24.2.09

Brétemas muda a blogaliza

Despois de catro anos con blogger estás brétemas mudan para a comunidade de blogaliza. A partir de hoxe estamos aquí, onde iniciamos con enorme ilusión as Brétemas 2.0 Como a casa nova está aínda en obras, faltan algunhas cousiñas. Prego tomedes nota do novo enderezo e saibades desculpar os inconvenientes que esta mudanza vos poida ocasionar.

Marcadores: ,

14.2.09

O meu twitter

Aquí o twitter de brétemas. Para seguir a conversa.

Marcadores: ,

30.1.09

Entrevista en «Luces» de «El País Galicia»

Teresa Cuíña fíxome esta entrevista que aparece publicada hoxe nas páxinas de «Luzes» de El País Galicia. A fotografía é de Lalo Villar. Grazas aos dous polo seu agarimo e magnífico traballo.

Marcadores: , , ,

13.1.09

Quitómetro

O quitómetro que teño instalado no ordenador sinala que levo tres semanas, seis días e non sei cantas horas sen fumar. Unha decisión que tomei inconscientemente, a partir daquel trancazo febril que me deixou sen ganiñas ningunhas de fumar durante moitos días. E seguín. O quitómetro informa tamén que, previsiblemente, nestes días xa non padecerei picos de ansiedade pola falla de nicotina. Aí falla de cheo, o formigo e o bule bule, a pesar dos vasos e vasos de auga, continúa no corpo; así como unha certa falta de atención, tan molesta para ler e escribir. No entanto, a pesar destas dificultades, estou satisfeito da marcha desta intentona, na que durante o Nadal superei as probas máis difíciles (festas, longas sobremesas...). Para deixar de fumar non conto máis que coa axuda do quitómetro de marras (informa, ademais dos cartos aforrados en tabaco, no meu caso xa 100 euros) e a receita caseira de beber moita auga. Continúo gozando do arrecendo tan rico do tabaco. Non é doado desengancharse desta adicción que me acompaña dende os quince anos.

Marcadores:

3.1.09

Cuarto aniversario

Hoxe estas brétemas chegan os seu cuarto aniversario. Dende aquela primeira anotación, levamos 2.240 (513 neste cuarto ano), decrecendo un chisco o noso ritmo de publicación Ben é certo que desde o pasado mes de abril, desdobramos a nosa voz coa creación do blog de Xerais, razón pola que estas brétemas abandonaron case completamente o seguimento da produción da editorial, principal eixo do meu traballo profesional. Segundo indica o contador, ao longo deste ano tamén baixaron notablemente as visitas, situándose por riba das 2.000 á semana (120.000 dende o pasado ano). Tematicamente o blog continuou polos seus camiños fundacionais, interesándose moito polo seguimento da lectura galega e as literacidades contemporáneas, así como pola educación para a paz e os dereitos humanos, o que non impediu que continuemos coas nosas entusiastas crónicas celestes ou con comentarios sobre actualidade política e cultural galegas.
Repasando o que foi este cuarto ano, atopo algunhas anotacións que merecen ser lembradas. No mes de xaneiro a da recuperación dos merdeiros no entroido de Vigo; en febreiro as dúas anotacións sobre historias de fútbol rebelde; en marzo a da economía do gratuíto; en abril a da celebración do «Serán pola paz»; en maio a da lectura en pantallas; en xuño a de editores do século XXI, a raíz do manifesto de Sara Lloyd; en xullo a realizada sobre a intelixencia de Barreras; en agosto a da polémica de Steiner e o galego; en setembro a necrolóxica in memoriam de Suso Jares; en outubro as palabras de despedida de Ramiro Fonte; en novembro as quince características óptimas dun e-book e en decembro a nosa contundente denuncia dos bombardeos sionistas sobre Gaza. Creo que o vídeo do ano no blog foi o da cincenta moribunda, a crónica celeste máis auténtica foi a do escandaloso remate da pasada tempada e a beizón máis vibrante (houbo moitas) a da posta en marcha das Ediçoes Nelson de Matos.
A pesar de que non mo aconsellan os especialistas, decidín continuar co proveedor e deseño inicial do blog, actualizándoo só coas utilidades que considero imprescindibles, e coa da relación dos blogs que leo, xa que sigo crendo que o valor fundamental de cada un dos blog está na permanencia da voz do seu autor, é alí onde reside a credibilidade desa identidade individual de dominio público e da comunidade que crea ao seu arredor. Iso non quere dicir que desmereza o valor deses blogs lumieiras, extraordinariamente coidados e traballados para sorprendernos cada día aos lectores co seu galano.
Dende hai catro anos, a comunidade do blogs en galego ampliouse moito e hoxe xa é imposible seguir as anotacións de todos os seus membros, como intentabamos facer daquela. O que se gañou en perímetro (cinco milleiros de blogs son moitos, a verdade), perdeuse en identidade da comunidade. Hoxe son as redes sociais e as pequenas comunidades de blogs especializados tematicamente as que protagonizan aquel espírito entusiasta do primeiro blogomillo, tendencia que penso se intensificará aínda moito máis no futuro inmediato.
Aproveito esta anotación recompilatoria e de autobombo para agradecer a participación a todos os comentaristas do blog (máis de tres mil ao longo deste ano), a pesar de que nalgunhas ocasións discrepo abertamente das súas posicións, mais tamén considero que deben ser respectadas, xa que este espírito tolerante e aberto é o propio da nosa cultura blogueira. Beizóns, tamén, para os lectores e lectoras anónimos, que tantas veces me fan arroibar cando din que seguen as brétemas. Aquí continuaremos, mentres teñamos algo interesante que contar e tempo (iso é o máis escaso) para facelo, coa mesma esperanza, ilusión e humildade do primeiro día.

Marcadores: , ,

20.12.08

Trancazo

Prego desculpas por non ter actualizado o blog nos últimos días. Primeiro una viaxe a Madrid e despois un trancazo febril impedíronme facelo. Hoxe conseguín escribir a trancas e barrancas o artigo semanal do Faro. Agardo poder recuperar a normalidade canto antes.

Marcadores:

16.11.08

Maniático das libretas

4.11.08

Os Soprano

Jaureguízar revela hoxe un dos nosos segredos: a paixón que comparto con Agustín polos Soprano. Nos últimos meses papei as seis tempadas completas e os oito derradeiros capítulos con auténtica devoción. Algúns capítulos son memorables. Un modelo de narración moi sutil. Recoméndoos, a pesar do seu carácter aditivo.

Marcadores: ,

21.10.08

Semana Cultural de Galicia en México

Esta noite marcho a México, onde o xoves darei unha conferencia sobre «A edición contemporánea en Galicia», dentro da Semana Cultural de Galicia, organizada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística. Esta semana, que se celebrará na sede da Universidade Nacional Autónoma de México, supón o inicio das actividades da Cátedra Bibiano Fernández Osorio-Tafall de Lingua, Literatura e Cultura Galegas na capital mexicana.

Marcadores: ,

24.8.08

Regreso

Regresamos con moi boas vibracións.

Marcadores:

5.8.08

Acougo

Rematada a Feira, collemos un acougo. Volveremos en dúas semanas.

Marcadores:

4.7.08

Prontos a ler, visita lisboeta

Dous días en Lisboa (nos que abandonei completamente o blog) deron para moito: camiñar unha das nosas cidades máis queridas, falar devagariño cos editores amigos, participar na inauguración dunha exposición de libros españois e nun encontro con editores lisboetas sobre o deseño editorial, coñecer as últimas novas sobre a reconversión editorial portuguesa e, sobre todo, tomarlle o pulso á difícil situación económica e social do país irmán (que nisto da crise parece ir bastante por diante nosa).
Emocionoume comprobar que a edición portuguesa do libro de Agustín xa está nas mesas de novidades da FNAC (a carón dun libro de Edgar Allan Poe) e nos escaparates das librarías do Chiado, onde vin, tamén, a edición de deriva da Dragona de Queipo. Dúas mostras de que a nosa literatura vai abrindo unha fenda en Portugal da man dos dous editores que mellor coñecen e aprecian a nosa literatura. Quedei moi contento sabendo das boas noticias da marcha das Ediçoes Nelson de Matos, a editora independente do noso amigo Nelson, sen dúbida, o máis importante editor de cultura portugués das últimas décadas. Ademais do libro de Agustín, Nelson está enguedellado no lanzamento dun novo libro de poemas de Manuel Alegre (algún día poderá chegar o poeta á presidencia da República?) e na recuperación dun novo texto de Cardoso Pires. Apampei coa nova novela de Mia Couto (lina nunha noite nun hotel, por certo ben bonito), unha obra na que mozambicano demostra que é un dos grandes. Abraioume comprobar in situ como se consolida o proceso de concentración das editoras literarias portuguesas, acelerado pola consolidación do grupo Leya, que agora xa agrupa á editorial Caminho, a ASA, a Dom Quixote e a Oficina do livro, algo verdadeiramente incrible!, que abre múltiples interrogantes sobre o futuro e a identidade dos proxectos destas editoras e agoiro anticipa a concentración conseguinte da súa comercialización (algo que xa coñecemos aquí dende hai máis dunha década). Non hai dúbida, o sector editoral portugués está revolto.
Con todo, quizais o máis interesante, foi participar na Mesa Redonda cos colegas portugueses e co mestre Enric Satué, o comisario da exposición itinerante "Listos para ler". Durante dúas horas e media debatemos sobre o futuro do sector do libro e o papel que o deseño editorial vai ter neste proceso de tránsito inevitable entre formatos. Dende posicións máis ou menos integradas (e algunha que outra máis ben apocalíptica) chegamos á conclusión de que só terán futuro os libros impresos máis fermosos, os mellor concibidos e os mellor editados. Aí o papel do deseño e da creación do editor serán imprescindibles.
Despois de tantas novidades, volvimos con saudades, na cidade da luz, semella inevitable. Volveremos en outono para acompañar a Agustín na presentación aos medios de Só resta o amor.

Marcadores: , ,

19.6.08

2000

Esta anotación fai o número 2000 das publicadas nestas brétemas. Hai menos de dous anos, cando acadamos as 1000, reflexionabamos sobre o sentido do blog, nacido hai case catro anos, coa inxenua intención de explorar as posibilidades da textualidade electrónica proporcionada polos blogs. Ao longo deste tempo produciuse o estourido do fenómeno dos blogs (afortunadamente, tamén en galego); aquel chamado blogomillo levedou na súa diversidade, procurando o camiño de pequenas comunidades especializadas; apareceron as redes sociais con toda a súa enorme forza para compartir información e coñecemento; ademais de mellorar moito as ferramentas e as utilidades para facilitar esta forma de escritura electrónica participativa.
Nestes dous últimos anos, estas brétemas foron tamén ampliando a súa mirada temática (nada do que nos afecta podemos consideralo alleo) e reducindo o peso da crónica do noso traballo como editores de Xerais (sobre todo dende a apertura do blog da editorial, onde agora publicamos moitas das informacións que aparecían aquí). No entanto, continuamos a nosa reflexión acougada (e escasamente apocalíptica) sobre os futuros do libro (quizais hoxe o tema central de brétemas), nun momento de clara transición entre soportes, no que a primacía da calidade do contido textual é o valor principal. Continuamos tamén achegando a nosa preocupación pola participación política (singularmente en Galicia, un país que nos doe e estimula na esperanza), cando se albiscan sombras preocupantes sobre a derrota (entendida como deriva, loxicamente) da cultura da cidadanía. Temas que non nos impiden, madia leva!, desbordar a nosa subxectividade máis emotiva sobre temas futbolísticos (sen eu pretendelo, outro dos sinais de identidade do blog), onde nos sentimos menos determinados ca noutros eidos que requiren maior racionalidade.
Dende a anotación número 1000, estas brétemas recibiron máis de tres mil comentarios, o que supón unha clara redución con respecto ás mil primeiras, un fenómeno que vimos comprobando se produciu na maioría dos blogs (non só galegos). Con todo, conservamos un número de visitas que non deixa de abraiarnos e as que debemos agradecer a súa deferencia por lelas, enmedalas e criticalas. Seguimos crendo que a razón de ser dos blogs, destas identidades individuais de dominio público, no marco da nova web 2.0 (non sei se debe dicirse 3.0), reside en compartir informacións, reflexións, opinións, lecturas, películas, cancións, saudades, cabreos, risas ou momentos de beleza... entre amigos e amigas. Nesa angueira, seguiremos mentres teñamos acougo e azos.

Marcadores: , , ,

21.4.08

Grazas, Maciño

Despois de cinco anos de render moi bos servizos, esta madrugada un erro fatal ("kernel panic") estragou o meu vello mac de bola. Quedamos, pois, sen ordenador na casa (desacougado que estou con algunhas perdas de información), razón pola que estes días teremos moitas dificultades para manter actualizadas estas brétemas. Volveremos cando contemos cun novo (hai que buscar as mellores ofertas). Pregamos desculpas.

Marcadores:

3.1.08

Terceiro aniversario

Hoxe estas brétemas cumpren o seu terceiro aniversario. Dende aquela primeira anotación inocente e temerosa (paréceme agora) levamos publicadas outras 1.727 (590 noventa neste terceiro ano), un ritmo moi semellante aos dous anos anteriores. O blog medrou nas súas preocupacións temáticas, exploramos algúns camiños novos, aínda que no fundamental seguimos fieis ao interese pola lectura galega, concibida como ferramenta para comprender a cultura textual contemporánea, e ao fío do meu traballo cotián (quizais o principal argumento do relato) e das miñas preocupacións como editor en lingua galega. Non podemos queixarnos, tampouco, polas nosas visitas (unha media de tres mil por semana), 210.000 desque en setembro de 2006 colocamos un contador, aínda que o número de comentarios (uns oito mil dende o inicio) diminuíu este ano de forma notable (unha tendencia que observamos na maioría dos blogs). A principal novidade foi o inicio da nosa colaboración na rede social multilingüe de Blogs e libros, un dos camiños que me parecen máis colaborativos de cara un futuro que sei virá preñado de moitas mudanzas neste soporte comunicacional de identidades individuais. Agradezo moi sinceramente e coa maior humildade a lectura e os comentarios de todas aquelas persoas que se achegan a estas brétemas, beizóns para todas elas. Seguiremos navegando sempre que teñamos vento abondo nas velas.

Marcadores: , ,

1.1.08

Mensaxes 2008

Como xa é adoito recibín no móbil moitas mensaxes ventureiras para arroupar este 2008. Aí van os textos dunhas cantas:
  • "Matámonos a comprar, padecemos ás familias, temos que ser enxeñosos coas sms... E sobrevivimos. Quen di que o Nadal non é máxico!"
  • "Os deuses nunca abandonan aos vellos woodystas. Que teñamos un ano tranquilo."
  • "Abenzoados sexan para vós todos os días de 2008."
  • "Moi ben capeas o vento miña lanchiña.

Marcadores: ,

5.12.07

Receso

Collemos un receso. Volveremos o domingo.

Marcadores:

14.10.07

Saudades da Buchmesse

A lectura do magnífico artigo de Peter Mayer tróuxome saudades da Feira do libro de Frankfurt. Este ano tiña moitas ganas de volver –a verdade é que nos últimos dezasete anos fun unha ducia de veces e chegou a aburrirme o xigantismo que foi adquirindo– para ver o espectáculo que montaban os nosos amigos cataláns e saber cómo vai cundido o esforzo de promoción que se está realizando con decisión a Consellaría de Cultura e da AGE. Mais foime imposible, xa que nestes días tiña programada unha intervención cirúrxica no dentista (da que estou saíndo mellor do que eu pensaba). Quedei en terra e, por riba amolado.
Ten moita razón Mayer, o máis importante de Frankfurt é o encontro cos amigos editores, moito máis que a compra ou venda de dereitos que, coas excepcións dos libros visuais, faise agora maís doadamente grazas á información e a comunicación proporcionada polos medios dixitais. As feiras internacionais do libro perderon centralidade no mercado de dereitos, mais son aínda imprescindibles para detectar as grandes tendencias da edición internacional, sexa nas tipoloxías de edición como nos procedementos de promoción editorial. Sei que aprendín moito sobre a profesión en cada unha dos Frankfurts aos que acudín, percorrendo os interminables corredores ateigados do aroma dos libros publicados en todas as linguas. Lembraba hoxe con saudade os xantares e os centos de cafés alí con Carlos Casares (encantáballe a feira), Víctor Freixanes, Xavier Senín, Pepe Puga, Damián Villalaín, Daniel Rozados, Nelson de Matos, Ramón Pernas, Emilio Pascual e tantos outros amigos de Anaya... Estou con Peter Mayer: "os libros e os amigos" no oficio de editor son as dúas cousas que realmente importan.

Marcadores: ,

9.9.07

Estatísticas

Cumpriuse onte un ano desque coloquei un contador no blog. Foron 163.641 as páxinas vistas destas Brétemas. Aínda que o incremento da audiencia non é obxectivo do noso espazo, sempre anima saber que hai persoas que utilizan o noso traballo na rede. Grazas a todas elas polo seu interese.
Etiquetas:

Marcadores: ,

16.8.07

Caderno de Bretaña III

INTERCÉLTICO
Brest e An Oriant son dúas cidades de arquitectura aparentemente insípida. Bombardeadas e case totalmente destruídas por ingleses e norteamericanos, por ser bases dos submariños alemáns na IIª Guerra Mundial, estas dúas cidades obreiras foron reconstruídas empregando os criterios da planificación urbanística dos anos cincuenta e sesenta. Cuadrículas de edificios de formigón de seis andares e algunha mole singular de arquitectura racionalista conforman as coordenadas destas dúas cidades de beleza oculta. Porén, souberon atopar no seu carácter de cidades portuarias (tanto dende o punto de vista pesqueiro, comercial, militar, deportivo coma cultural) o perfil que as singulariza como dúas das máis interesantes e dinámicas de Francia.
Brest, situada nunha rada preciosa, centro dunha área metropolitana de máis de trescentos mil habitantes, atopou no mar a súa identidade, converténdose así nun dos referentes da cultura marítima mundial. A organización dos festivais marítimos (cuatrienais), a ubicación do Centro Nacional de Explotación dos Océanos, do Centro Oceanográfico de Bretaña, da base dos submariños nucleares franceses, de Oceanapolis e dunha dinámica Universidade permitiron o despegue desta cidade que aparentemente conta con escasos encantos patrimoniais.
Outrosí sucede con An Oriant, primeiro porto pesqueiro de Francia polo valor das súas capturas, unha cidade hoxe de sesenta e pico mil habitantes, renacida das súas cinzas durante os anos cincuenta, que atopou, dende 1971, na celebración do Festival Interceltique o seu elemento clave de proxección internacional e renovación urbana. Así o puidemos comprobar na nosa visita a un evento xigantesco e un chisco desmesurado (como lles presta aos bretóns) que durante dez días mobiliza e ocupa toda a cidade.
Organizado por unha entidade privada (dirixida desde este ano polo asturiano Lisardo Lombardía) e contando, fundamentalmente co apoio de empresas privadas e medios de comunicación, o Intercéltico é un modelo de organización de grandes eventos que vai moito máis alá do musical e, mesmo, do estritamente cultural. O Interceltique (hoxe o festival máis importante de Francia) é máis que un enorme evento da música folqui (con trescentos concertos, 4.500 artistas e setecentos mil espectadores), que se desenvolven nos maís diversos formatos, dende os grandes concertos no Estadio, no porto pesqueiro e no Grande teatro, ás actuacións nos bares e nas diferentes carpas.
O Interceltique é, ademais, un festival literario e unha festa do libro; un salón de arte contemporánea e, sobre todo, un grande espazo para o turismo familiar (algo fundamental en Francia) con mercadiños e espazos para o picoteo máis diverso. Actividades todas elas moi ben artelladas arredor do discurso da Keltia que ten no país convidado (nesta edición Escocia) o elemento de maior cohesión.
No noso percorrido polo "Quai des Pays Celtes" visitamos o espazo de Galicia (un pavillón de Turgalicia de deseño moi elegante, aínda que meramente publicitario, sen alma nin servizos, como teño comprobado noutras ocasións que se organiza adoito a nosa presenza en eventos internacionais) e o magnífico espazo comercial do Obradoiro de Gaitas dos Seivane, que constituía a auténtica embaixada de Galicia no festival.
As actuacións de Fía na roca, Luar na lubre, de Unión das Terras e da Banda de Gaitas de Outes foron as nosas achegas principais a un programa amplísimo que nesta edición se foi abrindo a outras músicas non estritamente folquis, unha orientación que semella se intensificará en vindeiras edicións.
De cara ao 2009, ano no que Galicia será o país convidado, moito haberá que traballar para que a nosa presenza adquira a relevancia e dignidade que un evento desta importancia e proxección merece. Quedei coa idea clara de que o Interceltique é moito máis ca un evento musical macro. Ademais de ofrecer un programa atractivo do conxunto da creación musical galega, haberá que pensar en cómo organizar a presentación da cultura (libro, arte, gastronomía...) e da realidade da Galicia contemporánea no seu conxunto. En definitiva, An Oriant 2009 debe entrar na axenda da Consellaría de Cultura e de Turgalicia.

Etiquetas:

Marcadores: , ,