2.4.07

Campo do Fragoso XXXVII

UN MADRID CUTRE
O estado anímico da afección celeste, ben curtida en incontables derrotas, non se deteriorou con outra máis diante do Real Madrid. A procura de síntomas de mellora no xogo do equipo (moi perceptibles nos últimos encontros) abonda para non perder unha esperanza de permanencia que, grazas aos resultados doutros campos, continúa intacta. Pareceume o Madrid de Capello un equipo sen xeito, vulgar, apático, dos tantos que veñen esta tempada a Balaídos coa intención de levarse o partido aproveitando un par de erros motivados pola impaciencia anímica dos célticos. Como xa é adoito, os de Vázquez dispuxeron dunha chea de oportunidades, estragadas no segundo decisivo, e ofreceron instantes de beleza inesperada, como a rabona espectacular da primeira parte dun formidable Gustavo López ou o monumental taconazo de Nené que permitiu marcar a Ángel en carreira (ata agora, o mellor gol da tempada). O Madrid, coa excepción da gran actuación de Iker Casillas e do oportunismo de Robinho, non ofreceu aos seus numerosos seguidores galegos outra xogada merecedora de ser reseñada, nin artellou un minuto de fantasía para ser apupado, nin sequera un xesto técnico dalgunha das súas millonarias figuras que parecían conformarse con evitar a derrota. O Celta –a pesar de notar a ausencia de Cannobio e resentirse no centro do campo coas imprecisións de Borja Oubiña e Iriney (os dous algo fóra de punto despois das lesións)– foi un equipo moi valente e coraxudo capaz de obrigar ao rival a colocar vergonzosamente o autobús nos minutos finais. No entanto, volveu demostrarse que no fútbol se non metes cando podes (e os célticos puideron facelo en cinco ou seis ocasións), inevitablemente rematas perdendo. Un Madrid cutre gañou así a un Celta incapaz de rendibilizar o seu bo xogo para obter unha vitoria. Tampouco funcionaron os amuletos, este equipo continúa enmeigado.
Etiquetas:

Marcadores: , , ,

2 Comments:

Blogger xOsedorrio said...

O fútbol é o que ten... un Madrid cutre gañou en Balaidos e un Madrid espectacular perdeu no Bernabeu cun Celta cutre.

O fútbol non son matemáticas nen segue ningunha lei de suprerioridade (iso do mais grande come o mais pequeno)ou lóxica.

10:37 AM  
Blogger Silvio Falcón said...

De todas formas non foi xusta a victoria do Madrid, considero eu, diante dun Celta valente pero que pecou de ter erros graves cara o final do partido.

Unha aperta!

9:13 PM  

Postar um comentário

<< Home