22.5.07

Caderno de Damasco (e III)

NA BIBLIOTECA CUNQUEIRO
A razón da nosa viaxe foi participar nun debate sobre a “Edición e a tradución en Galicia”. Despois de visitar a Biblioteca Cunqueiro (cuns fondos galegos aínda escasos) e visionar unha presentación multimedia sobre Galicia e a literatura galega (moi xeitoso), a nosa primeira sorpresa foi o interese dos medios de comunicación sirios polo que sería o desenvolvemento do acto. Tanto Moisés coma min fomos entrevistados longamente tanto pola radio como pola televisión públicas sirias. Amelia Puga, unha compostelana residente en Damasco dende hai dezasete anos, foi a xornalista que nos fixo unha entrevista emocionante para o espazo semanal que mantén en Radio Damasco, dirixido a comunidade de fala española (hai unha importante presenza venezolana e cubana, ademais dos tres mil alumnos do Instituto Cervantes). Custoume moito responder a unha das súas preguntas, cando a súa voz semella ía crebar: “que cre pode supoñer a súa presenza en Damasco para a comunidade galega emigrante?”.
Co tempo moi axustado, baixamos ao Salón de Actos, onde nos agardaba un público numeroso (unhas sesenta persoas), formado por profesores universitarios damascenos, media ducia de editores, alumnos do Instituto Cervantes e membros da comunidade emigrante. O debate desenvolveuse en español con tradución simultánea ao árabe interpretada por Najer, un traballador do Instituto, sirio cristiano, que viviu na Habana durante nove anos e onde se licenciou en veterinaria. Najer, unha persoa entrañable e moi simpática, acompañaríanos o día seguinte na visita que realizamos nas aforas da cidade á mesquita xiíta de Sayda Zeinab (unha experiencia impactante, quizais a máis forte da viaxe, onde unha relixiosidade extrema se mestura cun luxo arquitectónico desaforado). Najer recordounos o carácter emigrante do seu pobo (hai preto de quince millóns de sirios emigrados); explicounos as razóns polas que hai cans só nos barrios cristianos; xustificou a revolución que está supoñendo as parabólicas ou laiouse das dificultades de acceso a Internet.
Abriu o acto o director do Instituto, Antonio Gil Carrasco (un anfitrión delicadísimo, como a súa compañeira Mari Ángeles), que falou a maior parte do tempo en árabe, salientando o compromiso que o centro tiña coa figura de Álvaro Cunqueiro e coa proxección da cultura e literatura galega no mundo árabe. Iniciei a miña intervención recordando a figura de María Mariño e explicando as razóns da celebración do 17 de maio con Día das Letras Galegas. A continuación proporcionei algúns datos básicos sobre a edición en galego, para rematar bosquexando unha panorámica da actual literatura galega, con especial atención á narrativa. Pola súa banda, Moisés R. Barcia presentou a experiencia de Rinoceronte, como especializada en tradución ao galego de literatura de calidade das máis diversas linguas, expresando tamén as posibilidades de que a editorial no futuro acometa o proxecto de traducir literatura galega a outras linguas, unha estratexia exitosa que veñen realizando editoras islandesas.
O máis interesante foron as preguntas dun público moi curioso que nos interpelou sobre as máis diversas cuestións: a situación das linguas en Galicia e do seu ensino; as semellanzas entre o galego, portugués e o castelán; o apoio ao sector editorial que recibiamos do estado; o papel da lectura na escola; os autores máis traducidos da literatura galega actual; a existencia de traducións do árabe ao galego; o papel dos medios de comunicación na promoción da lectura…
Especialmente significativa foi a derradeira intervención, a dun membro da Asociación de Amigos de Malula que promove a edición en arameo, unha lingua que aínda se fala nesta pequena vila cristiana e que conta con certa axuda por parte do goberno sirio. Ao remate do debate, intercambiamos tarxetas cos nosos colegas sirios. A pesar das dificultades que eles expresaron (as tiradas alí son moi escasas e non existe unha rede de librarías), abríronse algunhas posibilidades de acometer algunhas traducións de obras galegas. As portas e o interese quedaron abertas.
Etiquetas: Damasco

Marcadores: ,

4 Comments:

Blogger paideleo said...

E por que só hai cans nos bairros cristianos ?.

12:36 PM  
Anonymous gardalivros said...

parabens pola crónica, Manolo !A falla de rede de livrarias,tiveches oportunidade de coñecer a situación das bibliotecas e das escolas?

1:54 PM  
Blogger Brétemas said...

Sen entrar nun tema moi polémico, o can non é o animal preferido polos musulmáns. É certo que non vimos can ningún en Damasco e, si pola contra, algúns gatos.

8:22 PM  
Blogger Brétemas said...

Non tivemos oportunidade de coñecer a situación nin das bibliotecas nindas escolas, máis alá do dato do 75% como porcentaxe de alfabetización (co pouco que isto pode indicar). Con todo, percibín un certo desánimo dos editores con respecto aos índices de lectura do seu país, fóra da que se produce nas madrasas.

8:33 PM  

Postar um comentário

<< Home