![](https://blogger.googleusercontent.com/img/b/R29vZ2xl/AVvXsEjnUeLJZAfqFuJ-SfFJjmiLPI4z16prN5sXMomgFeLGzuLCGsVv5bCDkDQk8V2ftmUfaLwgLIvOEfWlYy9vUgzZHLYWCSIhp6SzdqEwk_ohzeU9iJRXE-8qZ-GBceYDhin9veECDw/s200/Monterrei.jpg)
Co
artigo da semana inicio unha pequena serie no
Faro de Vigo sobre Xosé María Álvarez Blázquez As vindeiras entregas abordarán o seu traballo de
editor en Edicións Castrelos e a súa autoría e edición de
La ciudad y los días, texto monumental de seiscentas páxinas que estamos rematando de traducir e ocupa moitas das nosas horas de traballo nocturno e da fin de semana.
![](https://blogger.googleusercontent.com/img/b/R29vZ2xl/AVvXsEigHqiHEP5ZS6WbPhGADcD0XLkpSYaGLLbQZWB0YDMS5kLhe47wTtu5xYDpDUJgrVkTFqcyib4v89PWJw67krascJmYDWIIXb3LtCIvCOudU52xd5-qEI7TZLJTYWbtmEn5d3DAJw/s200/1201005475xose_maria_alvarez_blazquez.jpg)
Precisamente, onte á noitiña, fixemos un descanso na tradución para asistir ao
acto de relectura do discurso de
ingreso de XMAB na RAG. Foi esta
celebración evocativa moi fermosa, e mesmo
emocionante ao escoitar as palabras de XMAB e Fermín Bouza Brey pronunciadas polo seu fillos
Xosé María e
Fermín; como tamén o foron as palabras do alcalde Abel Caballero (que recordou que a RAG non celebraba unha sesión dende 1910 e ofreceu a cidade como unha das sedes da institución) e do presidente Barreiro (que fixo unha homenaxe ás catro xeracións da
familia Álvarez polos seus servizos patrióticos ao país). Ao remate comentei con algúns académicos e familiares de don Xosé María as magníficas perspectivas que se están abrindo na celebración deste 17 de maio, chamada pola envergadura poliédrica da figura homenaxeada a converterse nunha das máis brillantes e populares das celebradas nos últimos anos.
![](https://blogger.googleusercontent.com/img/b/R29vZ2xl/AVvXsEirgEM-1olk1r0PStJ6TboT9b2IpVSZan0r_rOrcuTnZmdCDdGhKB6opp_CEwIbd3jwIE6fdcS5tH117UqRdBf9sCDGw3wLHMUU2URIiiszz6Vb6K0lRwiRWh1gJATMKvEY7kQF6A/s200/g27p35f1.jpg)
Os nosos proxectos editoriais arredor de XMAB seguen o curso previsto. Despois de editadas xa as edicións de
Poesía galega completa, a nova para os escolares de
Roseira do teu mencer e a extraordinaria biografía e estudo literario de Darío Xohán Cabana (un libro que fixará, sen dúbida, o corpus investigativo da celebración), nestas semanas próximas centrarémonos en rematar as d'
A cidade e os días (para min o proxecto máis complexo) e a da
Fotobiografía de XMAB, preparada polo seu fillo
Alfonso (recolle case catrocentos documentos gráficos) e na que se inclúen dous ensaios, unha semblanza humana do seu fillo Xosé María Álvarez Cáccamo (que sabemos xa entregou outro texto fundamental que editará Galaxia) e outro sobre o eido erudito e investigador de don Xosé María, tamén, preparado por Darío Xohán Cabana.
![](https://blogger.googleusercontent.com/img/b/R29vZ2xl/AVvXsEiF5NGPF4LejV7jyX2_Br9fICKr-jQxprhSDe7CIMtzSltO20HtGVqtXBkxMwFYWgguyvUsrZF7fFYeOX1rZ3akZVm8acciFVCrALLLyitzcSTIIvej0TAVEWeylY9zBefxCNS_fg/s200/A_cidade_e_os-dias.jpg)
Só nos queda a espiña da ausencia de noticias sobre a celebración dun congreso sobre a figura de don Xosé María. Descoñecemos se os responsables da Consellaría de Cultura pretenden organizalo. Figura tan decisiva nun tempo menesteroso e díficil merecería maior apoio e atención por parte dos responsables da Xunta de Galicia. Non perdemos a esperanza de que se recupere a iniciativa que estimularía os estudos monográficos sobre unha obra de dimensións xigantescas, como se ven demostrado polos achados que se veñen producindo nos últimos meses. A causa de XMAB na que estamos implicados até as cellas, merece o esforzo e a xenerosidade de todos.
Marcadores: 17_de_maio, Artigos Faro de Vigo, Campo de Granada, Efemérides, Recurso_didáctico
2 Comments:
Sen establecer distincións con outros homenaxeados que, por veces, podían involuntariamente devaluar o mesmo día das letras galegas, o deste ano é un acerto total e un acto completo de xustiza. Só había que escoitar o ritmo das frases (case sen atender ao seu significado, denso e complexo) lidas onte polo seu fillo para comprendermos o altísimo nivel retórico e literario de XMAB. Eu espero que as institucións estean ao nivel que se precisa nestes casos.
O do Congreso será cuestión de falar co Departamento de Galego da Universidade de Vigo, que é, ao meu xuízo, a quen correponde en primeiro termo dar tamén o primeiro paso. Ao meu entender. Trataremos de facérllelo ver.
Por certo, como entendeu vostede a alusión de Barreiro (que fixo unha intervención preciosa pola emoción sentida que amosaba) á creación dunha sucursal da RAG en Vigo?
Concordo plenamente, amigo Arume. O da elección de XMAB vai axudar a revitalizar a efeméride. Sobre o Congreso, de caso de non organizalo a Consellaría (o pasado ano María Mariño xa non o fixo) a Universidade Vigo ten unha magnífica oportunidade de acometer a iniciativa (aínda hai tempo no segundo semestre do ano).
Con respecto á creación dunha sucursal da Academia, a iniciativa do Alcalde é retórica, sen dúbida, pero non deixa de ter miga. Moi intelixentemente, o presidente da RAG (un grande orador e diplomático excelso) recolleu a luva. Algo moi interesante, que podería contribuir a descentralizar a institución e revitalizala no seu funcionamento. Con todo, vexo difícil que se concrete a proposta. Unha manobra intelixente de Abel Caballero que, a verdade, está dando unha boa cobertura institucional á celebración.
Postar um comentário
<< Home