8.11.05

A situación da CRTVG

O valente informe do presidente da CRTVG na súa comparecencia de hoxe no Parlamento de Galicia non ofrece dúbida ningunha: a nosa televisión e radio públicas teñen importantes desequilibrios económicos e financieiros, que lle provocan problemas de tesourería a curto prazo, debido as desviacións orzamentarias dos últimos anos. Noutras palabras, menos técnicas, a CRTVG gastou moito máis do presupostado ata endebedarse cos seus proveedores en 84 millóns de euros. As razóns desta situación débense, sobre todo, ao aumento do volume "existencias" (as compra masivas de programas audiovisuais por riba das posibilidades orzamentarias, nalgúns semella que non emitidos).
Esta situación, exposta polo presidente da CRTVG coa claridade que proporcionan os datos proporcionados por unha auditoría externa, amosa a necesidade de acometer con urxencia a tarefa de elaborar un novo modelo de xestión para os medios públicos galegos. Unha das prioridades desta lexislatura do cambio.
A aposta por programacións de calidade comprometidas co país e coa súa cultura (a primeira razón da existencia da TVG e da RG); o desenvolvemento dunha liña informativa veraz, plural e independente, realizada con criterios profesionais; o apoio ao desenvolvemento do sector audiovisual galego (do cal a TVG é o seu primeiro motor); e a xestión austera e rigorosa dos medios técnicos e humanos cos que contan deberían ser criterios que permitisen o necesario relanzamento dos nosos medios de comunicación públicos, tanto en audiencia como en presenza e influenza no conxunto da sociedade.
En apenas un mes de traballo do novo equipo directivo estase notando xa un cambio notable (mesmo na programación) con respecto á etapa anterior. O rigor no enfoque da xestión, que amosan os contidos da comparencia e a proposta de orzamentos para o vindeiro ano do novo presidente, é, paradoxicamente, unha noticia moi esperanzadora para a cidadanía. Galicia pode e debe contar cunha televisión, radio (e eu propoñería que, tamén, compañía de Internet) públicas acordes cos requerimentos do noso tempo e do país culto e moderno que todos queremos.

Marcadores: