9.11.05

Volveu Xesús Alonso Montero

Hoxe ao mediodía recibín na editorial a visita do meu benquerido profesor. Regresou onte de Lúa de Avellaneda, onde durante a semana pasada, como comentamos no Simposio cando preguntaron por el, estivo dando varias conferencias, entre elas, unha no mítico café da Avenida de Mayo.
De todos é coñecida a miña querenza por don Xesús, personalidade humana e cultural na que recoñezo a súa teimosía e coherencia na defensa das súas conviccións e o seu impagable e incansable labor erudito e bibliómano. Tróuxome de Buenos Aires dous agasallos que gardarei nos andeis preferentes da miña biblioteca.
Un exemplar d' O que cómpre saber da lingua galega, título da súa autoría, publicado pola bonaerense editorial Alborada, en 1969, dedicado a Méndez Ferrín e "prá terra, hoxe auga, de Castrelo do Miño". A edición é preciosa, realizada ao coidado de Arturo Cuadrado (o galego, primeiro editor de Cortázar) e con cuberta de Luís Seoane; mais os contidos, tampouco perderon interese. Utilísimo pareceume o capítulo "Estatística da produción literaria galega entre 1938-1968", que nos serve hoxe para reconstruír a historia da nosa edición, fóra e dentro do país, durante a Ditadura, comparándoa coa catalana e vasca.
Un exemplar d' A Gaita a falare (Lembranzas e maldicións) de Ramón Rey Baltar con prólogo de Eduardo Dieste. Unha auténtica alfaia da poesía galega do exilio, editado en Buenos Aires en 1939 pola Central Galega de Axuda ao Fronte Popular Hespañol (sección da Federación de Sociedades Galegas da República Arxentina), ilustrado con imaxes de Castelao, Seoane, Colmeiro. Poemas costumistas mestúranse con outros vibrantes na dor da traxedia tan recente. Impresionantes son textos como "Carta a un vello compañeiro de navalla", "Mater dolorosa" ou "¡Antes mortos que escravos!"). Leremos a Rey Balter de vagariño, como merece.

2 Comments:

Blogger folerpa said...

E preguntácheslle por María Yañez ?

6:44 PM  
Blogger Brétemas said...

Pois a verdade que hoxe non saíu, mais prometo facelo o domingo que quedei con el para rexoubar no Café da Mañá. Preguntareille por esta editora.

6:55 PM  

Postar um comentário

<< Home