1.4.05

Volve Suso de Toro


Grupo Revisión Deseño para Xerais

Estou satisfeito porque hoxe enviamos felizmente o novo libro de Suso de Toro ao prelo. Unha obra que recolle medio cento de artigos que naceron dun acto cívico do autor, dun sentido do deber e da civilidade que ten ver coa ética e só dun xeito oculto e subterráneo coa estética. Forma parte, con Nunca máis Galiza á intemperie e Españois todos, dunha triloxía inesperada na que narra e interpreta dende a súa subxectividade un ciclo histórico extraordinario, un tempo agónico que aínda vivimos. Tres libros nacidos da conmoción que supuxo a actuación do goberno de José María Aznar no asunto do Prestige e escritos dende a historia persoal, a memoria do país de noso, a memoria española compartida e as profundas conviccións democráticas e federalistas do autor.
Un libro que propón a través do diálogo outra idea política de España e de Galicia. Unha ferramenta para abrir un tempo novo para unha sociedade como a galega que quere ser aberta e plural, decididamente libre.
Será publicado simultaneamente en galego, castelán e catalán e será presentado con motivo do día do libro. Confeso que estou moi ilusionado con esta saída. Agardemos pola resposta dos lectores.

Marcadores: , ,