20.8.05

Quen está detrás das lapas?

Vivín un día obsesionado polos incendios. Pola mañá, moi cediño, mentres escribía o artigo da semana (tituleino "Ardemos", pretendo interpretar todas as variables desta complexa situación) o zunido dos hidroavións sobre a ría alertoume sobre a magnitude do problema.
Diante da miña ventá comprobei que xa había lumes en Domaio, na aba da Lagoa da Guía ou na propia Madroa. Ao mediodía, camiño de Panxón o panorama da Serra do Galiñeiro era desolador: reaviváranse as frontes de Baíña, Peitieiros e Oia e unha mesta nube negra cubría todo o Val Miñor e a Serra da Grova.
Á noitiña, de volta para Sal, vindo pola autoestrada (alí se poden admirar as máis bonitas vistas de Sal), a situación era aínda moito máis preocupante: á altura do aeroporto de Peinador o incendio de Fornelos tiña unha fronte de lapas que semellaba abranguía varios quilómetros.
En Panxón nunha das terrazas preferidas do paseo, diante duns cafés e duns tés, especulamos con Josito sobre as motivacións destes desapiadados pirómanos e constatamos, por varias chamadas, a enorme precupación do goberno galego sobre a evolución ao longo do día da situación.
Diante de criminosos tan perigosos coma estes chiflados incendiarios (o 85% dos incendios son intencionados), que atentan frontalmente contra o patrimonio natural e contra o noso futuro, a Xustiza (entendo que a Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza ) e as Administracións competentes (o Ministerio de Medio Ambiente e a Consellaría de Medio Rural) debería poñer en claro diante da cidadanía galega cáles son os verdadeiros móbiles destes delincuentes.
Saben os meus amigos que, cando se constituíu o goberno conxunto, comentei en privado que tiña a intuición de que o primeiro problema serio a enfrontar sería a actuación desta vaga de pirómanos incontrolados. Infelizmente, o meu agoiro cumpriuse en toda regra. Quen está detrás destas lapas? Que podemos facer os cidadáns para apagalas de vez?

Marcadores:

4 Comments:

Blogger acedre said...

O monte ten muitos inimigos e mesmo o bosque en si e pirofilo.
Os inimigos son rivalidades entre vecinhos, empresas madereiras, xente que busca pastos para gando a monte, as propias brigadas antiincendios para teren extras e logo os descoidos.
Aparte o monte non esta limpo e as especies que gostan do lume son maioritarias (pinheiros e carballos)e seguen a extenderse co lume.
Ou sexa, todo a favor do lume.

6:31 AM  
Anonymous Anônimo said...

carballos?

8:43 PM  
Blogger acedre said...

Pensaba nos carballos coma sustitutos e escribin carballos no canto de eucaliptos.
Perdon polo trabuque.
Saudos.

5:38 AM  
Anonymous Anônimo said...

Acabo de atopar esta nova buscando fotos do Galiñeiro, para publicitar o noso roteiro.

Penso que si vos preocupan os lumes pódevos interesar o roteiro que estamos preparando:

"Os efectos do lume nos montes: Roteiro polo Galiñeiro o sábado 15 de xullo"

Verdegaia Vigo organiza este roteiro para aprendermos un pouco máis acerca dos lumes: como e porqué se producen, como afectan ao medio, como se poden evitar e minimizar os seus efectos.
A saída sera dende o bar Vincios (cerca da gasolinera do poligono de A Pasaxe) ás 10:00. O roteiro é de dificultade media e dura todo o día polo que compre levar comida, e roupa e calzado axeitados.
Tlf: 646 43 15 79 (Miguel)

Localización xeográfica do bar Vincios:
42º 09' 03'' N
8º 43' 35'' W

--
vigo@verdegaia.org
www.verdegaia.org

10:51 PM  

Postar um comentário

<< Home