2.12.07

Heriberto Bens

Onte reapareceu en Faro de Vigo a asinatura de Heriberto Bens, que enviou dende o Hospital Psiquiátrico de Charenton unha carta á sección "No fondo dos espellos" de Ferrín participando no debate sobre a identidade da nai de Rosalía de Castro.
Transcribo o texto da carta pola súa importancia para a nosa historia literaria.
“Escríbote para che decer que a nai de Ro, Teresa de Castro, mal podería ter 29 anos, como dis que tiña, canda a botou ao mundo. Tiña 33 anos, o que nos fai pensar que era unha muller feita e dereita á que eu podo supoñerlle un certo grau de autonomía para escoller os seus queridos. Concordo contigo en que non hai probas coñecidas de que o amante de Teresa que diu lugar á marabillosa creatura chamada Ro fose Xosé Martínez, o crego capelán da colexiata da Adina. Teresa de Castro é unha figura de Femeninas ou Jardín Umbrio de Valle-Inclán. Eu non son, como sabes, nin psicólogo nin psiquiatra. Antes ben, son un interno crónico do venerábel frenopático de Charenton. Pola miña experiencia coñezo as formas que vai cobrando a fantasía. Fas mal, meu amigo, en asociar a fantasía familiar dos Martínez e dos Tobío con aquilo que Sigmund Freud chama “novela familiar”. Trátase agora dunha forma paranoide e atenuada do “delirio de grandeza”. Na súa modalidade aguda, o tolo non quer ser el, que é pouca cousa, e di ser Napoleón. Nunha forma atenuada, o paranoide di que o seu avó o tataravó foi un aristócrata ou un multimillonario famoso que non recoñeceu á súa antepasada ou antepasado. Os Martínez e Tobío de que se trata lograron meterlle a toda intelectualidade galeguista o encalatro de que Ro existiu grazas que un seu parente crego inseminou Teresa de Castro. E a posteridade aquiesceu cunha mansedume que a min, aquí en Charenton, me arrepía a pel.
Vexo que a figura de María Francisca vai collendo corpo na bibliografía rosaliana. Victoria Ruiz de Ojeda xa ollou con perspicacia que Don Fermín Bouza Brey intuía nesta señora unha personalidade que moito influíra na de Ro. A ver se os investigadores investigan e os escritores escriben sobre a vida de Ro e ti calas un pouco a boca porque non sabes mais que confudilo todo. Le poing levé”.

Heriberto Bens
Hospital Psiquiátrico de Charenton.

Marcadores: ,

4 Comments:

Blogger Mario said...

Sempre é un pracer volver ler a Heriberto, aver se o deixan volver de alá algún día.

6:09 PM  
Blogger Manuel Ángel Candelas Colodrón said...

Sería interesante coñecer o que o Ferrín di del antes de transcribir a carta:
"Débolle explicar aos lectores que, ao emerxer
do Fondo dos Espellos, meu amigo Heriberto
Bens, que está en Charenton (véxase Chus Pato),
e ao decidir achegarse a este foro, el continúa
na teima de lle chamar a Rosalía de Castro,
familiarmente, Ro. Acepto a correción a respecto
da idade de Teresa cando tivo a súa filla. O
resto, é responsabilidade de Heriberto, a quen
lle mando unha boa aperta e lle desexo un feliz
inverno na Francia mais profunda dos boscos e
das chairas de cereal. Onde o Marne á Sena se
alía."

9:37 PM  
Anonymous Anônimo said...

Equivócaste, Mario. Heriberto Bens está moi ben en Charenton. Eu vino unha vez de lonxe e confirmei o seu magnífico estado de ánimo e saúde. Se vén para acó e ve de cerca como está isto escribe catro cartas e pon o país en orde.

Que siga por alá, retratándose no Casarío do Arce, e mandando sabios avisos. E Ferrín e os escritores todos, a tomar nota.

Saúde para todos.

10:22 PM  
Anonymous Anônimo said...

Eu entrando neste post acotío por ver se se xuntaban aquí mil nomes pensando como dous ou tres cerebros e se levaban a matar e amañaban o mundo rosaliano no que tanto hai que poñer en desorde e nada.

Vai desaparecer o grande (e guapo) Heriberto Bens da primeira plana de Brétemas e nin o Mario respondeu ás miñas ofensas, aínda anque fose dicindo que seguro que se coñecín a Bens foi porque estiven tamén "dentro", o socorrido argumento desta era, o "pois ti peor!".

Unha mágoa. Era destas postaxes das que un espera moito comentario e moito barullo, case deixara de beber (tantísimo) por lela a diario... ¡e nada!

A consolarse. ¡Outro litro de cervexa, que xa son as dez!

9:59 AM  

Postar um comentário

<< Home