8.9.05

U-las voces?

Despois de dous días moi complicados, retomo esta escrita invadido polo desánimo. Levo toda a miña vida profesional, tanto nos meus anos como profesor de Educación Infantil como nos actuais de editor en lingua galega, defendendo contra vento e marea as difíciles causas da escola pública galega e do libro e da lectura na lingua nosa. Agora, debido a que expresei publicamente a miña disconformidade democrática cunha medida do actual presidente da Xunta son acusado de ser un antipático "reaccionario" ao que "só lle importan os cartos" e as "subvencións".
U-las voces que reclamaron estes días que se cumpra o compromiso (expresado como un contrato coa cidadanía) de que todos os conselleiros e conselleiras no exercicio do seu cargo usasen o galego? U-las voces que se preguntaron sobre os posibles efectos que a ampliación da modalidade de préstamo pode ter sobre o fráxil tecido do libro galego? U-las voces que se interrogaron sobre as razóns do continuísmo do goberno actual coa política do equipo de Manuel Fraga sobre o réxime de concertos co ensino privado? U-las voces que opinaron sobre os contidos e a estrutura da nova Lei de Calidade da Educación, elaborada polo goberno Zapatero, que xa comezou o seu trámite parlamentario e que obrigará a renovar os manuais escolares, previsiblemente, dentro de dous anos? U-las voces que neste comezo dun novo curso falan dos problemas que acucian aos ensinantes, ou das carencias endémicas de medios que padece a nosa rede pública? U-las voces que reclaman políticas redistributivas de bolsas para os estudantes de familias humildes? U-las voces que denuncian a privatización dos comedores dos centros escolares públicos? U-las voces que reclamaron esta semana o inicio do trámite lexislativo das novas leis do libro e de bibliotecas, consensuadas hai meses por todos os axentes do sector do libro en Galicia?
Inmersos en tan espeso silencio, é posible seguir dando a batalla por unha escola pública de calidade que fale, escriba e lea en galego?

Marcadores:

15 Comments:

Anonymous Anônimo said...

Tranquilo, que non é para tanto. É demagóxico, pueril e chorón dicer que ides á ruína. Teredes que superar a inercia e a comodidade da eterna subvención pública. Unha empresa privada arrisca, e, se o fai ben, obten uns beneficios que, por suposto, nunca reparte coa sociedade. Cando isto ocurre, non hai queixas, claro. Por outra parte, ninguén che nega méritos na loita a prol dun ensino galego, pero é excesivo que te poñas agora como o único "preocupado". Moitos dos que laboran por un ensino galego (e público e de calidade) non comparten os teus criterios parciais. Porque pola túa boca quen fala: o ex-ensinante verdadeiramente preocupado polo ensino público ou o executivo que defende os intereses da súa empresa? Non é bo mesturar planos, que só levan á confusión. Moitos estamos a favor da gratuidade (e de todas as outras medidas que enumeras no teu escrito), e é así porque antepoñemos os intereses xerais aos particulares. Será porque non somos executivos e só simples cidadáns. Así e todo, non queremos que desaparezades as editoriais privadas, e xa verás como atopades xeitos de non facelo: imaxinación e traballo é o fundamental. Apertas.

1:35 AM  
Blogger Martin Pawley said...

Eu quero que sexan gratuitos tamén os dicionarios de galego, de español e de inglés (e de francés para os de secundaria), e os Atlas do mundo e tamén as enciclopedias do estudante. E que tamén lles regalen aos alumnos os cadernos, os lapis e os bolígrafos, que son material funxíbel, si, coma os libros de infantil. E cada libro que se lles mande ler aos rapaces, que estea na aula. Vinte e cinco exemplares de cada libro de leitura en cada aula. A fin de contas, todas estas cousas que cito son necesarias e imprescindíbeis para a escola, non? Por que ha de ser de balde o libro de música e non a frauta, por exemplo?

O futuro é evidente: ficaremos só cunhas poucas grandes editoriais, que irán facéndose con todo o mercado, fabricando libros cada vez mais caros e con milleiros de caderniños que, eses si, pagarán os pais. Até a táboa de multiplicar vai vir co seu propio caderniño de exercizos, xa verán.

1:43 AM  
Anonymous Anônimo said...

Quen che acusa de reacionario?? Incríbel. Agora imos ter que pedir certificado de progresismo-galeguismo? Eu entendo que á industria editorial galega é unha das ferramentas que este o noso País "anormalizado cultural e lingüisticamente" precisa. Non se pode, a día de hoxe, tratar ás editoriais galegas como ao sector textil, lacteo ou a construción naval. Todos os sectores son importantes, sen dúbida. Mais na situación "especial" pola que atravesa o noso idioma, só desde a falta de sensibilidade e por que non dicilo, desde a falta de compromiso co País, é posíbel atentar contra unha das ferramentas máis importantes na procura da normalidade para o noso idioma, no noso País. Oxalá canto antes sexa posíbel tratar ao mundo editorial galego coma unha industria máis. Oxalá. Sería sinal de normalidade. Pero o certo é que hoxe, no 2005 non é esa a situación. É posíbel atopar fórmulas que sen atentar contra o mundo editorial, contra centos de postos de traballo nas pequenas librarías do País, poida conxugar o dereito a educación gratuíta e de calidade coa obriga de manter todas e cada unha das ferramentas que temos, que non son moitas, na tarefa de conseguir unha Galiza na que ler en galego sexa simplemente normal. Mais que por populismo do "novo" goberno se xogue non só con postos de traballo, senón co traballo acumulado en anos do mundo editorial galego, é simplemente suicida. Non coñezo a ningún editor galego que se fixera rico editando libros en galego. Deixemos por favor a demagoxia para outra ocasión. E que conste que eu son pai e non son editor nin semellante. Para máis precisión un simple traballador da hostalaría que valora o esforzo xeneroso dos editores en lingua galega.

3:51 AM  
Anonymous Anônimo said...

Lo primero: un apoyo solidario en lo personal. Con los años que llevas seguro que sabes distinguir a los agoreros, a los aduladores y a los malos políticos. La lentitud del auténtico trabajo con el libro te permitirá ver las cosas con más perspectiva y lo que está pasando con la aplicación de los modelos de gratuidad debe, debería quizás ya hace años porque era un tema cantado hace ya 9 años que esto iba a suceder, plantearnos toda una nueva forma de trabajo. Este fenómeno tiene, casi, tanta incidencia en el sector como las TICs. Y recuierdo una frase de Manguel al que los políticos no habrán leído: • Creo que no existe una forma eficaz de difundir la lectura que no pase por la conciencia de su utilidad social; los políticos tendrían que explicar qué libros leen para tomar sus decisiones. (Alberto Manguel; La Vanguardia, 29-04-2004)

7:37 AM  
Anonymous Anônimo said...

Creo que neste pais noso temos que facer un esforzo para debater, expoñer argumentos e dimensionar as cousas. Nen unha revisión dos concertos significa unha revisión constitucional nen a gartuidade dos libros de texto supón o afundimento da cultura galega. Tampouco a defensa do sector editorial supón o cuestionamento de traxectorias persoais. Estamos afeitos a converter tódalas discusión en loitas implacables polo poder e iso mostra o aspecto maís crú da política (ainda que necesario)

12:43 PM  
Blogger Brétemas said...

Concordo, Luís. Precisamos máis serenidade e acougo para debater sobre os problemas e para buscar alternativas. Claro que é posible revisar a política de concertos e as modalidades de gratuidade, como o é, que o sector editorial procure novos vieiros para a súa supervivencia (sen subvencións ou parches coiunturais). Magóame ese carácter finalista co que enfocamos calquera tipo de conflito. Obrigado, moito obrigado, polo teu comentario.

1:49 PM  
Blogger galeidoscopio said...

Sinto que sexan malos días mas tampouco ides saír adiante repartindo culpas a sinistra. E, só como brincadeira para dar ánimo, non dirás que con Fraga viviades melhor. Uma aperta e saúde.

4:14 PM  
Blogger Brétemas said...

Faltaría! Con Fraga e co equipo anterior da Consellaría de Educación moito temos lidado. Os editores, como gremio, nunca fomos un sector profesional acomodado e amósámonos mi críticos coas carencias da lectura pública e do sistema educativo en Galicia. Velaí os documentos que e pronunciamentos públicos que fixemos ou as nosas declaracións. Aínda que, todo hai que dicilo, fomos recibidos en varia ocasións por Fraga en varias ocasións (temos algúnha anécdota desas audiencias que semellaría unha lenda urbana). Agora, agardamos que Touriño tamén o faga e escoite e valore a visión que temos sobre o estado do noso sector.

6:02 PM  
Anonymous Anônimo said...

Eu non quería ofender, tan só amosar o meu desacordo con tanto victimismo. Pero dito en prata: non me gusta que, so a defensa da cultura galega e en galego, se vendan de matute intereses particulares, plenamente lexítimos se se presentan como tales. Obviamente, eu non son quen de dar consellos (e menos aínda paternalistas, como me acusa Louzao) nin de propoñer medidas concretas para a revitalización do mundo editorial galego, que eu apoiaría sempre e cando non supuxesen un gran e permanente desembolso do erario público e se fixesen con total transparencia e ecuanimidade. Tampouco é a miña tarefa elaborar un estudo profundo para expoñer “argumentos ben elaborados”, como me pide Louzao, algo que, por certo, podía empezar por facer el mesmo, pois neste foro aínda non presentou nada neste sentido. O meu coñecemento do sector, por suposto, non é nin exhaustivo nin completo (en concreto: é limitado) porque non pertenzo a el, e nos meus modestisi(siiisi)mos intereses intelectuais non entra facer unha monografía sobre o tema. Porén, que non sexa un “experto” non me impide opinar, con maior ou menor tino. Neste sentido, pídeme Louzao que aclare con datos “ese tópico do libro galego subvencionado, tan falso e tan extendido”. De momento, tan só dúas breves notas. Primeira: hai formas “directas” e “indirectas” de subvención. As directas tal vez sexan as máis coñecidas, aínda así pregunto: ¿Hai datos desagregados editorial por editorial? ¿Hai datos non só do subministrado pola Xunta, senón tamén por deputacións, concellos, ministerios, consellerías concretas, etc.? Segunda: as subvencións “indirectas” son as máis opacas. Por exemplo: ¿cantos libros de ensaio e investigación se publican financiándose con cartos dos proxectos de investigación universitarios ou dos departamentos? ¿Cal é a súa cuantía global, editorial por editorial e libro por libro? ¿Por que normalmente non se pon este dato na obra pubicada? ¿En cantos casos teñen que renunciar os autores aos dereitos de autor para que sexan publicados os seus libros? Se existen estes datos específicos e alguén me pode indicar onde encontralos, estaríalle agradecido por tirarme da miña ignorancia, que confeso desde un principio. E se o fai o amigo Louzao aínda lle estaría moito máis agradecido. Saúdos cordiais.

7:06 PM  
Blogger Brétemas said...

Florencio propón unha liña interesante de reflexión sobre a cuestión das subvencións ás empresas editoriais. Sempre defendín que os libros que publicamos teñen, como regra xeral, que defenderse no mercado; a aceptación ou non por parte dos lectores será o indicador que o faga ou non viables. Nesta aposta, os editores moitas veces erramos, xa que partimos dunhas expectativas de recepción moi por riba do que logo amosa a realidade pura e dura do que sucede na libraría. Porén, non poden considerarse como subvencións ás compras que algunhas institucións públicas realizan para manter a súa rede de bibliotecas. Isto sucede en Galicia como noutros países do noso entorno, aínda que con menor intensidade xa que a nosa dotación de libros en bibliotecas públicas por habitante (1,1) queda moi lonxe das medias europeas.
Hoxe os editores galegos recibimos subvencións para editar determinados libros de texto e outros materiais curriculares en galego (non os da área de lingua galega), así como axudas para pagar a tradución de obras estranxeiras a nosa lingua.
Descoñezo o que sucede hoxe coa publicación de ensaios apoiados por departamentos universitarios. Ben é certo que as vendas deste tipo de libros, polo menos esa é a miña experiencia, son moi cativas. Desgrazadamente a nosa colección Universitaria pasou de publicar, hai quince anos, dez títulos anuais, a un par deles nestes últimos exercicios. Xeralmente son deficitarios, por non dicir que ruinosos.
Afortundamente hai agora posibilidades técnicas, como as da edición baixo demanda (procedemento dixital de moi boa calidade) que permiten facer tiradas reducidas, impensables hai uns anos (menos de 250 exemplares). Velaí un ámbito que debemos explorar máis intensamente.
Estou contigo, Florencio: o noso desafío está en apostar pola innovación e por inventar novas formas de edición que permitan adecuarse á nova realidade.
Con respecto á situación do ensino público, ben sei que non son o único preocupado (non son fachendoso nin visionario). Coa miña reflexión (quizais non moi afortunada) pretendía alertar que, ademais da cuestión da gratuidade (non vou insistir en que estou a favor do principio e critico a modalidade de préstamo escollida), existen outros importantes problemas no ensino público que non deben ser esquecidos.
Moito obrigado polos comentarios e por participar neste espazo de debate.

8:30 PM  
Anonymous Anônimo said...

Agradezo a Bragado a xentileza e o ton da súa contestación. ¡Claro que non deben considerarse subvención a merca de libros para as bibliotecas públicas! Estou a favor de que esta se incremente moito máis do que acontece hoxe, como remato de dicir noutra entrada. Verbo das outras cuestións por min esbozadas, Bragado expón algunhas anotacións interesantes, pero contesta tan só en parte ao que eu formulaba, e non dá resposta a miña petición de datos. ¿Existen? ¿Pódese acceder a eles? ¿Onde? Aínda hai moito que andar. Saúdos cordiais.

9:55 PM  
Blogger Brétemas said...

Carecemos aínda de moitos dos datos tan precisos como os que solicitas. No número 100 de "Tempos", publico un traballo con bastantes datos. A maioría destas táboas poden ser baixadas desde o sitio web dos editores. Freixanes anuncia a presentación dun extenso estudo sobre o sector no vindeiro Simposium que organizaremos os días 3 e 4 de novembro. Desa volta, cremos poder coñecer unha radiografía acaída.
As subvencións que recibe cada editorial da antiga Dirección Xeral de Política Lingüística aparecen cada ano no DOG (aconsello consultalas, xa que son moi ilustrativas). Sinto non poder axudar na cuestión da edición dos departamentos, aínda que, ata onde eu coñezo, non sei de moitas colaboracións coas editoras galegas.
No que eu poida axudar, a mandar. Saúdos afectuosos.

10:36 PM  
Anonymous Anônimo said...

Unha pergunta: o mundo editorial galego non estará a cometer un grave erro na súa estratéxia comercial?
O mundo do mercado basease na busqueda do maior número de potenciais clientes, a maior número de potenciais clientes maior número de posíbeis ventas.
Na Galiza vivemos unhas 2.800.000 persoas, que segundo o anterior representan un número de 2.800.000 potenciais clientes. No mundo mais de 322 millóns de persoas falan portugués, isto representa unha bolsa de 322 millóns de potenciais clientes para o mundo editorial portugués.

Outra pergunta: Que é o que impide que ese número tan elevado de potenciais leitores de obras en portugués lea as nosas obras en galego,unha diferencia insalvábel entre dous sistemas lingüistícos lamentabelmente xa moi diferenciados ou mais ben unha simple escolla gráfica?

Máis perguntas: Se esta frase que escrebo agora a escrebera deste outro xeito: Se esta frase que escrevo agora a escrevera deste outro jeito. Xa non sería galego? Un portugués ou un brasileiro non sería quen de interpreta-la?

Derradeira pergunta, porque non ha praticamente editores e escritores galegos que defendan o reintegracionismo?

3:35 AM  
Blogger Cesare said...

Botei uns días fóra, e certamente preocupado por como estabades loitando contra esta medida. E non polos vosos intereses como editores, que só me afectan parcialmente, senón porque fostes os únicos (polas razóns que sexan) que criticastes unha medida populista, demagóxica, inxusta e conservadora.

Cal é o problema real? O problema real é que no mes de setembro os pais teñen que pagar facturas de 150 euros pola escola dos nenos, algo que determinados pais nin entenden nin comparten e que os indigna moito máis que meter eses cartos nas putas ou nas ceas cos amigos ou na viadigital.

Pero se ese é o problema ocórrenseme medidas moito máis axeitadas (no caso de querer solventar ese "problema"), entre as que sen dúbida está un plano de axuste do gasto didáctico (coma o farmacéutico), onde estaría ben saber canto custa unha frauta e canto o libro de música. Case todas estas medidas, ademais, son máis xustas, menos proteccionistas do mercado, menos cinxidoras das liberdades, e máis fomentadoras da cultura pasiva e activa.

Ánimo no persoal. E no 'político', brétemas, a vosa loita é a miña loita.

3:14 PM  
Blogger Brétemas said...

Obrigado, Cesare. No persoal estámonos recuperando. Conseguín xa postear doutros temas e ler sobre outras cousas. No profesional estámonos preparando para presentar a nosa posición diante da Administración. Solicitamos entrevista co presidente da Xunta (non temos noticia ningunha) e fomos convocados para unha primeira reunión o venres á tarde do Grupo de Traballo que promove a Consellaría de Industria. Sabemos que debemos matizar máis os argumentos no ámbito da comunicación e modificar a estratexia das empresas para poder seguir editando tal e como viñamos facendo. Faime coña que este argumento a moitos lles pareza un chiste. A verdade é que a xente que traballa nas editoriais, os ilustradores, os libreiros, os almaceneiros das distribuidoras estes días tiñamos o corazón encollido.
Obrigado, e benvido!!! Non coñece a ninguén que viaxe nas fins de semana tanto como vostede.

11:24 PM  

Postar um comentário

<< Home