22.6.05

O reto de Quin

A noite do domingo lamentei a falta de autocrítica do BNG. Comprendo, agora, que non foi un día doado para ninguén, xa que nos roubaron a posibilidade de expresar a alegría. Sen embargo, Quin, xa dende o luns, tivo os reflexos suficientes e a coraxe necesaria para expresar autocrítica e confianza no futuro. Actitude que é moi de agradecer e, ata agora, era moi infrecuente, cando non inédita, na fronte nacionalista.
É decepcionante que nos últimos oito anos o BNG perdera 90.000 votos e cinco deputados, esquecendo aquel "sorpasso" das autonómicas do 97, que fixo soñar coa posibilidade de contar cun presidente nacionalista, e volvendo ás posicións do 93. O Bloque parecía derrubarse en cada nova elección fronte á diletancia dos seus responsables. Velaí a necesaria renovación que parase de vez semellante hemorraxia.
Quin fixo nestas autonómicas unha moi boa campaña, mais insuficiente para recuperar o moito terreo perdido durante o último ano e, sobre todo, tras a crise da confección das listas (a verdade é que, de terse enfocado con maior xenerosidade e amplitude de miras por parte de todos, puido ser evitada e, hoxe, os resultados serían sensiblemente mellores).
A pesar do retroceso electoral (previsible, aínda que quizais menos acusado no número de escanos), a posibilidade de facer un bo traballo no goberno é unha oportunidade única para profundizar no proceso de renovación e ampliación do actual espazo político nacionalista galego: transformar ao Bloque nun partido homologable (nacionalista de esquerda, onde cada militante represente un voto) é o reto que Quin e o seu equipo teñen diante. Azos e vontade non parecen faltarlles.

Marcadores:

3 Comments:

Anonymous Anônimo said...

estimado louzao: ao ler a palabra "autocrítica" o primeiro que se lle vén a mente é o de ter medios de comunicación afíns? Un tal Sexismundo ten libros moi interesantes sobre o que lle ocorre...

4:38 PM  
Anonymous Anônimo said...

Estou totalmente de acordo con Louzao. A autocrítica é precisa, pero tamén é importante non fuxir da realidade, e a realidade (a triste realidade) é que, sen medios de comunicación afíns, o nacionalismo (por moito e moi ben que o faga) non deixará de ter os pés de barro.

Ninguén dubida da enorme importancia que teñen para o PP, o PSOE e o PNV os seus medios de comunicación afíns.

Penso que rexeitar a transcendencia de ditos medios é vivir fóra da realidade.

10:10 AM  
Anonymous Anônimo said...

Ben, mentres esperamos o que sucede o 27, se finalmente hai "pucherazo" ou non, ou se en vista da imposibilidade de facelo Don't Manuel e compañía deciden impugnar todo o impugnábel, coido que cómpre moverse. Martin Pawley fai unha proposta interesante á que sinto non poder unirme por mera distancia xeográfica, mais que apoio completamente. Aquí a teñen, por se poden e queren:
http://cadeahumana.blogsome.com/

Porque, por axustadamente que fose, gañar, gañamos nós.

3:20 PM  

Postar um comentário

<< Home