5.5.07

Herminio Barreiro: "Sobre a recuperación da memoria histórica"

Herminio Barreiro leu este texto sobre a recuperación da memoria histórica nun acto celebrado o 25 de abril no Salón de Actos da Facutltade de Educación de Santiago. Un texto excelente que merece ser arquivado.
Dicía con moita ironía Jesús Vicente Chamorro, aquel inesquecible e revolucionario fiscal do Tribunal Supremo, que Deus é o único que sabe que é o que vai pasar no futuro. Ou seña, que Dios é o amo do futuro. Pero, pola contra, non ten ningún poder sobre o pasado. Porque o pasado xa pasou (“lo mejor del pasado es que ya pasó”, afirmaba Ortega, como quitándose un peso de encima). En cambio, os xuices, os policías e os historiadores, que non teñen ningunha certeza sobre o que vai pasar no futuro, si que poden actuar e decidir libremente sobre o pasado. Poden remexer canto queiran nese pasado. Porque iles considéranse os seus verdadeiros amos, os seus propietarios. Por iso podemos dicir que os xuíces, os policías e os historiadores, dalgunha maneira, son máis que Deus.
Aparentemente, así son as cousas. Pero, son realmente así? Pois ó mellor, realmente si son así, monarquicamente si son así, pero republicanamente poden non ser así. José Bergamín, que era un paradigma de republicano histórico, profundamente católico, paradoxal e inconformista até o límite, era famoso por moitos dos seus ditos. Por exemplo, “con los comunistas, hasta la muerte, pero ni un paso más” ou aquel outro, “los vascos son tan españoles que, precisamente por eso, quieren dejar de serlo”. Nun dos seus últimos libros, Cristal del tiempo, dicía que facer o que nos da a gana, a nosa realísima gana, é un privilexio que só se poden permitir os Reis e só de tarde en tarde o común dos cidadáns. Pero se democratizamos e universalizamos ao máximo esa gana, poderemos sustituir a realísima gana por unha gana republicana, isto é, por unha gana que poida ser posible para todas e todos nós.
Así pois, a República como modelo de Estado idóneo e a sociedade republicana como o mellor modo de vida, están hoxe plenamente internalizados no máis fondo da conciencia de todos os pobos de España. Son como o noso máis preciado inconsciente colectivo. A experiencia da Segunda República, tan breve, foi tan fonda e de tal calado que necesariamente estamos obrigados a loitar pola Terceira. Tardará máis ou menos, pero xa está irremisiblemente no horizonte. Porque, como dicía María Zambrano, rememorando aquela experiencia tan rica de 1931, “nunca estuvimos tan contentos juntos, porque nunca habíamos estado contentos y muy pocas veces juntos”.
E a estrela máis rutilante daquel vivir republicanamente foi sen dúbida o colectivo do Maxisterio. Un colectivo que brillou a moita altura. Un colectivo de mestres que eran “mestres, misioneiros e militantes”, como di nun dos seus libros o noso amigo e colega Alejandro Tiana. E fronte a iles, unha boa parte da Igrexa, con toda a xerarquía incorporada. Por iso, como dixo un día Thomas, a guerra que veu despois foi unha guerra de mestres contra curas. E ganaron os curas. Por iso pasou despois o que pasou...
E por iso hai que falar agora mesmo de recuperación da memoria histórica. As cousas non podían quedar como estaban. A manipulación do pasado debe ser desmontada. A verdade histórica debe ser restablecida. Aqueles cinco anos republicanos, do 31 ao 36, deben pesar máis, teñen que pesar moito máis que aquela guerra civil criminal do 36 ao 39 e que toda a “longa noite de pedra”, da que falara Celso Emilio.
É preciso, urxente e necesario recuperar, reparar e restituir. E todo iso pode e debe ser feito coa escrupulosidade con que traballa un arqueólogo, coa precisión dun restaurador , coa pulcritude e a sensibilidade dun artista. Que saibamos todos de todos. Que cada quen volva onde lle corresponda. Que a ilixitimidade sexa corrixida. Que se destapen todos os crimes...
Non se trata de reabrir feridas, senón xustamente de pechalas. Non se trata de facer maniqueísmo, senón de resituar as cousas. Xa non é tempo de vinganzas, senón de recuperar a memoria de todos e todas.
HERMINIO BARREIRO
Etiquetas: Herminio_Barreiro

Marcadores: ,

1 Comments:

Anonymous Anônimo said...

Circula por aí o cuestionario Proust. A min emprazáronme para respondelo e gustaríame ler as súas respostas. Está completo no meu blog. Anímese, Brétemas? Veña, ho.

1:32 AM  

Postar um comentário

<< Home