A AGE consolídase
A continuidade do equipo directivo da Asociación Galega de Editores é a mellor proba do grande traballo que vén desenvolvendo a directiva presidida por Alfonso García Sanmartín e da consolidación do sector editorial en Galicia. Só nos últimos dous anos, a AGE aumentou notablemente o seu número de asociados (ata superar os corenta), representando así á totalidade do sector editorial en Galicia; intensificou a presenza dos editores galegos noso foros internacionais (feiras e misións comerciais); creou Culturgal (a primeira feira do libro e das industrias culturais en Galicia); normalizou as relacións cos sectores profesionais do sector do libro (tanto na Federación de Gremios de Editores de España como en ANELE); batallou na defensa dun modelo sostible de gratuidade para o libro escolar; apostou pola formación e profesionalización dos membros do sector (consolidando a celebración do Simposio anual do libro e da lectura e a información profesional aos seus asociados); colaborou con outras entidades profesionais, culturais e cívicas na defensa da lingua e cultura galegas; consolidou a celebración da Noite da edición, dos Premios anuais dos editores e da edición dun boletín de novidades editoriais... Un traballo intenso e rigoroso que amosa as posibilidades dun sector empresarial clave no desenvolvemento das industrias culturais en Galicia. Con todo, queda moita agra por labrar, especialmente no terreo do fomento da lectura (unha asignatura pendente en Galicia como cuestión estratéxica para o conxunto da sociedade), da visibilidade do libro galego (onde estamos perdendo espazos, tanto comerciais como nos medios de comunicación impresos) e do salto (imprescindible) que o conxunto do sector ten que dar para incorporarse á edición electrónica e para facer fronte aos retos da literacidade electrónica. Beizóns, compañeiros!
Marcadores: Editores
0 Comments:
Postar um comentário
<< Home