22.9.05

Antoloxía de colofóns

Esta mañá o profesor Alonso Montero propúxome facer unha antoloxía dos mellores e máis atinados colofóns da edición galega. Sei que foi unha das súas brincadeiras, satisfeito como estaba pola chegada do novo libro que nos preparou para a homenaxe desta fin de semana.
A tradición do colofón das edicións literarias, que se remonta á creación da imprenta, non debería perderse. Esa anotación que se colocaba de forma caprichosa na última páxina impar dos libros para indicar o nome do impresor, lugar e data de edición, festividade do día ou algunha outra circunstancia é un sinal do coidado e do mimo que o editor puxo nas tarefas que lle son propias. Pegadas, pois, do traballo do editor, que se deixan para os que reconstrúen a historia e a memoria da edición.
Transcribo o magnífico colofón do libro que preparou Alonso Montero e que entendo merecería formar parte desa antoloxía:

Este libro Lorenzo Varela. Antoloxía (verso e prosa), saíu do prelo o 25 de agosto de 2005, sesenta e un anos despois da liberación de París da pouta nazi. Nesa data, Lorenzo Varela, no exilio de Buenos Aires, escribiu un aturuxo poético titulado "Ofrenda a los franceses", poema no que tamén saúda ós guerrilleiros galegos que loitaban, na Galicia mártir, contra Atila, contra o Faraón das Españas.

Actualización (23-09-05): creo, sen fachenda, que estoutro colofón, da peza teatral de Manuel Rivas que enviamos hoxe a filmar, entraría, tamén, na posible antoloxía:

Este libro, O heroe saíu do prelo o día 9 de outubro do 2005, sesenta e oito anos despois de que na beiramar da Torre de Hércules foran pasados polas armas os quince antifascistas condenados polo intento de fuga dende Portiño, organizado polo Espertar Marítimo coruñés. Eran quince mozos valentes, quince heroes.
Négaronse a asinar a notificación de sentencia dun tribunal de covardes e caeron ás seis da mañá dando un viva á liberdade.

Marcadores: