14.6.08

O problema de Vigo

Recomendo esta atinada reflexión que realiza Pablo Eifonso sobre o problema de Vigo. O caso Urbán, como a opereta do Plan Xeral, a custosa montaxe publicitaria da Universiada, o funcionamento bipolar do goberno municipal, a absurda politica de mobilidade, o fracaso do planeamento metropolitano e tantas outras decepcións sinalan que o Vigo deste novo século non arrinca. A cidade, a pesar do seu pulo industrial, amodiño parece quedar anestesiada pola síndrome da mosca azul que afecta aos políticos e forzas vivas locais (en afortunada metáfora do Frei Betto), aparcando calquera proxecto de modernización e transformación con participación cidadán. Non nos enganemos, sobre a cidade nosa non caíu ningún mal fario; o noso non é un problema de mala sorte conxénita que nos impida avanzar como están facendo outras cidades do noso entorno coas que competimos. Como moi ben sinala Eifonso, esta cidade precisa dunha nova cultura urbana, superadora da enfermidade dun rancio localismo de tres pesetas. Unha cultura que –engadiría eu, inserida na nosa memoria de abella atlántica da ribeira– fose asumida polos políticos locais e apupada polo protagonismo da cidadanía e do planeamento estratéxico. Recuperar aqueles azos do municipalismo galego de comezos dos noventa penso que sería unha oportunidade para evitar caer na desolación. Coa crise do Celta, abóndanos.

Marcadores: ,

3 Comments:

Blogger Pablo Eifonso said...

Grazas Manuel por recoller este comentario. Moito me temo que o municipalismo dos anos 90, penso que representado en Vigo na gran esperanza branca frustrada de Esquerda Galega e algúns restos de EU, ou en Santiago por Xerardo Estévez (aos resultados me remito), tardará moito en ser posible. Coa chegada dos Concellos democráticos en 1979, moitas cidades souberon poñer a experiencia, motivación, cultura, iniciativa e intelixencia de persoas bregadas no antifranquismo, ao servizo dunha cultura urbana que colocaba a contemporaneidade nos plans e programas dos novos consistorios. En Vigo, nese tempo de ilusións e oportunidades, tivemos a Manuel Soto, nada menos que 12 anos. Tivemos a Leri e a Arca como paradigmas da urbanización, e a aquela corte dos miragres de tránsfugas de variados partidos de dereita e de centro, como xestores das máis variadas áreas do Concello. Suicidada EG cunha nefasta xestión municipal máis propia dunha parroquia do periurbano vigués cá dunha grande cidade, e todo o seu fresco potencial "revolucionario" espallado por ningures, a esperanza da esquerda centrouse, nada menos, que nun nacionalismo sen ideas e sen liderazgo que, unha vez catou os meles do sillón da praza do Rei e tomou o testigo dos trastos do bruxo fabricados por Soto e polo nefasto PSOE local, adicouse só a beneficiarse das rendas municipais e a seguir a senda da que semella ser a cultura municipal de Vigo: a máis absoluta vacuidade, prepotencia, corruptela e obviedade vilega.
Despois da brevísima experiencia do último intento "ilustrado" de cambiar as cousas dende a perspectiva "rexeneracionista", co goberno de VPM (no que por primeira vez en moitos anos había concelleiros que nonos daría vergonza presentar aos amigos), a situación actual é grimosamente parecida á dos tempos de Soto, mesmo cos mesmos protagonistas redivivos.
Afortunadamente, persoas coma ti e blogs como o que xenerosamente traballas e dirixes, permiten manter viva a lapa dun pensamento complexo e non contaminado polos intereses concretos. Grazas, sinceiramente.

7:19 PM  
Blogger Pablo Eifonso said...

Por certo, que atinado o artigo de fei Betto que enlazas. Coincido plenamente na súa afirmación de que ás persoas nonas cambia o poder, senon que este fai que se revelen. Penseino moitas veces, cando algúns amigos comentaban o gran cambio que se producira na, daquela, xoven promesa do nacionalismo moderado chamada MXP cando conseguiu ser concelleira e xa apostara habilmente pola calor do PSOE. Un meu amigo sempre lles respostaba o mesmo: "non cambiou, xa era así, pero non tivera ata o de agora oportunidade de se manifestar".

7:29 PM  
Anonymous Anônimo said...

Como concordo con vostedes na análise da cidade e como non nos fan nin p. caso, non podo máis que concluir que somos raritos. Moi raritos.

12:35 PM  

Postar um comentário

<< Home