31.3.05

Alivio

Hai moito que ler nese cento de folios presentados onte como anteproxecto da Lei Orgánica de Educación. A miña primeira valoración, a pesar do morniño da proposta (fáltalle alma política e conviccións educativas a esta ministra), é globalmente positiva. Constitúe un alivio volver ao espírito da educación comprensiva para todos da LOXSE, tras o claro paso atrás que supoñía a segregadora Lei de Calidade do goberno Aznar, cos seus itinerarios e reválidas. A proposta do goberno Zapatero é unha reforma, sobre todo, da ESO, e unha simplificación e clarificación de toda a normativa educativa.
Non é doado combinar calidade e equidade, como principios que rexen a proposta, moito máis cando a sociedade actual non promove estes valores e cando se lle demanda ao sistema educativo que compense todas as desigualdades e discriminacións. Paréceme valente defender o principio de esforzo compartido de todos os membros da comunidade educativa, propoñer a lectura e as matemáticas como eixes curriculares da educación obrigatoria, flexibilizar o sistema e a autonomía dos centros, ao tempo que establecer mecanismos externos de avaliación (indispensables para asegurar o carácter non discriminatorio do sistema). Haberá que entrar a debullar polo miúdo o texto, que compila e corrixe as catro leis anteriores vixentes (Estatuto do Profesorado incluído). Contarase con financiamento abondo? Que consecuencias terá para o currículo? Como se concretará a proposta de cooperación territorial entre as diversas Administracións con competencias educativas?
A pesar do prudente da proposta, non me extrañaría que os sectores máis conservadores comecen a bramar (algúns xa o fixeron). Cuestións como o regulamento da relixión católica e os concertos coa privada son as excusas para non entrar no debate dos temas de fondo sobre o sentido da educación pública no marco da sociedade europea do coñecemento. Non lle vai ser doado ao goberno sacar adiante a lei e, moito menos, co consenso que se propón (precisa ineludiblemente dos seus aliados de esquerda e dos nacionalistas). Ábrese o debate.

Marcadores: