27.10.05

É lexítimo fotocopiar un libro?

Ando estes días moi apurado preparando as últimas novidades, razón pola que apenas puiden botar hoxe unha olladiña na rede.
O que máis me chamou a atención foi a información sobre a solicitude de CEDRO aos grupos parlamentarios para eliminar dous aspectos da nova Lei de Propiedade Intelectual, especialmente o que atinxe á posibilidade de fotocopiar ou reproducir en soporte dixital, sen límites, libros nos centros escolares. É lexítimo fotocopiar a totalidade dun libro, aducindo que vai ser empregado con finalidades didácticas? Non se estará abusando, acolléndose ao principio do dereito á copia privada?

Marcadores:

8 Comments:

Blogger Peke said...

Éche ese un problema ben difícil de solucionar. Eu teño fotocopiado libros enteiros que xa non se atopaban nas librerías. No ensino é normal fotocopiar algunhas páxinas. Non creo que esa práctica deixe de realizarse; está demasiado incrustada.

12:40 PM  
Anonymous Anônimo said...

Todos fotocopiamos libros. Pero non é o mesmo fotocopiar un libro que non se atopa por ningures ou fotocopiar un libro á venda nas librerías.
A min non me preocupa que me fotocopien os libros que están descatalogados. Ata me parece estupendo que se faiga porque eso serve para difundir a miña obra. Pero se fotocopian un libro que teño á venda están roubando parte do meu traballo. E teño que traballar durante moitos meses para despois cobrar entre o 7 e o 10 por cento do prezo sen Ive de cada libro que se vende. Limpando casas gañaría dez veces máis no mesmo tempo. Claro que me divertiría moito menos.

1:58 PM  
Anonymous Anônimo said...

Colineta, eu penso que se fotocopiamos un libro que tes á venda non che estamos roubando nada. Pagamos as fotocopias e, pola razón que sexa, escollemos non mercar o teu libro. A ninguén lle gusta ter un tocho de A4 en vez dun libro mais, por diversas razóns, ás veces preferimos facelo así ou fainos falta. Moitas outras veces, chega con ler de prestado ou na biblioteca e completamente gratis. Queremos ler gratis. Queremos o noso dereito a NON ter que mercar libros se non queremos ou podemos. A ecuación libro fotocopiado (ou emprestado) = a libro non vendido é inxusta e criminaliza ao copiador. Pregúntate a onde vai o 90% restante das túas vendas, pero non nos botes a culpa aos que eventualmente facemos fotocopias (polo que dis, ti incluido). Alguén que quere ou necesita a fotocopia dun libro non ten por que querer o libro.

5:35 PM  
Blogger choios enríquez said...

é mellor ler o libro fotocopiado que non lelo

7:07 PM  
Blogger Brétemas said...

Non nos equivoquemos: quen fotocopia un libro non está lendo gratis. Está pagando papel, consumibles, a amortización das máquinas e o servizo. lemos gratis cando nos presta o libro un amigo ou usamos o servizo de lectura pública.
A copia privada é un dereito que recoñece a lexislación de propiedade intelectual. Outra cousa moi diferente é cando a fotocopia de libros supón un negocio organizado, paralelo ao pactado polo editor co autor. neste caso, non hai dúbida de que hai un delito contra a propiedade intelectual.
A cuestión máis discutible, que eu propoñía a debate, é se deben existir límites para a utilización didáctica dos libros que se fotocopian. É lexítimo que unha profesora reparta diariamente vinte e cinco fotocopias dun libro ao longo de todo un ano? Aí é onde eu teño serias dúbidas; aí é onde está o debate que se produce estes días no Congreso dos Deputados.

11:51 PM  
Blogger choios enríquez said...

Bueno, na produción semiindustrial de libros fotocopiados e o seu uso masivo como material didáctico non me meto moito... Fóra do tema escolar que a penas controlo, eu respondía ao titular xenérico e respondo da mesma maneira: en principio claro que é lexítimo fotocopiar un libro. E unha revista e un xornal e o BOE (e ademais de lexítimo é un coñazo). Logo vale, maticemos, pero con preguntas tan xerais e en certo modo tremendistas non facemos máis que aumentar o maniqueismo e entorpecer o debate sobre os límites do dereito de copia.

Sobre os textos: Eu fun das primeiras promocións da ESO e daquela estudabamos todo o ano a base de apuntes e fotocopias porque non había aínda libro de texto ningún, e tan mal non os foi, aprendemos bastante e mira o que aforramos. Por iso sobre o tema dos libros de texto non podo opinar demasiado, se tal pregúntome en plan boutade: existen os libros de texto porque hai unha industria editorial que manter ou existe a industria porque se necesitan os libros de texto?
Boutade si, se cadra, pero teño serias dúbidas...

12:59 AM  
Anonymous Anônimo said...

Brétemas, non sei se é lexítimo que unha profesora reparta 25 fotocopias dun libro cada día de curso. Moitas leis habería que cambiar de mirarmos con lupa o que moitos profes fan nas aulas. Ora ben, é un disparate custosísimo. Creo que a esa (ou ese, non é?)profe vaille dar un toque o xefe de estudos, non o congreso. Pero aproveitando o exemplo, é lexítimo que os 25 alumnos teñan que mercar os libros que recomendan os profes? Non sería mellor deixarllos ler antes e que decidan se queren telos ou non? Por certo, vendo a miña copia do Guzmán de Alfarache de 2º de BUP. (Pódese baixar de internet, pero a miña copia está forrada de plexiglas).

6:18 PM  
Anonymous Anônimo said...

Vale, hai moitas cousas en xogo e moitos disparates e moitos intereses dignos e indignos.
Pero qué queren que lles diga: hai libros tan, tan malos, e tan, tan caros, que cando se mercan e se len un síntese estafado, porque pretenden dar gato por lebre. Tería que ditaminar tamén o Congreso nisto?
En fin, como isto non ten arranxo, que cada un ature co que lle toca.

12:06 PM  

Postar um comentário

<< Home