15.11.08

Frankfurt 2008 e os futuros do libro

A pesar dos efectos da «crise financeira» da economía globalizada, a Feira do libro de Frankfurt continúa sendo a Babel da edición contemporánea e a máis importante cita mundial de todos os profesionais da industria editorial. As cifras desta 60ª edición, na que Turquía foi o país convidado, falan de seu: participaron máis dun centenar de países, sete mil expositores e mil autores (entre eles, Orhan Pamuk, o premio Nobel 2006); exhibíronse máis de 400.000 mil títulos; realizáronse 2.700 actos e foron máis de trescentos mil os visitantes que durante os cinco días da feira encheron os 172.000 metros cadrados dos seis pavillóns da «Buchmesse».
Frankfurt xa non é só a primeira plataforma mundial na que se comercializan títulos, licenzas e traducións de libros impresos, senón que dende hai varias edicións inclúe, ademais, a de guións e adaptacións cinematográficos (no Forum Film & TV), a de software para aprendizaxe de linguas, a de audiolibros, libros electrónicos e libros de vello ou a dos máis diversos produtos impresos (papelaría, cartelaría, almanaques…). Con todo e a pesar das facilidades proporcionadas ao sector pola comunicación electrónica (dende o correo electrónico á información web), a principal función da feira continúa sendo a de ser o punto de encontro anual dos editores, axentes literarios, «scouts» e xornalistas literarios que acoden alí para atoparse, para negociar cara a cara, para follear as novidades da competencia, para identificar tendencias na presentación e promoción dos produtos ou simplemente para sentar a tomar un café xuntos e aliviar durante uns minutos a presión (cada vez maior) que viven en todos os países (sen excepción) os profesionais deste sector cultural. Máis alá das cifras de negocio acadadas ou da poxa entre axentes e grandes grupos polos «supostos grandes best sellers» de cada tempada, para a maioría dos visitantes profesionais o maior valor de Frankfurt reside, pois, nas posibilidades relacionais que lles ofrece. Os editores van para verse e ser vistos. Aí é onde reside boa parte do éxito e da tradición desta feira alemá.
Nesta edición de 2008, o maior ruxe-ruxe da feira foi, sen dúbida, o grande peso que adquiriu o debate sobre libro electrónico, cuestión que centrou as intervencións nos fórums (sempre moi concorridos), mais que, coa excepción das presentacións espectaculares realizadas por Amazon do seu «Kindle» e de Sony do seu «Reader», non conseguiu contaxiar ao resto dos expositores. Falábase en todos os pavillóns do libro electrónico e do seu imparable ascenso (unha enquisa realizada entre un milleiro de profesionais concluía que no ano 2018 desbancará ao impreso nas preferencias dos lectores e na facturación do sector), mais, paradoxicamente, se expuxeron moi poucos (busqueinos canto puiden, abofé!) destes aparellos móbiles de lectura nos diferentes estands. A información publicada polo enviado do xornal El País, que estimou en só o 42% o material impreso exposto na feira, pareceume excesivamente «entusiasta» sobre a presenza real acadada polos medios dixitais. No entanto, entre os editores internacionais (sobre todo os anglófonos) semella existir un importante consenso na actual definición do libro na que prevalecería o contido sobre o soporte, así como na necesidade ineludible de dixitalización dos fondos impresos e da inevitable coexistencia no mercado editorial, durante un período de tempo sen determinar, entre os produtos impresos e os de tinta electrónica. Para acomodarse a este proceso de cambio radical (diante do cal os editores españois se amosan, en xeral, pouco entusiastas e escasamente preprados) é imprescindible unha profunda transformación da estrutura da empresa editorial tal como hoxe a entendemos, tanto no que atinxe aos procesos de creación editorial e produción, da xestión dos dereitos e da retribución dos autores, como da comercialización e promoción. En definitiva, hai un consenso no mundo da edición internacional, de que o sector debe afrontar de inmediato unha profunda reconversión, tanto do produto como da súa cadea de valor, aínda que polo momento non existen modelos de negocio que garanticen éxitos inmediatos. O futuro do libro sería, polo tanto, os futuros do libro, recollendo unha afortunada expresión do editor Joaquín Rodríguez.
En semellante Babel como este Frankfurt non é doado facerse notar. Como atinadamente expresou o escritor Miguelanxo Murado na súa intervención de presentación de Telling Stories from Galicia (unha antoloxía de narradores galegos, editada pola Consellaría de Cultura e Deporte), «Galicia é unha nación oculta» á que lle faltan doses da autoestima necesaria para proxectar a súa literatura. Unha doenza que, por fortuna, semella irse curando grazas ao esforzo dos seus editores (presentes en Frankfurt, a pesar das escasas axudas coas que contamos, dende hai dúas décadas) e da vontade política do novo equipo da Consellaría de Cultura e Deporte que asumiu esta proxección como unha das súas prioridades na política do libro.
É un feito obxectivo que a presenza galega en Frankfurt (como no resto das feiras internacionais) gañou en espazo, dignidade e visibilidade nas tres últimas edicións. O espazo expositivo da Consellaría de Cultura presenta un deseño moi atractivo e funcional (con certeza, o mellor das Comunidades Autónomas españolas). Aumentou na Feira de forma significativa a presenza de editores galegos (mesmo algúns, como Kalandraka e Nova Galicia edicións, alugando espazos propios e a súa cifra de negocio (sobre todo o daquelas empresas que venden libros ilustrados). Porén, non podemos dicir o mesmo, da visibilidade da literatura galega e da venda de dereitos de tradución. Eis, a grande asignatura pendente que temos en vindeiros Frankfurt, que non se vai aprobar só coa presenza dun par de autores nin coa edición dunha antoloxía preparada coas presas da última hora nin sequera con revistas de promoción. Aprendendo da exitosa experiencia catalana (foron cultura convidada en 2007), deberiamos contar cunha estratexia de país para proxectármonos, consensuada entre a Xunta de Galicia e os axentes do sector do libro, e unha ferramenta pública (sexa a Oficina do Libro e a Literatura galega no exterior, sexa o Instituto Rosalía de Castro) que a xestione ao longo de todo o ano.

(Artigo publicado en Protexta 08, outono 2008)

Marcadores: , , ,