11.9.07

Teatro infantil

Hoxe presentamos en Compostela o libro Teatro infantil. Do texto á representación froito da colaboración de Xerais e da Fundación Caixa Galicia coa LIJMI (Red Temática de Investigación "Las literaturas Infantiles y Juveniles del Marco Ibérico").
Este libro continúa aos publicados nos dous últimos anos con motivo do Curso de Formación Continua sobre as literaturas infantís e xuvenís ibéricas e a súa influencia na formación lectora, Multiculturalismo e identidades permeábeis e Hans Christian Andersen, Jules Verne e El Quijote na literatura infantil e xuvenil do marco ibérico. Sempre crin que unha editora como Xerais, cun catálogo amplo no eido infantil e xuvenil, ten a responsabilidade de contribuír a ampliar o catálogo existente en galego, tanto sobre a formación lectora como nos ámbitos dos estudos académicos sobre a LIX (hoxe moito máis reducido .
Este libro colectivo que presentamos an Biblioteca Nova 33, xunto ao académico Euloxio R. Ruibal e á coordinadora de LIJMI Blanca-Ana Roig Rechou, presenta unha panorámica moi completa sobre o teatro infantil nas cinco linguas ibéricas. Na primeira parte, propón unha reflexión tanto sobre a especificidade dos textos dramáticos dirixidos á infancia (especialmente os de monicreques) como sobre o concepto de representación dende os presupostos da psicoloxía e a semioloxía. Na segunda, ofrécese unha perspectiva histórica do teatro infantil nas diferentes linguas ibéricas durante o século XX. Xa, na terceira, proponse unha selección de 61 textos dramáticos infantís (publicadas nas cinco linguas ibéricas) que contribúen á educación literaria ou á formación do criterio lector. Pechan o volume sete comentarios por estenso doutras tantas obras.
O libro, como os dous anteriores da mesma serie e fasquía, ten un carácter multilingüe, xa que cada un dos traballos é publicado na lingua na que foi escrito, coa excepción dos publicados en éuscaro, que tamén aparecen traducidos para o galego, lingua vehicular da publicación. Esta escolla multilingüe, moi infrecuente nos estudos literarios, constitúe unha proposta novidosa, ao tempo que un modelo no que afondar. Son moi de salientar, tamén, as ilustracións do editor Luis Mendonça. O libro ten indubidable interese para o traballo dos mediadores (editores, bibliotecarios e profesorado) e para os investigadores da LIX e da literatura dramática.
Etiquetas:

Marcadores: , , ,