teu mencer (que incluímos na colección Xerais Merlín e diriximos ao escolares de Primaria) ilustrada por Manuel Uhía, incluíndo un epílogo biográfico e un estudo literario sobre o poemario preparado por Darío Xohán Cabana, autor tamén dunha importante biografía que sobre o editor e escritor tudense publicaremos a finais de xaneiro.

Marcadores: , , , , , , , , ,

26.12.07

"As pontes no ceo"

Hoxe presentaremos en Pontedeume, as 20:00, no Salón de Caixa Galicia, As pontes no ceo, a derradeira entrega da triloxía Vidas de infancia de Ramiro Fonte. No acto participarán César Antonio Molina (ministro de Cultura) e Gabriel Torrente Piñeiro (alcalde de Pontedeume).
Preparei apenas tres notas de editor sobre unha obra que considero fundamental para anchear as marxes de excelencia da narrativa galega. Reproduzo parte do texto que lerei na presentación:

"Como editor destas Vidas de infancia quixera expresar tres brevísimas notas sobre a novela que nos convoca, na que a diferencia das dúas primeiras entregas da triloxía de Fonte, nas que no relato primaba a vida familiar e o entorno escolar, se alumea xa de forma absolutamente decidida a voz da colectividade eumesa por medio de máis dun centenar de personaxes.

Primeira: Ramiro Fonte amosa en toda a obra, e especialmente nesta derradeira entrega, que un dos mellores camiños do escritor (do noso poeta, narrador e ensaísta) para escrutar no máis profundo da condición humana é facelo dende o espazo da local. Aquí, tras as historias humildes de mestres como don Pablo Díaz Novo, músicos como o barbeiro bohemio Uxío Cuíñas, persoas afoutas como Xosé Piñeiro González, o noso primeiro aviador, ou sequera doutras figuras como os futbolistas eumeses Pahíño e Marcelino (o do gol contra Rusia da Eurocopa) atopamos o retrato máis universal de seres humanos enfrontados co seu destino.
O relato de Ramiro Fonte sendo esencialmente local, pegado á cotidianiedade daquel Pontedeume de hai corenta anos, hoxe desaparecido, é, porén, radicalmente universal, perdurable e transcendente porque o narrador biografa as cousas esenciais, aquelas que case sempre se acaban ocultando. Fonte amosa, ademais, que é posible escribir dende a piedade, asumindo de forma respectuosa os riscos de introducir no seu relato persoanxes reais, o que non lle impide ironizar sobre os poderosos e dignificar os humildes.

Segunda: Ramiro Fonte amosa en toda a obra que a infancia é o territorio primeiro da memoria e o berce máis xenuíno da conformación da nosa presenza no mundo. Aquí a recreación da infancia eumesa de Ramiro é a creación colectiva dun mundo. Así sucede tamén neste volume no que se narran cos ollos dun neno, como testemuña que foi o autor, acontecementos tan decisivos como as súas andanzas de boy scout, a súa participación nos folións, como foi capaz de destilar os misterios do azul de metileno, as súas travesías como mariñeiriño pola ría no Nel e no Xeitosiño ou a botadura daquel enorme petroleiro na factoría onde traballaba o pai (un episodio extraordinario).
A memoria para Ramiro non é nostalxia saudosa, a memoria nesta triloxía é a construción vivificadora dun relato colectivo que dá sentido ás nosas vidas. A escritura do eu transfórmase en escritura do nós.

Terceira e última: Ramiro Fonte amosa que é posible escribir unha boa prosa coa mesma precisión dun bo poema. Os aspectos formais da triloxía, mantendo a mesma estrutura nos tres volumes e mellorando, se é posible, a calidade do texto en cada entrega, anchean os límites da narrativa galega. Eis a transcendencia dunha obra literaria que sei collerá máis e máis valor a medida que pase o tempo. N’ As pontes no ceo, como nos dous volumes anteriores, as frases todas están ben construídas e medidas, son transparentes, miniadas co traballo artesanal que lle corresponde a un narrador honrado.

En definitiva, estas tres notas amosan a miña admiración por unha obra da que en Xerais nos sentimos extraordinariamente satisfeitos de ter colaborado en facer chegar aos lectores. Beizóns para Ramiro por tela culminado. Sei que son moitos os lectores e lectoras que saben agradecer a proeza que hoxe celebramos."

Etiquetas:

Marcadores: , , ,

25.12.07

"Estiñada", novo disco de Ledicia

Mañá, 26 de decembro, ás 20:00 horas preséntase no Centro Civico de Caranza Estiñada, o novo disco (CD e DVD) do grupo Ledicia do Colexio Público Manuel Masdías de Ferrol. Despois da aparición hai dez anos de Polo correo do vento, este segundo disco de Ledicia antologa vinte e un temas deste grupo pioneiro dentro da nosa música infantil.
Nacido en 1983, con motivo do festival de música infantil "Cantareliña" esta formación escolar vén funcionando de forma ininterrompida, tratándose da único estable que interpreta cantigas infantís propias en lingua galega. O grupo baseado nos nenos e nenas do colexio, ten cada ano algunha modificación, aínda que existe unha base estable constituída por ex-alumnos/as, profesorado e pais e nais. Na actualidade, ademais do equipo de son que os acompaña habitualmente, Ledicia está formado por sete instrumentistas (percusión, baixo, violíns, viola de gamba, guitarras, frautas, acordeón e teclados), catro voces principais e entre quince e vinte nenos que fan coros. Alentou dende a súa fundación o grupo Xosé Lastra Muruais, contando coa inesquecible presenza do desaparecido Miguel Varela, facho que foi recollido agora polo seu fillo Xurxo.
Ao longo dos case vinte e cinco anos de vida, Ledicia ten realizadas centenares de actuacións por toda Galicia, especialmente na comarca de Ferrol, ademais de ter actuado en Xixón, Madrid, Rotterdam e Bruxelas.
En definitiva, unha experiencia musical, educativa e cultural galeguizadora dunha comunidade educativa volcada arredor das notas e as palabras en galego. Algo verdadeiramente tan modélico coma extraordinario que merece ser salientado. Recomendo moi vivamente o disco, onde aparecen algúns dos temas máis coñecidos do grupo "Polo correo do vento", "Caranza", "A buxaina"..., xunto a novas versións de cancións tan coñecidas como "Palabras para Xulia", "O piollo e a pulga", "Lela", "Rumboia" ou "Pasado o punto do rescate".
Estiñada, o cedé e o dvd (inclúe karaokes, gravacións de diversos concertos e centos de fotografías da historia do grupo) pode comprarse directamente neste correo electrónico:
ceip.manuel.masdias@edu.xunta.es,
chamando a este teléfono (9813274039)
ou dirixíndose a este fax (981325370).
Etiquetas:


Marcadores: , , ,