13.2.09

Olladas Atlánticas

Olladas Atlánticas é un libro de relatos de Daniel Lavesedo en formato dixital. Poderíamos definilo como o primeiro e-book literario galego. Pode descargarse (o pdf, por 2,60 euros) dende o espazo web da editora Luarna, unha editora dixital multilingüe, que recomenda como soportes móbiles de lectura dixital os sony reader e o irex iliad. Os nosos parabéns a Dani, polo seu labor pioneiro.

Marcadores: , ,

11.2.09

Appanah en galego

Nacida en Illa Mauricio, con trinta e tantos anos, Nathacha Appanah é unha das narradoras máis orixinais en lingua francesa. Porén, a súa obra permance inédita en castelán, existindo no mercado apenas a tradución dunha das súas novelas en catalán e outra en éuscaro. Encargámoslle a Emma Lázare a tradución de Le dernier frère, a súa última novela, aclamada o pasado ano en Francia polos lectores (obtivo os premios dos lectores da FNAC 2007 e dos lectores de L' Express 2008) e pola crítica. A verdade é que quedamos moi satisfeitos do resultado da tradución. Unha novela moi conmovedora e emocionante sobre a amizade. O derradeiro irmán estará dispoñible nas librarías galegas a finais deste mes de febreiro. Agardo que guste, tamén, aos lectores e lectoras en galego.

Marcadores: , , ,

16.1.09

«A clase»

Hoxe chega as librarías A clase, coincidindo tamén coa estrea da película homónima de Laurent Cantet, protagonizada polo autor da novela, François Begaudeau. Apostamos pola tradución da novela (un grande éxito en Francia) a comezos do verán. Un texto vibrante, de diálogo vivísimos. Un retrato demoledor da escola secundaria francesa de hoxe. Un puxilato constante entre profesorado e alumnado. Semella que volve o naturalismo. Recomendo vivamente a novela. Da película, xa falaremos, aínda que contamos con magníficas referencias.
En Galicia a distribuidora Golem dispuxo dúas fitas, unha en Vigo (nos cines Norte) e outra na Coruña (nos Yelmo de «Los Rosales»).

Marcadores: , , ,

2.1.09

Berger, «Un home afortunado»

Aproveitei os tempos mortos destes días de festa lendo Un hombre afortunado de John Berger. Asombra a modernidade da prosa e da estrutura deste libro, publicado hai máis de corenta anos e traducido agora ao español. En 1966, Berger e o seu amigo, o fotógrafo Jean Mohr, conviviron durante un tempo con John Sassal, un médico rural. Baixo a aparente crónica literaria e fotográfica da vida cotiá deste doutor, Berger propón unha reflexión radical sobre a profesión médica que o leva a escrutar con enorme lucidez cáles son os límites e manifestacións do «humano», dende o pracer até a dor. En realidade, máis alá da narración das anécdotas do doutor, das relacións cos seus pacientes, do protagonismo no seo daquela comunidade pobre (onde era considerado un «heroe popular»), o tema central deste libro, fermoso e extraordinario, é tratar de responder a pregunta tan fulcral: cál é o valor que ten unha vida humana? Berger asume ese reto empregando as categorías do literario, dende o relato de ficción ao ensaio antropolóxico (onde acuden na súa axuda escritores como Gramsci, Piaget, Conrad ou Sarte), e a súa resposta non pode ser máis clarificadora: «Non afirmo saber canto vale a vida dunha persoa: non se pode responder con palabras a este cuestión, senón só con obras, coa creación dunha sociedade máis humana». Berger, outra vez máis, demostra que no relato contemporáneo esváeronse as fronteiras entre a ficción e a non ficción, entre o imaxinado e o vivido. A de Berger é literatura como forma de coñecemento. Un home afortunado é un libro serio, deses que falan de cousas importantes. Recoméndoo moi vivamente.

Marcadores: ,

4.12.08

«O Globo de Shakespeare», o elenco de Jaureguízar

O vindeiro sábado, ás 12:00, presentaremos en Culturgal O Globo de Shakespeare, a máis recente novela de Jaureguizar. Dende hai dúas semanas Jaureguizar iniciou no seu blog unha serie de anotacións sobre o elenco de personaxes da obra, unha experiencia interesante dun autor reflexionando sobre a súa propia obra. Velaí, a primeira sobre Ricardo, o personaxe central, a segunda, sobre Rosalía, a terceira sobre a señora Quickly, a cuarta sobre Sebe e a quinta sobre Adriana:

Ricardo é o personaxe central da miña nova novela, O globo de Shakespeare; cando menos iso lle gusta pensar a el. É xiboso, polo que o seu pai decidiu chamalo Ricardo. Ten uns cincuenta anos e vive dende sempre no pazo familiar onde o atende Celia Mandiás, á que el chama Señora Quickly. Devoto de Shakespeare (e tamén de Leandro, o seu pai) sente paixón polo teatro, aínda que careza de talento para crealo. Personifica o fracaso, que lle provoca unha desesperación que el repercute no seu amigo o escritor de éxito Sebe. Está convencido de que manipula ás persoas que ten ao redor. A súa habelencia coas mans permítiulle facerse un teatro na casa e ducias de monicreques. Anda sempre cun boneco na man porque así pode manterse nun segundo plano e non ter que enfrontar a realidade. Está divorciado da súa muller, Rosalía, coa que ten tres fillos: Hamnet, Xiá e Susana. Xanta con eles todos os días no piso no que viven. O seu carácter é caótico, desordeado, irascible, botaporela, caprichoso, sentimental, cruel, xeneroso, arroutado.

Rosalía
é un dos secundarios da miña nova novela O Globo de Shakespeare. Estivo casada con Ricardo pero non deu aturado vivir no seu pazo nin a súa familia. Divorciáronse, mais ela segue sendo a Terra sobre a que xira o satélite de Ricardo. De nova, ficara fascinada polo seu talento para o espectáculo; ela, que non deixaba de ver a Lúa coma unha farola auxiliar nas noites. O monifateiro xanta na súa casa todos os días, xunto cos tres fillos que teñen en común. Ela segue aturándoo porque continúa namorada del. Rosalía é repoluda, optimista, pragmática, xenerosa, celosa e demasiado parva para decatarse do miserable que é o seu ex home con ela.
En realidade, chámase Celia Mandiás e é ama de chaves. Rexe a vida do pazo no que está ambientado ‘O globo de Shakespeare’. Entrou na casa sendo unha rapariga e no que leva máis de medio século. A xenerosidade vai canda ela, pero é quen de ser cruel se detecta unha ameaza ao seu poder. O seu carácter é disciplinado, ascético, dominado polo deber e a moral. Fisicamente é enxoita e fibrosa, camiña erguida e ás présas, polo que Ricardo alcumouna Señora Quickly. Sente paixón polos paxaros, ata o punto de que dá as horas con razas deles. Recende a aceite de oliva virxe. Tivo un novio mariñeiro cando moza, pero el desapareceu.

Sebe (Eusebio Pontella) é un dos personaxes privilexiados d’O Globo de Shakespeare. O debuxo que lle fixen foi arquetípico, índa que eses trazos unidireccionais teñen unha razón de ser. Sebe é un home encantador, guapo, elegante, sociable, amable, simpático e disciplinado na promoción desas novelas que tanto éxito teñen. Está casado con Adriana, unha muller á que avantaxa fisica e socialmente. A súa vida cambia cando empeza a soñar con limóns, que empezan sendo verdes e rematan sendo maduros. Os limóns tiran por el cara unha paixón que fará que perda a súa capacidade de decisión sentimental.

Adriana é a muller de Sebe na miña novela ‘O Globo de Shakespeare. O seu aspecto, repoludo e feo, compite en desagradable co seu carácter túzaro por ver quen é máis desagradable. Con todo, é unha muller cunha gran fortaleza, que enfrenta continuamente os desastres da vida. Encarada ao éxito do seu home, preferiu ficar na discrección porque todo o seu soño na vida é ser querida por Sebe, de quen envexa o seu físico e o seu don de xentes.

Marcadores: , ,

10.11.08

«O libro das viaxes imaxinarias»

A verdade é que poucas veces tivera a fortuna de quedar tan satisfeito da edición dun libro coma deste. En realidade o noso maior temor era malograr un texto literario e un traballo de ilustración valiosísimos, concibido coma unha síntese de lectura e relectura. Afortunadamente, xa imos coñecendo as primeiras lecturas, como esta marabilla de Pawley. O libro presentarémolo o vindeiro xoves, as 20:00 horas na Biblioteca Miguel González Garcés da Coruña.

Marcadores: , , , ,

9.10.08

Le Clézio, Nobel 2008

O bretón Jean Marie Gustave Le Clézio é o Nobel de literatura 2008. Como case sempre a elección semella inesperada, a pesar de que neste caso era un dos candidatos que se manexaban nas quinielas. Ao coñecer a noticia axiña nos decatamos de que se trataba do membro da xeración do «nouveau roman» do que Xerais publicara en 1987, dentro da colección Xabarín (daquela dirixida por Ferrín e Luís Mariño), Mondo e outras historias. A tradución de Valentín Arias e Raquel Villanueva (ademais de premiada co Nacional e co Ramón Cabanillas) fora a primeira desta obra a outra lingua. O Nobel constitúe unha oportunidade para descubrir a un dos autores da literatura contemporánea francesa máis aclamados. Precisamente, a pasada semana, apareceu nas librarías francesas a súa última novela, Ritournelle de la faim, publicada por Gallimard (como a maioría dos seus case cincuenta libros), a historia dunha rapaza de vinte anos que se converte en heroína.

Marcadores: , ,

25.9.08

As portadas de Fran Herbello


Estou moi contento coas novas portadas de Fran Herbello.

Marcadores: , ,

6.8.08

"Unha lectora nada común"

Una lectora nada común, a noveliña de Alan Bennet, é unha fábula coa que me divertin un pedazo. Qué sucedería se os políticos, neste caso a raíña Sabela de Inglaterra, se convertesen en lectores voraces? Esta comedia sen grandes pretensións propón unha reflexión sobre o poder subersivo dos libros literarios, da lectura e da escritura, e, en xeral, de todas as artes. Inevitable imaxinar qué sucedería se os nosos políticos adoptasen un comportamento semellante. Un texto de ficción interesante sobre o valor da lectura. Recoméndoa, lese nunhas poucas horas. Unha lectura suave de verán.

Marcadores: , ,

16.7.08

Ler novelas aumenta as habilidades sociais

Segundo un estudo realizado por un grupo de psicólogos canadianos ler novelas aumenta as habilidades sociais. Segundo este traballo empírico os lectores e lectoras de novelas adquiren novas habilidades sociais e melloran, grazas á lectura, ás que xa posúen. Como sinalan no blog ediciona, sexa certo ou non, sempre é bo contar con outro argumento a prol da lectura.

Marcadores: ,

21.6.08

"Festina lente", estrea en Compostela

Onte acompañamos a Marcos Calveiro na primeira presentación de Festina lente, realizada no obradoiro de encadernación da Libraría Couceiro compostelana. Hoxe aparecen catro entrevistas nos medios nas que Marcos salienta o valor dos libros como poderosas armas de coñecemento contra a intolerancia e o carácter da novela como fresco histórico da Compostela dacabalo dos séculos XVI e XVII. As primeiras referencias de lectura que estamos recibindo son inmellorables, na liña da nosa intuición. Seguiremos presentando a novela na Feira do libro de Vigo, no Festigal e na Feira do libro da Coruña.

Aconsello visitar o blog da novela.

Marcadores: , , , ,

21.5.08

"Festina lente"

Hoxe recibimos está novela de Marcos S. Calveiro. Intúo que vai dar moito, moito que falar. Só anticipo que estamos diante dunha marabilla. É un grande orgullo que forme parte do noso catálogo. Beizóns Folerpa!
Sinto que os impacientes teñan que agardar ata a vindeira semana, na que chegará ás librarías.

Marcadores: , ,

26.4.08

Febre nas bancadas

Anagrama acaba de lanzar en Panorama de narrativas Fiebre en las gradas, unha nova edición do primeiro libro do meu admirado Nick Hornby, o narrador que mellor escribe de fútbol dos que coñezo. Estas son as memorias dun seareiro do Arsenal, desque o seu pai o levou, con apenas once anos, ao estado de Highbury e comprobou que "o espectáculo en forma de dor era un concepto totalmente novo" para el. O libro é moi divertido e melancólico, aínda que queda un pouco desfasado (publicouse en 1992), cando aínda non chegara ao clube londiniense Arsene Wenger nin contaban no centro do campo co xogo matemático de Cecs Fábregas. Con todo as opinións de Hornby sobre o momento actual do Arsenal poden seguirse dende o seu blog. Recomendo o libro ao meu amigo o editor e escritor Henrique Alvarellos.

Marcadores: ,

6.4.08

"O señor Lugrís e a negra sombra", Premio da Crítica 2007

Estamos entusiasmados coa noticia. Dende que no mes de agosto pasado anunciamos a súa aparición crimos que O señor Lugrís e a negra sombra era unha obra das importantes. A crítica recoñézeo. Beizóns e abrazos para Luís, un dos nosos novelistas primeiros.

Marcadores: , , ,

6.3.08

"Incertos" de Antón Dobao

Xunto coa novela de Veiga e a edición do primeiro tomo d' O segundo sexo, a finais da vindeira semana estarán nas librarías outras novidades literarias que entendo de moito interese: Incertos, primeiro libro de relatos de Antón Dobao; Diario dun pai acabado de nacer de Henrique Alvarellos; A cultura do pan de Xosé Lois Ripalda; Obra dramática de Francisco Taxes (que inclúe dúas pezas ata agora inéditas) e outro volume dedicado ao teatro de Manuel Varela Buxán (que inclúe dúas pezas Se o sei... non volvo a casa e Taberna sen dono); Hordas de escritura o novo poemario de Chus Pato e Acendede as almenaras o poemario de Bernardino Graña. Completa esta remesa de novidades de fin de inverno con dous álbums infantís de grandes ilustradores europeos: Negros e brancos, a recuperación en galego do inesquecible conto pacifista de David McKee (o creador de Elmer, personaxe do que temos seis libros no catálogo) e Un barquiño coma min de Thomas Docherty. Con seguridade que sobre estas obras, nas que abordamos todos os xéneros, volveremos nas próximas semanas.
Adianto o texto de contracuberta que preparamos para Incertos de Antón Dobao (a impactante portada é de Fran Herbello, que consolida a súa contribución á renovación da imaxe da nosa colección de Narrativa):
Estes contos incertos de Antón Dobao apuntan ao horizonte do que non é predicible. Son trece historias nas que o extraordinario, o inesperado, acaba por se converter na marca distintiva dunhas vidas aparentemente normais. Porque nada do aparente é real e a realidade habita outras dimensións. Nestes relatos, as personaxes non son apenas monecos nas mans dun fado caprichoso, senón que tecen a súa vontade, cos seus actos, cos seus desexos e os seus temores, as encrucilladas en que se verán atrapadas as súas vidas. Para o lector, o inesperado accede en toda a súa naturalidade, con toda a crueldade, con absoluta fereza; fai agromar os recantos menos coñecidos evidenciando o principio de incerteza. Mais sobre todas estas historias aboia inevitablemente aquilo que nos caracteriza como humanos: a necesidade de comunicar, de amar, de negar a presenza imperial da morte. E as múltiples faces do poder.
Etiquetas:

Marcadores: , , ,

5.3.08

"O profesor de vegliota" de Manuel Veiga

Coa que está caendo sobre o futuro da lingua, a aparición d' O profesor de vegliota, a nova novela de Manuel Veiga, ven como anel para levar o debate ao espazo da creación cultural. A novela, que está nas librarías antes de semana santa, propón, entre outros temas, unha reflexión moi dura sobre o papel da lingua na sociedade e o seu futuro. Reproduzo o texto de contracuberta que preparei para presentala:
"Tras ser depurado e coa intención de non poñer en perigo a súa muller e a súa filla, o profesor de idioma regresa a Puebla, a súa cidade natal, na derradeira viaxe do tren arrancatravesas. En Puebla pretende ocultar os dous mecanoscritos, que conseguiu salvar tras a última incautación da súa computadora, onde recolleu as súas investigacións sobre o vegliota, unha lingua que durante un tempo chegou a ter a súa pequena idade de ouro, mais que agora desaparece irremediablemente tras a imposición da lingua oriental como a única oficial. O profesor de vegliota de Manuel Veiga é, en parte un relato policial, con ingredientes de novela de misterio e atmosfera de ciencia ficción, que se ofrece como un laio desesperado por unha perda. Unha novela impactante, talvez un ensaio sobre o futuro da lingua, sobre as posibilidades de sobrevivir sendo diferentes, sobre a identidade, sobre a resistencia e sobre as contradicións que supón esta loita."
Etiquetas:

Marcadores: , , , ,

16.2.08

"A venus de cristal", presentación

Onte presentamos na Coruña A venus de cristal, a segunda novela de Chelo Suárez. O acto foi concurridísimo, máis dun centenar de persoas, e confirmou a miña intuición de que esta novela vai constituír unha das sorpresas deste ano literario recén comezado. Foi presentada pola escritora Begoña Paz (da que publicaremos proximamente As mellores intencións, premio de novela curta do concello de Riveira).
Chelo Suárez, como o seu protagonista, o vidreiro de Murano Pietro Puliani, procura nesta novela de espírito renacentista a beleza en cada unha das páxinas. Unha historia ambientada naquela Venecia opulenta e cosmopolita do século XV onde utilizando os recursos dunha novela de intriga (con crime incluído) se propón unha reflexión sobre o fuxidío da beleza. Empregando unha prosa minimalista, sinestésica e unha estrutura de capítulos moi breves, Chelo vai mesturando o onírico co real, o vivido co soñado, a alquimia coa sensualidade, para propoñernos un ensaio sobre a beleza perfecta, que identifica, como tamén fixeron os mestres renacentistas coa inmortalidade que só se adquire por medio do coñecemento. A novela é, ademais, unha homenaxe ao mestre Boticcelli e a dúas cidades (a Venecia, filla do mar e labirinto de paixóns; e a Firenze templo da beleza serena) que emerxen luminosas construídas por palabras-laxe. Un texto interesante e de lectura engaiolante. Agardamos as primeiras críticas e valoracións dos lectores e lectoras. O éxito de presentación tan exitosa encheunos de expectativas.
Etiquetas:

Marcadores: , , , ,

15.2.08

Gañadoras do Iº Premio de Micronovela de Soutomaior

Hoxe dimos a coñecer o fallo do Iº premio de Micronovela organizado polo concello de Soutomaior. Entre as corenta e oito noveliñas presentadas (máis de dous mil cincocentos folios), os tres membros do xurado escollemos como gañadora "Diario do efecto bolboreta" de Andrea Maceiras Lafuente, xove narradora de Cambre, estudante de 3º de Filoloxía da Universidade da Coruña. A obra gañadora do accesit foi a titulada "Virxinia" de Pilar Ortega Pereiro, profesora de Tecnoloxía no IES Pedra de Auga de Ponteareas.
A micronovela gañadora relata, seguindo a teoría de Lorenz, unha orixinal e divertida viaxe dun matemático galego e sentimental que persegue o bater de ás dunha bolboreta de Beijín a Nova York para comprobar a veracidade do chamado efecto bolboreta.
Ningunha das dúas gañadoras ten obra publicada ningunha, a pesar de xa ter acadados outros premios literarios anteriores. Unha auténtica sorpresa. As noveletas premiadas serán editadas a finais da vindeira primavera.
Actualización (16-02-2008): A noticia da entrega en Vigo Metropolitano e La Voz de Galicia.

Marcadores: , ,

9.2.08

Vestio

Acabamos de recuperar para a colección "Fóra de Xogo" Vestio, a novela que Xosé Miranda publicara por vez primeira en 1995. Un libro que enlaza temática e formalmente, co moi exitoso volume de contos As mans no medo (publicado o pasado ano e xa reeditado) e co, tamén reeditado, volume de narracións do fantástico A biblioteca da iguana. Tres obras dun mesmo ciclo dun dos nosos maiores narradores contemporáneos.
Velaí o texto de contracuberta que preparamos:
"A doutora Eva García, destinada no remoto lugar de Viana das Veigas, atópase cun cadáver sen rostro e coas mans esmagadas. Xunto ao cadáver aparecen unha carta e un diario. Lendo o diario a doutora vai descubrir as claves de estraños comportamentos e estraños acontecementos que non só se refiren as habitantes da vila, senón a ela mesma, ao seu marido e á súa filla desaparecida hai anos. Eva descubre con abraio que o cadáver resulta ser un antropólogo inglés chegado co pretexto de estudar unha antiga seita priscilianista. Vestio condúcenos de sorpresa en abraio polos labirintos máis inextricables da alma humana e das crenzas máis insospeitadas e terribles. Nin das sombras nin dos homes (como con dor e espanto descubre a doutora) pode fiarse o lector. Unha novela de intriga, suspense, pánico e misterio. Unha narración claustrofóbica, labiríntica, aterradora."
Recomendo encarecidamente a lectura para aqueles gosten das novelas de terror e do fantástico. A solidez narrativa de Miranda (xa corenta e oito títulos no noso catálogo) nunca defrauda.
Etiquetas:

Marcadores: , , ,

29.1.08

Estreas narrativas: Salter e Chelo Suárez

Comezamos o ano con dúas estreas na colección Xerais Narrativa: a novela A venus de cristal da narradora coruñesa Chelo Suárez e o libro de relatos A idade da auga do escritor escocés (afincado en Galicia) James Salter.
A de Chelo, ambientada na Venecia de finais do século XIV constitúe unha proposta de narración moi singular, protagonizada por un vidreiro alquimista que frecuentando todos os bordeis dunha cidade en decadencia procura atopar rapaza que agoche no seu interior unha alma inmortal e bela. Unha narración sensual, de prosa moi elaborada, enchida de personaxes grotescos e fantásticos.
A de James, oito relatos ambientados todos eles en Vigo, unha cidade-barco case chea de gaivotas, na que se exploran os vieiros do imaxinario creativo e fantástico de Cunqueiro ou do pintor Urbano Lugrís. Dous novos autores para a narrativa galega que creo supoñerán toda unha sorpresa. Agardemos a recepción destes textos.
As dúas cubertas, como ven sendo adoito nas últimas entregas, son do fotógrafo Fran Herbello.
Etiquetas:

Marcadores: , ,