14.4.08

As luces da República

Os compañeiros da Asemblea Republicana de Vigo convidáronme a pronunciar unhas palabras con motivo da concentración republicana do 14 de abril. Reproduzo o texto que escribín.
Estimados compañeiros e compañeiras:
Reunímonos para recordar a xesta democrática que un día coma hoxe de hai setenta e sete anos protagonizaron os nosos avós. Facémolo sen nostalxia, sen saudades ningunhas, movidos pola convicción profunda de que aquel lume de esperanza acendido por eles o 14 de abil de 1931 continúa aceso na memoria de moitos corazóns, convencidos de que aqueles seus ideais de renovación democrática, de liberdade, de igualdade e fraternidade están hoxe plenamente vixentes. Aqueles ideais son, tamén, hoxe os nosos ideais.
Todos sabemos que nos reunimos nun espazo emblemático da memoria republicana viguesa. En fronte nosa, no muro do león de Pedro Domeq, contiguo ao edificio “El Moderno”, quedaron sinaladas as marcas de fusilaría que o 20 de xullo de 1936 acribillaron, tras a lectura do Bando de Guerra do capitán Antonio Carreró Verges, a Lenin Moreda Vázquez, un rapaz de só catorce anos, que o profesor don Xesús Alonso Montero considera o primeiro mártir vigués da represión.
Lembrar hoxe a efeméride do 14 de abril de 1931, un día que foi vivido pola xeración dos nosos avós como un auténtico estourido de alegría, é, ademais, un acto de estrita xustiza histórica; mais aínda nunha cidade como Vigo que, xunto a Eibar e Barcelona, se adiantou en proclamar, tras os resultados das eleccións municipais do 12 de abril, a chegada da nena bonita.
Efectivamente, foi o tipógrafo socialista Enrique Heraclio Botana (logo fusilado o 27 de agosto de 1936 en Pereiró, xunto a outros mártires), quen, en representación da xunta republicana viguesa, izou na tardiña daquel martes, catorce, a bandeira tricor na viguesa casa do concello. Abríanse así cinco anos nos que se realizou un colosal esforzo de modernización social baseado na consideración da “pedagoxía como a auténtica ciencia de transformar as sociedades” e na declaración dunha guerra aberta contra o analfabetismo e a ignorancia. Afirmábase así o valor central da educación e da cultura como luces para o progreso e para a convivencia cidadá. Só, alicerzados sobre estes valores, crían os dirixentes republicanos, se podería lograr que España fose unha auténtica democracia.
Estas ideas eductivas republicans, defendidas polos membros da Institución Libre de Enseñanza e do movemento de intelectuais rexeracionista, calaron tan fondo que, coa perspectiva do tempo transcorrido, debemos considerar a aquel período republicano como o dunha revolución educativa sen parangón na nosa historia. Tras a creación dunha escola primaria unificada (neutra, coeducadora, gratuita e obrigatoria), planificouse a construción de 27.000 mil escolas (2.200 en Galicia); acometéndose, tamén, a formación de mestres e pedagogos e a mobilización cultural promovida polo Patronato das Misións Pedagóxicas co obxecto, como sinalaba o director xeral de Instrución Pública Rafael Llopis, “de sacudir da modorra a esa España rural e inxusta que permanecía aferrada á tradición monárquica, liberando aos seus habitantes do caciquismo que caracterizou o réxime canovista e a ditadura de Primo de Rivera”.
As Misións Pedagóxicas chegaron a Galicia en 1933 contando coa participación do inesquecible Rafael Dieste, ou doutras figuras galegas como o poeta Lorenzo Varela, o pintor Urbano Lugrís ou Otero Espasandín. En medio centenar de poboacións galegas desenvolveron exposicións pitóricas polo día e charlas e proxeccións cinematográficas pola noite, ademais de contribuír a montar bibliotecas escolares, un feito inaudito, daquela: só na provincia de Pontevedra creáronse 155 en dous anos.
Aquelas luces educativas reformistas da Segunda República estendéronse ademais a un amplo programa de democratización e de procura de avances sociais: aprobouse o voto feminino, procurouse a incorporación da muller a algúns gobernos e procedeuse a separar a Igrexa e o Estado; aprobáronse os Estatutos de Autonomía de Cataluña, Euskadi e Galicia abríndose, por vez primeira, a posibilidade de construción dunha España plurinacional e do recoñecemento da súa diversidade lingüística e cultural.
Setenta e sete anos despois, cómpre recoñecer aquel esforzo de vitalidade democrática e transformación modernizadora emprendido nun intenso tempo de entusiasmo, truncado infelizmente pola intolerancia dos que se alzaron contra o poder lexitimamente constituído e acometeron unha feroz represión xenocida.
Xa é tempo de recuperar a historia e recoñecer dunha vez o esforzo realizado por todas aquelas persoas que prenderon e mantiveron contra vento e marea acesas as luces da República. Mais tamén este noso tempo é o acaído para expresar a vixencia e actualidade dos ideais republicáns de globalización de fraternidade, de finalización dos privilexios da igrexa e da coroa, de afirmación do laicismo na organización da sociedade, de honestidade e austeridade no exercicio do goberno e da profundización da participación da cidadanía na xestión do público.
Compañeiros e compañeiras: manteñamos acesas as luces da República.
Saúde e República!
Viva República!
O acto, cada ano máis concorrido, reuniu a máis de trescentas persoas.
Etiquetas: República

Marcadores: , ,

2 Comments:

Anonymous Anônimo said...

Non quixera augar a festa, que eu tamén comparto, pero lonxe de idealizacións como a súa.
Semella excesiva a súa afirmación: "a efeméride do 14 de abril de 1931, un día que foi vivido pola xeración dos nosos avós como un auténtico estourido de alegría".
Con sinceridade, non creo que TODOS os "nosos" avós o vivisen como alegría. Non tivemos avós conservadores, católicos, monárquicos, tradicionalistas, falanxistas, e logo franquistas? Non tivo en Vigo o franquismo unha base sociolóxica importante? Non houbo falanxistas, conservadores católicos, monárquicos, tradicionalistas en Vigo? Ou é que aquí, en Vigo ou en Galicia, eran todos republicanos, galeguistas ou de esquerdas? Pois non. E non houbo quen cambiou de chaqueta e se fixo colaboracionista coa ditadura e participou das súas prebendas? Pois si.
Boa parte dos que hoxe celebran a República tiveron avós e pais franquistas, por crenzas ou por oportunismo, ou non?
Non é serio nin conveniente mitificar o pasado porque o que se fai é mistificalo e ofrecer unha visión idealizada e falsa del, aínda que sexa con discursos tan bonitos e tópicos como o seu.

12:52 AM  
Anonymous Anônimo said...

amén!

2:03 PM  

Postar um comentário

<< Home