6.11.05

Novas tecnoloxías e humanidades

Pechou o Simposio (grazas, Camilo, polo excelente seguimento informativo) a conferencia de Xavier Seoane, un dos nosos grandes poetas e ensaístas, sobre "As Novas Tecnoloxías, a lectura e as humanidades". Intervención brillante e apaixonada en defensa das humanidades como eixo vertebrador da sociedade do coñecemento e da cultura. Entre as moitas notas que tirei, entresaco algunhas das que máis me interesaron:
  • A marxinación das Humanidades é un suicidio cultural.
  • O que se incrementou nesta época foi a confusión.
  • A cultura é un sacrificio, unha escaleira que cómpre subir con esforzo.
  • O profesorado actual le pouco.
  • Precisamos de novas formas de ritualización social da lectura.
  • As Humanidades son artes da linguaxe e de destreza hermenéutica.
  • Na lectura temos que poñer o noso combustible.
  • Precisamos de tres alfabetizaciósn básicas: a textual e verbal, a matemática e científica, e a dixital.
  • Neste tempo de globalización precisamos recuperar o espírito de Atenas, do Renacemento e da Ilustración.
  • Necesitamos un Plan de Lectura como unha política incesante.
  • Precisamos promover a creación de bibliotecas familiares, replantear o funcionamento das bibliotecas escolares e da rede de bibliotecas públicas, que deben estar abertas os domingos e constituírse en lugares de encontros e de dinamización cultural.
  • As librarías tamén son espazos de encontro cultural e democrático.
  • Frases publicitarias a empregar. ATRÉVETE A PENSAR. ATRÉVETE A SABER. ATRÉVETE A SER MAIS QUE A TER. ATRÉVETE A LER.

Marcadores: