26.6.05

Congreso Ibérico de LIX


Valencia, 27-30 de xuño de 2005

Hoxe á notiña marcharei a Valencia para participar mañá nun debate de editores no Congreso Ibérico de LIX. Dubidei moito en cal debería ser o enfoque da miña intervención. Finalmente optei por proporcionar datos sobre a evidente inflacción produtiva da LIX (empregando un chisco de retranca) e analizar, despois, os efectos perniciosos ou perigos da súa excesiva escolarización. Como remate, propoñerei para o debate a consideración da lectura como un problema de estado; o recoñecemento das identidades culturais e lingüísticas coma unha diversidade que a todos enriquece; a consideración da lectura como elemento transversal dos currículums da educación non universitaria; o estatus da biblioteca e da libraría como as primeiras institucións culturais de proximidade da cada comunidade cidadá; e, por último, a consideración do libro, máis alá do seu soporte convencional actual, como contedor da creación cultural e o coñecemento. Sigo tendo dúbidas, semella un mitin (dos editores, xa se sabe, agárdase que fagan isto ou que se laien amargamente).
A pesar do interese do programa, deberei volver o mesmo luns (o martes temos asemblea e presentación da nova web). Xa me intranquiliza cál será a noticia que coñeza ao baixar do avión.

Marcadores: