A literatura galega ante o mundo
Alfredo Ferreiro afonda hoxe no debate cunha importante anotación de síntese: "A literatura galega ante o mundo". Comparto plenamente a proposta de Ferreiro e Casas, resulta inadiable a creación dunha institución pública destinada á proxección exterior da nosa lingua e da nosa literatura no exterior, ben sexa baixo a forma primeira dunha Oficina do libro galego ou do Instituto Rosalía de Castro previsto na vixente lei do libro e da lectura (e que os responsables políticos da actual Consellaría de Cultura e Deporte quixeron adiar na presente lexislatura), institucións públicas que deberían contar co traballo das redes sociais dixitais da creación literaria galega. Unha proposta que na vindeira lexislatura non debería ser desbotada.
Sobre este mesmo debate aconsello a lectura destoutra longa anotación de Mario.
Sobre este mesmo debate aconsello a lectura destoutra longa anotación de Mario.
6 Comments:
O grande problema nesta cuestión é: necesitamos realmente outro centro que duplique parte das funcións que xa deberían estar desenvolvendo moitos dos existentes?
E sendo a resposta afirmativa: como se vai artellar a xestión dese centro? Porque, falar do uso do traballo das redes sociais dixitais está moi ben e dálle unha apariencia moi democrática e colectivista, pero á hora da verdade cabe que:
a)A súa presenza quede limitada ao testemuñal e se configure unha direción oligárquica.
b) Acábese explotando o traballo gratuíto e desinteresado das redes sociais e transformándoo nun rédito político (ademais de crear unha falsa sensación de "obligatoriedade" desa mesma actividade, que como conto na última entrada debería ser unha responsabilidade política).
O problema non é facer ou non as cousas, senón o xeito de facelas, e a experiencia (e os monstros institucionais xa existentes) deberían poñernos sobre aviso e afiarnos o sentido crítico, non sexa que acabemos fomentando o nacemento dun novo Leviatán.
Ese é o verdeiro problema e non a ignorancia de Steiner. Mais coas eleccións aí, o 15 de marzo segundo a matemática electoral de Pawley, o Instituto Rosalía chegará co AVE, máis ou menos.
E mentras tanto a furar baixo o Horreo buracos de 125 metrso para aproveitar a enerxía xeotérmica. Ver para crer ou como dixo aquel: vaia tropa.
Brétemas: sen dúbida o debate avanza se imos concretando.
Mario: creo que cando falamos de centro non falamos do mesmo. Eu non identifico o "centro ideolóxico" cunha institución, por moito algunhas propostas concretas teñan xa surxido para concretar recursos. É para min un concepto aínda abstracto, funcional, e concordo en que cando se materialice debería defender unha organización plural e aberta, con entrada e saída de elementos. Mais se é algo debidamente organizado as bases deben ser públicas e aceptadas, e deben evitar tanto a formación de direccións personalistas canto as falsas medallas ou os traballos mal pagos. Xa o dixen antes neste blogue: ninguén planta un carballo para si. E se de plantar eucaliptos se trata, para iso cultivo na miña casa unha palmeira datileira.
Para quen queira seguir xuntando tixolos, aver se lle dan para facer unha casa, veño de responderlle a Alfredo no seu blogue. :-)
Mario, non se trata de construír novos edificios nin montar grandes tinglados nin sequera de contar con presupostos enormes. Estou convencido que modelos como o irlandés, apenas unhas cantas persoas movéndose na dirección axeitada, servirían para orientar esta estratexia.
Un apontamento marxinal pero non por iso totalmente irrelevante.
Fálase das traducións a nosa lingua como un dos vehículos normalizadores, mais hai un oco fundamental neste eido: non se traducen -ou apenas- ensaios de relevancia internacional ao galego, senón basicamente literatura. E, sobre todo e preferentemente, que sexan ensaios (filosofía, política, historia, teoría literaria, economía, ...) que non estean tamén traducidos ao castelán. En Cataluña, comparativamente, van bastante adiantados nisto.
Naturalmente que non sería gran negocio, polo que habería que habilitar algún xeito de subvención (palabra maldita) para facer que tal tarefa fose minimamente rendible. Coido que nisto ás veces andamos un pouco desorientados. Eu non lle vexo, por exemplo, moita virtualidade traducir do castelán (non do euskera) ao galego un extraordinario libro de Bernardo Atxaga que os interesados xa limos hai xa ben anos en castelán.
Un exemplo entre mil. Teño riba da miña mesa o breve pero enxundioso libro de Paul Gilbert, The Philosophy of Nationalism, Boulder (Co.), Westview Press, 1998, 204 páxinas. Alguén se atrevería a traducilo e publicalo?
Un cordial saúdo.
Postar um comentário
<< Home