14.11.07

Nunca Máis

Ao fío da anotación anterior, penso que debo recuperar para o blog o artigo publicado o chuviñento domingo 1 de decembro de 2002 en Faro de Vigo, o mesmo día que se celebrou a grande manifestación do Obradoiro. Repasando, agora o texto (e sen modificar nin unha coma nin a ortografía anterior á da reforma de 2003), despois de cinco anos, os argumentos que manexaba foron abondo premonitorios. Eis o texto titulado NUNCA MÁIS:
Cando escribo, nesta tarde grisenta de venres, a nova marea negra, a segunda, esa temible das once mil toneladas, aínda non chegou á costa galega. Horas antes, escoitei na Radio Galega a Enrique López Veiga, o conselleiro de Pesca, que advirte con voz preocupada que “Galicia se debe preparar para o peor” xa que a mancha de fuel está só a trinta quilómetros de Fisterra. Quince días despois do naufraxio do "Prestige" e, por vez primeira, un dos responsables da Xunta de Galicia expresa o seu temor diante do inevitable vento de poñente e da imposibilidade que teñen os sete barcos internacionais en continuar a súa loita contra esa enorme marea que conmociona a todo o planeta. A alerta de López Veiga é inmediatamente desmentida polo presidente da Xunta que na cadea Cope, logo de sinalar “a perfecta coordinación de todas as administracións” en relación co accidente, asegura que “os afectados poden respirar tranquilos diante do Nadal” xa que axiña terán as compensacións aprobadas polo Congreso dos Deputados. Noticias que se completan coa publicación do informe da Axencia Internacional de Investigación do Cancro que anuncia que os estudios epidemiolóxicos demostran que hai evidencias de abondo de que o fuel da Prestige contén substancias canceríxenas ou das declaracións dos técnicos franceses do CEDRE ao diario Liberation poñendo en dúbida as posibilidades de que o fuel se solidifique nas profundidades mariñas (unha evidencia incuestionable para o vicepresidente Mariano Rajoy).
Noticias todas elas –e non nos estendemos nin nas bochornosas cacerías dalgúns mem-bros do goberno galego, a pesar de que o seu presidente asegure que aforrou uns cantos cartuchos, nin nos exercicios de prepotencia de Aznar e dos seus ministros– que demostran que a catástrofe do "Prestige" vai deixando claras unhas cantas cousas. Primeira, a gravidade sen precedentes desta marea negra, o maior desastre ecolóxico provocado no planeta por un petroleiro, que devasta e devastará durante moito tempo a nosa beiramar, un patrimonio de toda a Humanidade. Segunda, a catastrófica xestión política (por utilizar unha palabra elegante e un ton de expresión moderado) desta crise por parte do goberno español e do “desaparecido” goberno galego, que unhas veces eludiron sen a penas inmutarse a súa responsabilidade, e outras tentaron agochar a información que posuían, deixando así orfos, impotentes e desasistidos aos habitantes deste país milenario que chamamos Galicia. E isto doe, isto desacouga, isto indigna.
Por que afectados pola marea negra son os percebeiros, os mariñeiros e as súas familias (máis de sete mil, ata o momento) que loitan cómo mellor poden contra o chapapote tóxico que estraga o seu medio de vida e rouba o seu porvir e o dos seus fillos. Por que afectados son todos os veciños dos concellos da beiramar coruñesa (Muxía, xa é outra das nosas vilas asolagadas) que comproban como a morte habita nas súas praias e pasea polos cantís. Por que afectados somos, tamén, o resto dos galegos que vemos cómo se arruína este noso patrimonio natural: dende os areais de Corrubedo aos de Baldaio e Barrañán, dende as nove parellas de arao común dos illotes de cabo Vilán ata os milleiros de aves gorecidas nos areais da Costa da Morte, pilladas no seu emigrante devalar; dende o percebe das rochas do Roncudo ata os criadeiros de fitoplancton, marisco e peixe.
A marea negra do "Prestige" está provocando, sen embargo, outro efecto imprevisto. Os galegos desta volta non calaron, transformaron a súa indignación nunha nova conciencia crítica mobilizadora que emerxe en múltiples iniciativas cívicas: dende os crespóns que comezan a verse sobre a bandeira nos balcóns da cidade, os peches de artistas, as roldas de correo electrónico, ata o xeneroso traballo dos voluntarios nas praias. Unha mobilización da sociedade civil que foi capaz de tirar dos adurmiñados partidos da oposición parlamentaria e, afortundamente, tamén dalgúns xornais e emisoras privadas que sitúandose coa opinión pública están seguindo de forma admirable o desenvolvemento da catástrofe e da crise política que esta provocou.
A cidadanía galega semella que estes días quere desatar os seus nós e saír do seu conformismo esixindo que nunca máis se repita esta catástrofe humana perfectamente evitable. Sabemos que coa marea do "Prestige" nos estamos xogando o noso futuro e a nosa dignidade colectiva. A esperanza para afontalo é non ceder á resignación nunca máis. ¡Nunca máis!
Etiquetas:

Marcadores: , ,