22.2.09

Benvido, deus Momo

No artigo da semana saúdo a chegada do deus Momo, o rei do do refundado entroido vigués.

Marcadores: , , ,

26.1.09

Homenaxe a X.L. Méndez Ferrín

O día 6 de febreiro celebrarase en Vigo o Acto de Homenaxe Nacional a X.L. Méndez Ferrín, con motivo do seu 70 aniversario e da presentación do libro A semente da nación soñada. Homenaxe a X.L. Méndez Ferrín, coeditado por Sotelo Blanco e Xerais. O acto, que se realizará no Auditorio do Centro Social Caixanova de Vigo (rúa de Policarpo Sanz, 26), comezará as 20:00 horas. Entrada libre.

Unha vez finalizado o acto de homenaxe, a partir das 22:00 horas celebrarase unha cea no Pazo Os Escudos, en Alcabre, Vigo. As persoas interesadas en participar na cea deberán ingresar 35€ (trinta e cinco euros) por cuberto na conta de Caixanova número 2080 0065 36 0000388555, antes do 30 de xaneiro de 2009. Para poder acceder á cea é imprescindible a presentación na porta do restaurante do xustificante de ingreso.

Marcadores: , , ,

25.1.09

Bibliotecas de barrio

No artigo da semana expreso as miñas beizóns á consellaría de Cultura de Vigo pola súa aposta de creación de bibliotecas muncipais de barrio, que deben ir cubrindo a nefasta carencia bibliotecaria viguesa.

Marcadores: , , , ,

22.1.09

Vigo: primeira biblioteca pública de barrio

Este é o mellor anuncio cultural que limos en Vigo na última década. Apostar pola creación de bibliotecas públicas é a medida máis futurista e revolucionaria que poden acometer as administracións locais. Hoxe a biblioteca pública convertiuse na primeira institución cultural de cada comunidade local, de cada barrio, de cada comunidade; ademais do seu carácter de infraestrutura esencial dentro dos equipamentos socio educativos. Ata agora, Vigo foi en cuestión de bibliotecas públicas un auténtico desastre; un modelo, nos congresos de bibliotecarios, dunha situación carencial límite. Afortunadamente, semella que Xesús López Carreira, o concelleiro nacionalista vigués de Cultura, tomou boa nota do modelo da rede municipal coruñesa de bibliotecas e aproveitando o Plan Estatal de Investimento Local arrisca coa posta en marcha da primeira biblioteca de barrio. Non teño dúbida que situación viguesa comezará así a reconducirse, ao que debe axudar, tamén, a creación da prometida biblioteca do estado (para a que non hai aínda ubicación). Agora o importante é que en decembro se abrirá esta primeira biblioteca do Calvario, logo a de Navia, logo... Iníciase, pois, un camiño de esperanza para a política de lectura pública en Vigo. Beizóns para Xesús López Carreira.

Marcadores: , ,

18.1.09

Instalados na crise

No artigo da semana alerto sobre a importante dimensión da crise do sector da automoción en Vigo, con importantes efectos sobre o emprego.

Marcadores: , , ,

12.1.09

Fernández del Riego denuncia

O xornalista Javier Mosquera publica onte no Faro unha entrevista de dúas páxinas con don Francisco Fernández del Riego. Co pretexto de comentar o recente noventa e seis aniversario (si 96!) do patriarca do galeguismo, Mosquera (un bo amigo de don Paco) tíralle da lingua sobre cuestións estritamentes persoais (o que fuma, o que bebe, o que come, as súas rotinas de traballo...). No entanto, ao remate, don Paco, sempre tan contido e discreto, dispárase e fai unha contundente denuncia pública sobre a situación da súa doazón (biblioteca e pinacoteca) á cidade de Vigo e o desinterese dos diferentes alcaldes por cumprir as condicións asinadas con el no ano 1995 (sendo alcalde Carlos G. Príncipe):
- A situación da súa doazón á cidade?
- Bueno? Está paralizada totalmente. Non estou satisfeito. A biblioteca e o museo son valiosos? É un museo contemporáneo, da miña época, con obra de Colmeiro, Laxeiro, Maside, Torres, Minguillón? É una doazón en vida, feita en 1995 con dúas ou tres condicións que están por cumprir. Unha delas e o do persoal, e non ten persoal ningún. Tal como está sirve de complemento á Fundación Penzol?

-Non se están cumplindo as cláusulas da doazón?
- Non. Especialmente no que afecta a persoal e condicións da sede. Está totalmente desprotexida. Vigo ten un gran pecado. É una potencia industrial, pero ten un desaproveitamento da vida cultural notable. Falta tradición.
- Foron moitas as promesas de arranxar a situación?
- Moitas. Pasaron moitos alcaldes e nada? A biblioteca está morta e o museo debería ter personal idóneo e visitas guiadas. Hai moito material sin incorporar porque no hai onde metelo e mantense na caixa forte e outro o conservo na casa. En total non ocupa máis que un par de habitacións na Casa Galega da Cultura. Sinto unha decepción grande? Non estou arrepentido, porque teño unha identificación coa cidade moi grande, pero síntome triste. Xa desistín de decir nada. .. Alá eles. Estou moi decepcionado cos dirixentes, pero teño claro que una cousa son os administradores e outra a cidade?
Ten toda a razón don Paco denunciando unha situación que, coñecéndoa (como outras), non tivemos a coraxe de facer pública nunha cidade cada vez máis degradada no eido institucional. «Unha cousa son os administradores e outra a cidade» é unha frase clave e luminosa para explicarlles aos que aquí non viven o que ven acontecendo en Vigo dende hai varias décadas.
Imaxino que esta denuncia de don Paco servirá para que esta semana os responsables municipais (non sei a quen lle corresponde, se á concellaría de Cultura ou a de Patrimonio; se ao BNG ou ao PSdeG-PSOE) convoquen unha roda de prensa e prometan que esta cuestión do tan «querido e admirado don Paco xa está en vías de solucionarse» (isto é o que vimos escoitando na última década a diferentes alcaldes e concelleiros). E, como tantas outra veces, aquí acabou o conto e pasamos páxina. Moi triste o que está pasando no Campo de Granada.

Marcadores: , , ,

21.12.08

Demetrio Bilbatúa



No artigo da semana recupero do esquezo do exilio a figura de Demetrio Bilbatúa, a máis importante figura do cinemadocumental mexicano.

Marcadores: , , , ,

12.12.08

Literatura Galega pola Paz


A verdade que foi moi emocionante e ao tempo sereno o acto conmemorativo do 60 aniversario da Declaración Universal dos Dereitos Humanos no que presentamos en Vigo o libro Educación e Paz III. Literatura Galega pola Paz e recordamos a Xesús R. Jares. Ademais da lectura do texto completo da declaración, por parte de dez estudantes de ESO e Bacharelato, foron magníficas as intervencións literarias e institucionais. A guinda foi o extraordinario o concerto da Agrupación de Mestres da Escola de Música Tradicional do concello de Vigo. Grazas a todos polo apoio solidario e pola lembranza saudosa da figura do noso benquerido Suso Jares.

Marcadores: , , , , ,

7.12.08

Os murais do Faro

No artigo da semana recomendo visitar a exposición dos murais do Faro instalada na Estación Marítima de Vigo. Unha interesante lección de historia local.

Marcadores: , , , , ,

23.11.08

A Panificadora emite un S.O.S.

No artigo da semana reclamo a coraxe das autoridades municipais para evitar que o edificio da Panificadora sexa derrubado tal como propón a iniciatica cidadá de Outro Vigo é Posible.

Marcadores: , , ,

16.11.08

QE2, adeus

No artigo da semana comento a derradeira escala do QE2 ao porto de Vigo.

Marcadores: , ,

9.11.08

O futuro do transporte de ría

No artigo da semana reflexiono sobre o futuro do transporte de ría de Vigo. O anuncio unilateral por parte de Mar de Ons da supresión dos servizos das fins de semana e dos festivos de Moaña abre unha crise na que debe intervir a Consellaría de Política Territorial para asegurar o futuro dun servizo estratéxico para a mobilidade na área metropolitana de Vigo.

Marcadores: , ,

18.9.08

Vigo, a cidade perdida

Opaco montou este formidable álbum de Picassa no que se recollen duascentas fotos dos arquivos dos fotógrafos vigueses da memoria (Prosperi, Pacheco, Llanos, Magar). Unha fonte de memoria para a nosa cidade de sal. Beizóns.
Hoxe recuperamos unha foto do bulevar da Gran Vía, a comezos do 70. (Premer na imaxe para vela máis grande ou velo como montaxe de diapositivas).

Marcadores: , ,

14.9.08

Vice presidente de Vigo

Síntomas de atraso

No artigo da semana propoño unha reflexión sobre as naves industriais sen licenza no concello de Vigo (destapadas tras o incendio do Gorxal) e a crise das vieiras, que interpreto como síntomas do atraso empresarial que aínda padecemos.
Outras interpretacións sobre estas cuestións, que me parecen moi interesantes, son as que fai Ánxel Vence («País de trapalleiros») na derradeira páxina do suplemento Estela de Faro de Vigo e Suso de Toro na edición de El País Galicia (desgraciadamente non aparece na web).

Marcadores: , , ,

11.9.08

Vigo segundo Powerboat 1

Segundo leo na web dos organizadores da proba do Campionato do Mundo de Powerboat P1, que se celebrará en Vigo o vindeiro fin de semana, os idiomas que se falan en Vigo son o "Español" e o "Inglés ampliamente". Mais esta parvada non é a única, xa que no texto de presentación de "Vigo Spain" (que recomenda a web institucional do concello nun banner), a única vez que se cita a palabra "Galicia" é para denominala "provincia". Estas dúas boas meteduras de zoca –(como outras cuestionables recomendacións turísticas que se realizan para os visitantes, sexa dos museos ou dos restaurantes), que negan de cheo a existencia do idioma galego e reduce Galicia a unha mera provincia- non terían maior importancia (xa estamos afeitos a encaixar estas negacións da nosa identidade con humor), se non fose polo apoio entusiasta que a realización da proba lle proporciona a Tenencia de Alcaldía do concello vigués. Ben estaría que, polo menos, soubésemos cánto nos vai a custar ao peto de todos os vigueses esta competición organizada polo famoso produtor Mario Ubiaga! Incomprensible e anoxante que pretendan embobarnos con tanto glamour de tres pesetas!

Marcadores: , ,

10.9.08

Vigo: Mercado do Progreso

Mercado do Progreso (curca 1911). Arquivo Pacheco

Ata os ultimos anos do XIX, os mercados de Vigo eran ao aire libre e celebrábanse nas prazas e rúas céntricas do que fora a cidade amurada. Aos das Prazas da Princesa, Pedra e Constitución, engadiínselles os especificos das Prazas da Herba (Argüelles), da Leña (hoxe Calatrava) ou das Cebolas( hoxe Méndez Núñez). Na rúa Oliva vendíase calzado, na Cruz Verde útiles de cociña e zocos e na baixada da Pulguiña, hoxe II República, froita. No Berbés e na rúa Pescadería (onde as ostras) vendíase peixe. En 1859 Manuel de Uceda fai un primitivo mercado cuberto na Porta do Sol dedicado á venda de pan. En 1878, o arquitecto Flórez Llamas remata uno novo, a Praza dos Legumes, feito con materias de perpiaño, ferro e madeira que, logo de vinte e cinco anos de actividade, derrúbase para construír no seu solar o edificio Simeón. En febreiro de 1901, Benito Gómez Román, asina os planos do proxecto do Mercado do Progreso, tres meses despois de asinar tamén o proxecto do da Laxe. Inagurase en 1908, tras unha serie de modificacións realizadas por Jenaro de la Fuente quen, en 1906 por enfermidade de Gómez Román, faise cargo da obra. Logo dunha ampliación que en 1951, transformou notablemente o edificio, apróbase en 1969 e sendo alcalde Portanet Suárez, un anteproxecto para vivendas, locais comerciais e aparcamento que, cinco anos despois, concrétase na construción, na totalidade da mazá, dun complexo de locais comerciais, aparcamento, azotea pública, vivendas e mercado. Celso López Pazos.

Premer na imaxe para vela máis grande.


Marcadores: , ,

7.9.08

Menos velocidade

No artigo da semana critico a celebración na ría de Vigo do Festival Aéreo e dunha proba do campionato do mundo de Powerboat P1. Creo que son espectáculos de velocidade incompatibles cunha cidade que actualmente lidera a Rede Cidades polo Clima.

Marcadores: , , , ,

6.9.08

Vigo 1929, 1960, 2006





Grazas aos amigos de Vigoblog coñecín estes tres vídeos do Vigo da memoria, 1929, aproximandamente cando naceron moitos dos nosos pais e 1960, cando nacemos nós. O de 2006, alén da simpática montaxe fotográfica que serve para facer algunhas comparacións, ten o engado da canción de Siniestro. Debemos agradecerllos a Carlos que os subiu ao tube.
As dúas pezas da memoria están unidas polo seu interese polo perfil da beiramar que semella para as dúas constituír o elemento identitario da cidade. No de 1929 pode identificarse a Porta do Sol, Príncipe (á altura do cárcere), os tranvías circulando por Policarpo Sanz, a praia mariñeira e porto pesqueiro do Berbés, o Campo de Granada e o castelo de San Sebastián, a fasquía da cidade dende o mar e a travesía en vapor a Cangas. No de 1960, impresiona o comezo co percorrido pola beiramar toda (un Vigo aínda aberto ao mar), o paseo de Afonso e a súa oliveira, a farola de Jenaro de la Fuente en Colón, o edificio do Tinglado General de Empaque no Berbés, Guixar, as escaleiras do Pirulí, o bulevar da Gran Vía, a recén aberta rúa Coruña cos edificios de sindicatos da praza da Indusria, o Instituto Santa Irene en Travesas, os estaleiros de Barreras, a sede do Naútico e os seus peiraos, os polbeiros do Berbés e o unha proba do concurso hípico no Campo da Florida.

Marcadores: , ,

4.9.08

Vigo: Mercado da Laxe

O meu amigo Celso López Pazos envía unha nova foto do arquivo Pacheco. Reproduzo o seu pé de foto:
A esquerda da foto, ao fondo, vese a casa dos Irmans Suarez (1920), obra de José Franco Montes), onde no baixo estivo a cafeteria Sol y Mar e a casa de cambios Etchevarria. Ao seu carón, a casa de Rodrigo Sanchez Padín, obra de Pacewicz (1901) demolida a mediados dos sesenta e que hoxe é a casa construída por Bar Boo. O mercado da Laxe foi deseñado e planificado por Benito Gómez Roman e inagurado en 1905. Posiblemente a foto de Pacheco, pero publicada por PPKO, sexa de mediados dos anos vinte. A dereita xurde a insinuante silueta do edificio da Mala Real Inglesa (Durán) construído en 1912 por Jenaro de la Fuente y Dominguez. Entre a casa dos Suárez e o Mercado, está o Hotel Continental, tamén obra de Jenaro de la Fuente, o mellor de Vigo, ata que en 1904 entrou a funcionar El Moderno, obra de Pacewicz para o primeiro Conde de Torrecedeira (Manuel Barcena y Franco). O lugar do Maercado ocúpao, desde 1967/68 , o Hotel Bahia.
Premer na imaxe para vela grande.

Marcadores: , ,