16.6.08

Campo do Fragoso XLIII

ESCÁNDALO
Nunca na nosa historia de seareiros celestes, e levamos acudindo a Balaídos dende hai corenta anos, sentimos tanta vergonza e tanta indignación polo comportamento do noso equipo como na segunda parte do encontro de onte. A primeira foi moi cómoda. O Celta, levando o partido ao ralentí, como se estivese disputando un partido de preparación fronte a un rival moi inferior, púxose por diante aos dez minutos, grazas a un servizo moi longo de Núñez que Canobbio rematou cunha boa dereita. Logo, mantendo o mesmo ritmo preguiceiro e diante da incomprensible anemia atacante do Alavés, que apenas chegou con perigo nun par de ocasións, Perera estragou varias oportunidades claras para aumentar o marcador. Porén, tras a reanudación mudou o panorama de arriba a abaixo. O equipo visitante, apupado polos seus numerosos seareiros, situados en Río Baixo, saíu disposto a gañar o encontro, mentres que o noso, semellaba que prefería non facelo. Como aquel Bartleby, o oficinista que inmortalizara Herman Melville, os celestes fixeron da súa inhibición, da súa apatía (preferimos pensar froito do seu decaído estado de ánimo) o comportamento que facilitou que os alavesistas metesen tres goles verbeneiros en só seis minutos, asegurando así a súa permanencia e condenando irremisiblemente ao Rácing de Ferrol ao descenso. Foi entón cando os seareiros celestes rebentamos irados, diante da inhibición dun cadro de xogadores de conveniencia, aos que non lles importaba que esta nova derrota provocase un impacto emocional tan duro para os seus afeccionados, avergonzados polo castigo enorme e inxusto que o seu Celta infrinxía ao segundo equipo galego do seu corazón. Con este comportamento indigno, este equipo formado por Ramón Martínez, o auténtico responsable desta tempada de catástrofe, acadou o seu máximo nivel de degradación, xa que rebasou as liñas dos valores incuestionables do deporte: o esforzo e o orgullo para acadar a vitoria. O escándalo chegou ao seu cénit cando o arbitro asubiou o remate do encontro: a maioría dos xogadores célticos, coa excepción de Antonio Núñez (un profesional dunha peza), correron a toda mecha para protexerse no curral do vestiario. Nese momento, nas bancadas había unanimidade: a aplicación da Concursal é unha magnífica oportunidade para desfacerse canto antes deste cadro de mediocres millonarios que non merecen levar durante máis tempo a camiseta celeste que representa ao país dos galegos. Non hai dúbida, a tempada que ven, teremos que mudar de xente.

Marcadores: , , ,

9 Comments:

Anonymous Anônimo said...

Aínda que nos queda a satisfacción persoal de que o Spórting, que demostrou afección o día que visitou Vigo, está en primeira. Vostede, amigo Brétemas, que manifestou desexos de velo en primeira polo entusiasmo dos seus seareiros, exemplares, pode agora disfrutala.

10:08 AM  
Anonymous Anônimo said...

Roberto, o porteiro de Vigo no Sporting.

10:12 AM  
Blogger folerpa said...

Unha auténtica vergoña. Deberían ler os comentarios dos celtistas no Faro: http://www.farodevigo.es/secciones/noticia.jsp?pRef=2008061600_11_234279__Deportes-Otra-deuda-moral

12:36 PM  
Blogger X said...

Ánimo home, a verdade é que poucas veces o lera tan enfadado, entendo que para os seareiros coma vostede é algo inadmisible pero virá outra temporada e ha esquecer este mal momento. Saúdos.

1:41 PM  
Blogger Raquel López said...

Sí; pero... ¿la remodelación del Fraga qué?

2:36 PM  
Blogger Brétemas said...

Eu tamén estou contento co ascenso do Sporting, sobre todo pola ledicia que supón para o seu adestrador e polo traballo da canteira de Mareo.
Con respecto ao escándalo de onte, é certo que moito me cabreou, sobre todo por comprobar o pouco que lle importaba aos xogadores o sofrimento dos afeccionados, absolutamente consternados polo desastre do Rácing. Unha falta de orgullo e profesionalidade, arrepiante. O fútbol é unha emoción e un sentimento, ademais dun espectáculo que, nalgunhas ocasións, pode ser fermoso.

8:33 PM  
Anonymous Anônimo said...

Grazas, Bragado,e compárteas coa afección viguesa, polo voso sentimento polo Racing. Fun A Malata xa co descenso asumido, e aínfa marchei satisfeito da profesionalidade do equipo ferrolán. Mágoa de entrenadores medoñentos, que coa trécola de "o importante é sumar" deixaron perder moitos puntos por temor a perder partidos.
Nós quedarémonos sen a plantilla toda; pero no Racing tedes para facer un equipo: Álvaro Antón, Chema Mato, Charpenet, Lamatina, Rubén García... grandes tipos. E se podedes, a Pereira que o aguante o Vilareal.

12:06 AM  
Anonymous Anônimo said...

Son celtista de toda a vida. Lembro que na miña infancia na Costa da Morte case todo o mundo era do Celta, aínda non nacera o Superdepor, como tamén había maioría de celtistas en Compostela e no Ferrol. Pois ben, moitos anos de celtismo na miña vida que nunca se avergoñaran de nada, mesmo cando baixamos até a 2ªB, mais o do domingo foi un escándalo. Non teño carné mais creo que o rompería. Fóra mercenarios do fútebol e fóra directivos que veñen a ver se poden facer cartos. Que os manden a todos a casa e que xoguen os do CeltaB, Maric e compañía. Saúde desde a Costa da Morte.

9:08 AM  
Blogger Carlos Sousa said...

Eu tamén fun un seguidor bastante asiduo ó noso Celtiña, pero temos que recoñecer que leva dous anos sin estar a altura das circunstancias, en todolos aspectos, que baixaran o ano pasado xa foi penoso, pero a reaccón da directiva nesta tempada e mais a dos xogadores o longo dela, podese decir que foi de vergoña.
Nin sequera foron capaces de axudar o veciño, moito me da que vamos pagar toda esta prepotencia.
Saudos dende este lado daponte.

8:19 PM  

Postar um comentário

<< Home