16.10.05

Corpos e palabras

Creo que pode axudar a entender as intencionalidades d' O heroe ler o texto que preparou Manuel Rivas para o programa de man.

CORPOS E PALABRAS
A procura da liberdade non só vai labrando as sociedades, senón que tamén, e sobre todo, esculpe aos seres que andan nesa procura. Hai unha conexión de fondo entre ese andar pola liberdade e a etimoloxía latexante do vivir: o vivir en vilo, ser corpos abertos dispostos a ser habitados por esa forma inquietante de beleza que chamamos emoción. De primeiras estou a pensar en Sarabela, esa criatura ventureira da escena galega que agora cumpre vinte e cinco anos. Ventureira nun dobre sentido: que trouxo ventura e que implica risco.
O heroe quere representar a historia dun corpo aberto, ese proceso de habitar outras vidas, outras voces, diferentes á que semella predeterminada. Un corpo aberto que vai soerguéndose como un espazo tecido de linguaxe, como un contrapunto, fronte ao derrube colectivo, á esterqueira moral, que supón a negación da liberdade. A historia das palabras está intimamente vinculada á dos corpos. E aquí fálase de feridas das palabras e dos corpos, mais tamén do laborioso e fráxil esforzo de recomposición, a comezar polo pasadizo soterrado da ironía.
O heroe transcorre, en grande parte, nun tempo histórico extremo, na ditadura franquista, mais tamén cando este réxime sinistro, a principios dos anos sesenta, é percibido por moita xente como unha "paisaxe natural". Así, no mundo da complicidade e da propaganda, un inhumano e permanente estado de excepción é vivido como "normalidade" e a rebelión contra ese estado de cousas como unha temeridade. Como pode ocorrer este secuestro da verdade, este control das mentes, ante tantas tesemuñas e durante tanto tempo? As olladas e as verbas son confinadas entre catro paredes, aínda que ás veces as pedras e os muros teñan aparencia de translúcidos.
A rebelión que protagoniza o noso heroe xorde nun paradoxo. El é un guerreiro nun réxime que tiña os seus alicerces chantados na guerra, na idea de imperio, concretada na conquista do propio territorio. A chamada "guerra secreta" do Sidi Ifni, a guerra dos Cen Días, daquela colonia africana, provócalla un choque que fai trastallar as lousas da súa conciencia. O heroe guerreiro pasa a proba do que poderiamos chamar a pena de Marte, a mágoa do deus da guerra. E pasará outras probas nunha persoal odisea subversiva do sentido tradicional do valor e do culto ao guerreiro, na que latexa como fondo a pregunta de Albert Camus: "Como reaccionar fronte ao mal sen caer noutra forma do mesmo mal?". Para min, o levedar do pan segue a ser un misterio. E o mesmo ocorre co nacer dunha obra. As circunstancias históricas son ben distintas. Mais sospeito que o que aquí se trata e pode inquietar algo ten que ver co mundo de hoxe.
Manuel Rivas

Marcadores:

3 Comments:

Blogger Roberto Iza Valdés said...

Este comentário foi removido por um administrador do blog.

3:03 PM  
Blogger Roberto Iza Valdés said...

Este comentário foi removido por um administrador do blog.

9:06 PM  
Blogger Unknown said...

Este comentário foi removido pelo autor.

8:32 PM  

Postar um comentário

<< Home