24.12.07

Campo do Fragoso LI

BOA CAROLADA
O Celta rematou este seu “annus horribilis” cunha contundente carolada fronte a un moi frouxiño Granada 74. Catro caroliños –como diría Derviche paseando con Roquiño polas Avenidas– en senllas catro bonitas chegadas dun equipo que ten moitísima calidade diante e carencias importantes de medio campo para atrás. Os incombustibles afeccionados que aínda acudimos ás matinais de Balaídos xa estamos afeitos ao esquema do paciente López Caro: un equipo sempre ordenado (4-2-4) que deixa a iniciativa no medio do campo ao rival, agardando o momento preciso para sacudilo nunha das galopadas dos extremos ou nunha pelota longa matada por algún dos seus dous dianteiros. Así sucedeu aos nove minutos cando Perera aproveitou un servizo preciso de Larena para bater a Jaime, o gardarredes do equipo andaluz. Como xa é adoito co marcador por diante, os galegos entregaron o control e, dende entón, o partido transcorriu dunha forma desesperadamente aburrida para os espectadores. Sen medio campo celeste ningún, as continuas chegadas de Aranda (os seus caneos tolearon a Rubén), o mellor dos granadinos, mereceron algún gol. Mais coa reanudación, chegou a avalancha do equipo celeste, apupado polas alancadas á inglesa dun espléndido Núñez, un futbolista tan honrado coma xeneroso no seu esforzo; deste xeito chegaron varias oportunidades clamorosas e o formidable remate de Quincy, aproveitando o entrebote, que sentenciaba o encontro co segundo gol. Tras o troco do internacional ghanés por Diego Costa, chegaron os mellores momentos do xogo celeste. En vinte e cinco minutos o mozo brasileiro destilou pingas da súa calidade de xogador de alta escola: agasallou un balón precioso para que Perera volvese marcar no minuto trinta e realizou unha xogada enorme (desas inesquecibles), con tres caneos consecutivos nun espazo pequecho e unha cesión precisa na frontal, para que Mario Suárez clavase cun pexegazo o seu primeiro gol coma celeste. Unha marabilla! O Celta demostrou onte que ten moito, moito ataque, e calidade abonda para afrontar a decisiva segunda parte da campaña coas maiores aspiracións. Celebremos esperanzados esta moi boa carolada que pecha un ano celeste que é mellor esquecer.
Etiquetas:

Marcadores: , , ,