29.1.05

Libros de relatos?

Onte en Teucro presentamos dous títulos de Caride: unha nova entrega da súa serie xuvenil e un libro de relatos. O presentador e o autor agradeceron que se publicase un libro de relatos, porque este xénero é infrecuente agora na edición en galego. Caride chegou a dicir coa súa ironía de sempre que "se Borges fose escritor galego non tería pasado a historia da literatura porque nunca escribiu unha novela". É certo: no último lustro, mesmo diría que máis concretamente nos dous últimos anos, baixou moito a publicación deste xénero, ata non hai moito o máis característico da nosa narrativa, tanto en cantidade como en calidade (a relación dos nosos contistas dos anos noventa é amplísima). Hoxe apenas se publica un libro de relatos por cada catro novelas (porcentaxe aínda superior ao da edición en castelán). Contrastarei os datos. Compriría saber a qué obedece este fenómeno recente: Ao desinterese dos editores polo xénero (quizais polo seu menor prezo)? Á primacía da novela no gusto das lectoras (unha franxa de afeccionadas, que, afortunadamente, se amplía)? Á pretensión do noso sistema literario de homologarse coas preferencias do castelán (aquí o papel dos libreiros contaría)? Sería bo que autores, editores e lectores respondésemos a estas preguntas.

Marcadores:

7 Comments:

Blogger Peke said...

Eu tampouco o entendo moito; a min o relato gústame (e son escritora amais de lectora), mais parece que os editores non estiveste moito polo labor durante os últimos anos. Sobre todo cos relatos escritos por mulleres (desculpa a franqueza, pero se non o solto o mellor sería que non dixese nada).
Ás veces teño a desagradable impresión de que se fomentan máis aos escritores ca ás escritoras, pero pode que sexan pantasmas miñas por experiencias pasadas.
En todo caso, se te molesto, as miñas desculpas; en ningún caso é a miña intención.

5:53 PM  
Blogger Brétemas said...

O que comentas é un feito obxectivo. Sen embargo, creo que iso vai virando e, no futuro, agardo que sexa con maior rapidez. Ata hai poucos anos, semellaba que a escrita de muller en galego era só poética, con algunha excepción que todos coñecemos. Afortunadamente ese prexuízo venceuse. Nos últimos tres ou catro anos comezaron a editarse en galego novelas escritas por mulleres, a maior parte delas excelentes, e, algúns libros de relatos (ben é certo que menos) magníficos. Mágoa que os medios non salienten este feito. Poño tres exemplos nosos recentes: "A ferida" de Begoña Paz, un primeiro libro de relatos sorprendente, que non deixa tregua ningunha ao lector;"Vermella con lobos" de Carmen Blanco, outro debú coa reescrita dos contos clásicos dende unha perspectiva antipatriarcal; ou o "Diario da luz e a sombra" de María Victoria Moreno, unha narradora consolidade e excepcional (mágoa que estea pasando momentos difíciles). Cantas reseñas tiveron? Escasas, moi escaas. Os libros son expléndidos os tres. Con todo, eu son dos convencidos de que o futuro da literatura galega será de vosoutras as narradoras.

6:15 PM  
Blogger Begoña said...

Ola. Coido que non é tanto un problema de atención dos críticos como da actitude máis ben condescendente de moitos destes cara á narrativa de mulleres. E a tendencia a facer a crítica dende unha perspectiva de xénero, como se as mulleres escribísemos só para nós. Tamén teño unha sospeita. Diante do andel de novidades, mira o lector masculino coa mesma curiosidade os libros dunha autora descoñecida que os dun autor novo calquera, ou suponlle un plus de feminidade que o afastaría dos seus gustos? Supoño que son moi mal pensada :)

Logo está o dos relatos. Está claro que existe un prexuízo no lector. Incluso xente que non le nunca o considera un xénero menor (o que tería certa graza se non fose tan triste). Semella que para que un libro de relatos en galego teña éxito ten que vir “dignificado” con algún premio (o que explicaría que As humanas proporcións saia todas as semanas nas listas de máis vendidos en galego, mentres que un libro magnífico como o último de Cid Cabido pasa case desapercibido)

10:10 PM  
Blogger Louzao said...

Concordo na necesidade de que haxa unha ollada nova dos lectores cara á narrativa escrita por mulleres. Aos exemplos que puxeches, quixera engadir un máis: Precipicios, que creo que é a primeira novela de Beatriz Dacosta e que me pareceu magnífica.

10:57 AM  
Blogger Brétemas said...

Louzao, efectivamente, coñezo esa novela de Beatriz Dacosta, ben interesante; como tamén o "Caderno de Bitácora" de María Reimóndez, quen, por certo, estivo ofrecendo outras magníficas narracións en Vieiros. E tampouco deberamos esquecer os libros que aparecen nas coleccións xuvenís (en realidade só unha etiqueta dos editores); aí, a nómina e moito máis ampla.

9:08 PM  
Anonymous Anônimo said...

Co galego pasan cousas ben raras, non se levan os relatos, non, pero si Rivas saca un libro de relatos asegúrovos que se pon de moda nun plis-plas.

Somos un pobo extrano, hai algún tempo en Follas Novas unha parella moi nova se preguntaban se comprar o
libro de Rivas en galego ou en castelán... decidiron que en castelán.

Ainda hai moito autoodio, ségueme asombrando como ó meu fillo de 4 anos que fala galego, a xente pola rua lle fala castelán. É automático, para a grande maioría o idioma da educación segue a ser o castelán.

O libro galego semella escolar, ou hiperenxebrista, moitos din que non entenden.


Creo que hai un problema de deseño, un problema grave, porque algúns libros galegos son pulcros, pero a maior parte das veces son moi tradicionais. Fixádevos nas últimas coleccións de El Pais, as edicións son moi baratas, pero as portadas son moi, moi boas, visualmente atractivas e sinxelas (como foron no seu tempo as de Alianza.


E penso que tamén é o tempo de pequenas editoriais, dende hai pouco tempo pódense comprar libros especializados, minúsculos, e moi fermosos.

Neste pais pesimista tivo éxito Kalandraka, nun campo que non fora ben explorado (outro tema son as extratexias comerciais)

4:46 PM  
Blogger Brétemas said...

Na miña opinión, a pesar de ser parte interesada, o portadismo editorial galego mellorou moito. Modelos como os de Gil (dos tempos de Alianza) máis actualizados manexa xente como a de Revision Deseño (para algunhas coleccións de Xerais) ou de Imago Mundi (para algunhas publicacións institucionais), Fausto (para o redesño de Galaxia). Mesmo, recentemente, Espiral Maior renovou o seu portadismo da man de P. Estévez (a antoloxía da poesía galega do século XX é moi atractiva). Creo que o libro editado en galego é elegante e homologable a de calquera outro sistema editorial. Sinceramente, creo que no portadismo e no deseño do libro como obxecto non están os nosos maiores problemas.
Outra cousa ben diferente é o tirón de determinados autores. Creo que é algo que afortala o noso sistema literario, o mesmo que as achegas das pequenas editoriais. Todos somos necesarios para termar desta fantasía.

8:00 PM  

Postar um comentário

<< Home