20.2.08

Non é o inglés, non

A recente promesa electoral de Zapatero sobre a aprendizaxe do inglés por parte de todos os escolares amosa a absurda frivolización á que chegou á actual política educativa.
Reducir os esforzos da acción educativa do estado (do goberno, das comunidades autónomas e dos propios concellos, xa que todos comparten o entusiasmo por esta medida) a proporcionar un determinado número de bolsas para a aprendizaxe de idiomas durante o verán, ou pretender utilizar o inglés como lingua vehicular doutra asignatura ou área do currículum ou fachendear (sen escrúpulos) de grandes inversións en educación parapetándose na doada demagoxia de que se acadou a gratuidade total dos libros de texto (empregando a cutre modalidade de préstamo), non abonda para ocultar o fracaso do noso sistema no que respecta á comprensión lectora ou á resolución de problemas matemáticos e científicos sinxelos por parte dos estudantes.
Promesas, a de Zapatero e a da ministra Cabrera, aínda máis incongruentes cando este vindeiro curso se inicia a implantación dos novos currículums do Bacharelato (en Galicia aínda non se deron a coñecer nin sequera os borradores), centrados no desenvolvemento das competencias en comunicación lingüística e na adquisición de aprendizaxes específicas no marco da nova educación preuniversitaria europea. Complexo proceso de reforma curricular que, se pretendemos culminalo con mínimas garantías de éxito, require inevitablemente do compromiso do profesorado e da mellora dos recursos didácticos ao seu alcance.
Vender a gratuidade dos libros de texto impresos (cando cómpre abordar o difícil proceso de implantación e desenvolvemento dos materiais curriculares electrónicos nas aulas) ou as estancias lingüísticas en Inglaterra e Irlanda (cando hai que formar e actualizar moi seriamente a milleiros de profesores e profesoras de idiomas, recoñecido como unha das nosas maiores carencias docentes) como compromisos centrais dunha educación de calidade pola igualdade, é falar demogoxicamente ou esquecer onde están os problemas educativas actuais e cál é a panca de cambio para emprender un novo vieiro de entusiasmo.
A mellora da nosa educación require, en primeiro lugar e sobre todo, dignificar o papel social do profesorado e incentivar o seu proceso de actualización científica e didáctica. Unha cuestión da que non escoito falar nos seus discursos electorais nin a Zapatero nin a Rajoy (e desgraciadamente tampouco aos outros partidos) cando presentan as súas propostas sobre educación. Isto semella que non vende tanto no mercado electoral como falar dos libros gratis (a recente campaña publicitaria da Consellaría de Educación continúa presentando esta cuestión como a súa medida educativa máis importante) ou imaxinar que os nosos nenos falan o inglés da BBC que nós non soubemos ou non tivemos oportunidade de aprender. Non é o inglés, non, o problema principal das nosas escolas e institutos.
Etiquetas:

Marcadores:

5 Comments:

Anonymous arume dos piñeiros said...

Só quixera disentir da apreciación sobre as viaxes de inmersión lingüística e sobre a preparación dos profes de inglés. Eu creo que unha estancia en Inglaterra, Canadá ou Irlanda é moi fructífera, máis probablemente que moitas clases de inglés. Pero do que creo que non cabe dúbida é do nivel pedagóxico dos estudios de idiomas, sobre todo comparados con outras materias. Os materiais son inigualables, os métodos de aprendizaxe de primeiro orde e a competencia dos profesores (eu non o son, ollo) é moi notable. Eu creo que a cuestión do idioma depende da necesidade do mesmo ou da percepción da necesidade. Todo o mundo cre que debe estudiarse o inglés, pero ninguén o fai coa eficacia que debe por non ver a oportunidade para empregalo.

8:49 AM  
Anonymous Anônimo said...

totalmente de acordo con Arume.
En que mundo vive vostede sr. Bretemas?
Xa e hora de que se faga isa pregunta.

2:49 PM  
Blogger Brétemas said...

O sentido da miña anotación é salientar que, na miña opinión, a ensinanza do inglés non é o primeiro problema do noso sistema educativo non universitario.
Sobre o ensino do inglés teño coñecemento ben próximo, podo aseguralo con certeza. Non desmerezo nin a calidade dos materiais curriculares que se utilizan nin o interese das estadías lingüísticas (a pesar de que hai moitas modalidades, con resultados de aprendizaxe ben diferentes) nin, moito menos, a a competencia do profesorado de idiomas de Secundaria (non o sei no caso da Primaria). Con todo, reducir o futuro da calidade de educación a esta cuestión da aprendizaxe do inglés (por imprescindible que o sexa, como o é a comprensión dos textos orais e escritos nas linguas oficiais ou a resolución de problemas matemáticos e científicos ou a competencia no emprego das ferramentas dixitais) seméllame insensato.
Os famosos centros privados bilingües de "elite" (inglés e as linguas oficiais, imaxino), como o que se pretende montar en Vigo o vindeiro curso, son un froito desta visión reducionista e mercantilista da educación obrigatoria.

5:17 PM  
Anonymous arume dos piñeiros said...

Eu creo que o gasto dunha estadía nun país de fala inglesa(medianamente eficaz) dun par de meses (no mesmo ano ou en dous) para os estudantes de secundaria (con preferencia para os das rendas máis baixas) é máis efectivo ca moitas das medidas que agora mesmo propoñen e que vostede fai moi ben en criticar por demagóxicas e falaces.

5:48 PM  
Anonymous Anônimo said...

"Vender a gratuidade dos libros de texto impresos (cando cómpre abordar o difícil proceso de implantación e desenvolvemento dos materiais curriculares electrónicos nas aulas)"
Sinto non coincidir; só hai que ollar para o caso de Extremadura, ou a revolución que suporá a computadora dos 100 dolares do MIT para paises en vías de desenvolvemento.
As versións dixitais e o seu soporte a través de dispositivos electrónicos, supoñen un aforro de cartos considerabel a medio-longo prazo, aínda que supoñen un proceso de actulización dos métodos pedagóxicos que en moitos casos o profesorado non está disposto a asumir. Ao tempo permiten un crecemento tanto na calidade como en contidos (dun xeito incremental e cun cute baixo) dos formato tradicional (papel), co que se pode destinar destinar ese aforro a outras carencias existentes no sistema educativo público.


http://bergondo.eu

7:28 PM  

Postar um comentário

<< Home