11.7.05

Libros de máis?


O sábado marchou de viaxe María. Enchémonos de valor e aproveitamos esta fin de semana para limpar e reordenar unha das nosas bibliotecas (na casa témolas en todos os espazos, agás no noso cuarto).
Volver sobre os libros, que fomos xuntando ao longo de máis de vinte e cinco anos, e ordenalos alfabeticamente produce melancolía, quizais porque sabemos que hai títulos, a grande maioría, sobre os que nunca volverán os nosos ollos; outros son novas chamadas para a reflexión e a relectura. Quedei prendido do ensaio de Pedro Salinas, sobre todo do seu capítulo marabilloso en defensa da lectura. É sorprendente que xa en 1946, este escritor do exilio defendese posicións que hoxe parecen moi modernas.
Cústame desfacerme de calquera destes milleiros de volumes, mesmo dos que non gustei, quizais porque todos eles van trazando a cartografía da nosa vida de lector. Non sei ónde imos meter os que seguirán chegando a casa.

Marcadores:

4 Comments:

Blogger Martin Pawley said...

Pois a min non me custa ningún esforzo desfacerme de libros. De feito, moitas veces pensei -e aínda non o fixen, mais que nada por pereza- quedarme tan só cun certo número de volumes prefixado de antemán -cen, douscentos- e desfacerme dos outros, sexan cales sexan. Ao mellor fágoo este verán, quen sabe.

1:50 PM  
Anonymous Anônimo said...

Esta mentireira frase: "A cultura non ocupa lugar". Quen a inventou, ou tiña moito lugar, ou non tiña cultura. :-)

Podo engadir algo máis. Teño un amigo que durante as súas múltiples mudanzas de piso de estudante, gardaba os seus libros escrupulosamente en pesadísimas caixas de cartón. Ata que o seu pai descubríu que resultaba moito máis práctico para os traslados meter os libros en capachos de recoller a uva -máis capacidade e máis fáciles de levar, aínda que se magoen un pouquiño-. Tralo pudor inicial, o meu amigo descubríu as vantaxes da nova ferramenta e a súa relación cos libros cambiou. Agora ata se desfai deles.

Infelizmente eu son incapaz ata de tirar os libros do carné de conducir.

5:02 PM  
Blogger Cesare said...

1. alfabeticamente????
2. viva o ascetismo
3. os libros do carné sacan de moitos apuros

8:45 AM  
Blogger Brétemas said...

Alfabeticamente, polo nome do seu autor ou autora, si.

7:44 PM  

Postar um comentário

<< Home