18.5.08

Xosé María Álvarez Blázquez, os actos de Vigo

Onte asistín aos actos en homenaxe de Xosé María Álvarez Blázquez organizados en Vigo pola Real Academia Galega.
O acto institucional, celebrado no auditorio do concello, foi literariamente moi brillante, aínda que coa presenza de menos público do agardado (apenas un centenar de persoas, o que amosa un certo desleixo na realización da convocatoria e un desinterese popular por estes actos académicos). Darío Xohán Cabana abriu os parlamentos cunha intervención potente, enérxica, co punto necesario de emoción, defendendo a figura integral de don Xosé María e o carácter revolucionario da súa actividade como editor. Oportunísima foi a súa proposta de convocar este ano un congreso multidisciplinar arredor da figura do homenaxeado, fose pola Consellaría de Cultura e Deporte ou pola Universidade de Vigo (unha iniciativa que aínda hai tempo para que fose considerada por estas institucións, pola propia Academia ou por calquera outra entidade que o puidese apoiar economicamente). Logo interviu, Víctor Freixanes que abordou moi fermosamente a actividade editorial de Álvarez Blázquez (o título da súa intervención é moi significativo: "Arte da paquetería") sinalando o carácter innovador que lle imprimiu á actividade editora, tanto na concepción da creación editorial como da súa promoción e comercialización. Pola súa banda X.L. Méndez Ferrín nun parlamento literariamente memorable describiu os espazos de don Xosé María (a súa descrición das Travesas de XMAB empregando só substantivos foi espectacular) e salientou a sensibilidade literaria e o carácter patriótico do traballo do homenaxeado. Pechou a quenda de intervencións, o presidente da Academia que definiu a don Xosé María como un dos "exiliados na súa propia Terra".
Despois do xantar institucional no Museo de Castrelos, organizado e pagado pola Academia (un feito inédito na efeméride), se celebrou en Gran Vía 180, na porta do edificio onde Xosé María viviu durante trinta e nove anos, o acto de descuberta dunha praca. Outra vez, apenas cen persoas, asistimos aos parlamentos de Luz Pozo Garza, Alfonso Álvarez Cáccamo (que leu un texto sobre as Travesas en 1946, escrito polo seu pai en 1981, que foi editado nunha fermosa seaparata por Galaxia) e do alcalde de Vigo. Para min, o momento máis emocionante foi a breve intervención, fóra de programa, de Aurora, unha das fillas de Xoán Vidal, inseperable amigo de XMAB (co que fundou Cristal).
Rematado o acto, subimos a Gran Vía cismando na decepción que nos provocou o raquítico entusiasmo amosado polas institucións galegas e locais (ensimesmadas nos intereses partidarios dos seus responsables) a unha celebración cultural tan relevante, por non falar xa do claro afastamento do conxunto da sociedade sobre a efeméride (coa excepción da programación da radio Galega na praza da Constitución, Vigo permaneceu totalmente alleo a estes actos). Se continuamos por este vieiro, o 17 de maio esmorecerá inevitablemente. A figura revolucionaria de don Xosé María merecía máis.

Marcadores: , ,

8 Comments:

Anonymous Anônimo said...

O recordo que teño dos actos en Vilafranca ou en Sada, por exemplo, é ben distinto. Creo que non ten tanto que ver a persoa (neste caso, moito máis ao xeito por ser máis recente) ou o propio sistema do día, como a cidade.

3:18 PM  
Anonymous Anônimo said...

Eu tamén estiven na celebración de Castrelos, pero na máis humilde. Houbo xantar no parque e gaiteiros. Os máis atrevidos podían ler poemas de don Xosé María e recibian un libro de agasallo. Gustoume ver a moitos nenos e algúns maiores esforzandose en ler poemas galegos.
Tamén había pouca xente; pode que si nos houberamos xuntado os de Castrelos de arriba cos de Castrelos de abaixo parecera que eramos máis.

5:34 PM  
Blogger Marcos Valcárcel López said...

Pois peor se había pouca xente en Castrelos. A impresión que tivemos os chegados dende fóra é a mesma que dá Bragado: non houbo a suficiente mobilización por parte das institucións, ademais da división evidente do goberno bipartito, habitual en tantos casos. Creo que hai cousas ás que teñen que acudir xuntos, cun sentido institucional e por riba de partidismos.

6:43 PM  
Anonymous Anônimo said...

O desleixo institucional percibiuse na escasa e tardía publicidade dos actos. Por exemplo, a web do concello de Vigo non deu información detallada até so 16 horas antes.

Creo que muitas institucións ven estes actos como de ámbito interno, non abertos ao público.

Logo, a visita guiada que o concello organizou para ese dia, ademais de coincidir no tempo co acto da academia, foi un exemplo de nefasta improvisación e falta de profesionalidade. Os contidos da visita foron escasos, os erros muitos (dende cando Castrelos tivo unha colección chamada 'Follas Novas'?), e o percorrido non adaptado ás posibilidades da audiencia, de idade ben avanzada.

10:01 AM  
Anonymous Anônimo said...

POis para min o acto da Academia non resultou tan brillante, discursos en que irrompían os castelanismos, críticas feitas por académicos polas que logo debeu pedir perdón o secretario da RAG, e un himno fragmentado deixáronme un agre sabor de boca.

Respecto do Concello, habería que deixar claro que si estaba o Concelleiro de Cultura (parece que houbo comentarios censurando a súa ausencia) e non estivo algunha outra concelleira do BNG porque non foi convidada...

Acuática

2:42 PM  
Anonymous Anônimo said...

Cadro con Bragado nesa sensación de insatisfacción co 17M. A nivel institucional a ausencia do presidente resulta do máis significativa, aínda que non é o único indicador de que algo está paralizando esa xornada de autoafirmación. Non habería que reabrir debate intenso e público sobre esta cuestión?

9:29 AM  
Anonymous Anônimo said...

Houbo tamén unha manifestación de dez mil persoas a prol da lingua. Iso foi o máis importante do Día das Letras Galegas. E o cortexo que percorreu as rúas da Coruña. Por que os pesimistas son tan "académicos". Ou viceversa.

10:53 AM  
Anonymous Anônimo said...

Estiven no acto do concello e Xohan cabana aburriume,mellor Ferrín e Freixanes; pero esta xente da cultura non debería ser tan "plasta", aínda que recoñezo que os actos académicos deben gozar sempre de xerto boato.
Do da radio galega non se enterou ninguén... ningún xornal o recolle. En Vigo sí houbo ambiente. Máis ca outros anos. Puntos de lectura na rúa, un roteiro polos lugares da urbe relacionadas coa literatura, un xantar popular e outro académico. No acto da Gran Vía non cabía ninguén máis, as beirarrúas rebordaban.
U-lo presidente da Xunta? U-lo tenente alcalde de Vigo? Por qué non abriron as librerías? Por qué a Consellería de Cultura non fai unha festa nesta xornada? Prefire ir a Cuba, como Touriño?

12:33 PM  

Postar um comentário

<< Home