4.6.08

A proeza de Barreras

Esta mañá abrindo o Faro quedei pampo coa nova proeza de Barreras. Este buque de prospeccións sísmicas, o primeiro de proa invertida (ou en forma de torpedo) construído en España, é unha mostra da formidable capacidade técnica do primeiro asteleiro privado galego. O actual proxecto empresarial de Barreras, baseado na competitividade proporcionada pola innovación tecnolóxica, aposta pola confianza nas propias posibilidades: "canto máis difícil sexa o proxecto, mellor, maior valor engadido", afirma Francisco González Viñas, presidente da compañía. Este modelo empresarial semella que cunde, xa que outros asteleiros da ría comezan a emular a estratexia. Así, o sector naval vigués ten carteira completa de pedidos ata 2013, un feito incrible para un sector industrial que, non o esquezamos, sufriu a comezos dos anos oitenta unha durísima reconversión. Mañá, Barreras botará outro buque, neste caso un ferry ultrarrápido de Balearia para cubrir a liña Denia-Ibiza-Palma. Outra marabilla. Os éxitos de Barreras amosan as posibilidades de poñer en valor os nosos sectores produtivos. E unha última reflexión: se somos dos poucos países do mundo que sabe e pode facer embarcacións de todo tipo, que agarda o goberno Zapatero para desbloquear Navantia Fene?

Marcadores:

4 Comments:

Blogger Mario said...

Creo que o problema de Ferrolterra ten máis que ver co tema da globalización. Os estaleiros deixaron de ser un sector interesante para os paises occidentais dende hai anos, basicamente pola prezo da man de obra (que esixe soldos acordes co nivel de vida dos seus paises e ten unha tradición sindical e unha entidade como grupo que non existe en Corea, por poñer un exemplo). Iso é especialmente grave no caso dos estaleiros que son propiedade do Estado, xa que a contratación en precario non é tan doada (e mesmo así faise, hai anos que se renunciou á contratación directa para empregar as chamadas "compañías" que veñen sendo unha versión especializada das ETT).
A min non me cabe dúbida que os estaleiros de Ferrolterra aguantaron até hoxe polo seu valor estratéxico, xa que unha parte importante da comarca depende deles. Conforme a sangría económica e humana da zona continúe, esa situación non tardará en mudar e teremos que conformarnos con termar das plantas de gas ou dos refugallos nucleares (que é o que falta). Non creo que a ningún goberno do Estado lle interese desbloquear Navantia Fene, para eles representa un problema que queren fechar canto antes. O cambio de gobernos das últimas décadas só implicou unha mudanza nas formas de facelo.
Non coñezo o caso concreto da privatización de Barreras, pero no Norte sempre ollamos para o caso de Vigo con moita tristura.

11:53 PM  
Anonymous Anônimo said...

Pasei onte precisamente camiño de Bouzas por alí e vin o Balearia que seica sae hoxe. O que máis impresiona é a súa fasquía case poética no medio da cidade, a carón case das casas, como se formara parte da paisaxe urbana do centro mesmo de Vigo.

10:33 AM  
Anonymous Anônimo said...

Concordo con esa visión do señor arumes...

5:40 PM  
Blogger folerpa said...

En verdade que é espectacular. Eu tamén o vin e fiquei abraiado.

6:15 PM  

Postar um comentário

<< Home