30.12.05

Orgullo na brétema

Vivimos intensamente en San Lázaro un partido memorable. A realidade superou as mellores expectativas: o xogo combinativo dos nosos foi, por momentos, realmente marabilloso e a resposta da bancada tan cálida como orgullosa. Os goles (magníficos os tres) foron caendo entre a brétema e a poalla, cando aínda non estabamos totalmente recuperados dun dos himnos máis emocionantes e longos que temos vivido. Inesquecible!
A solidez defensiva dos nosos e a súa descarada arroutada atacante deixounos pampos. Non sabiamos que tiñamos xente de tanta calidade: Cabanas no centro do campo foi unha marabilla, Pablo Álvarez fixo o diaño pola banda (non sei que agarda Horacio para fichalo xa), Nano e Deus remataron con determinación. O combinado todo estivo a unha excelente altura, ben dirixido polos dous grandes mestres de noso, o que demostra que o fútbol galego posúe un moi bo nivel internacional que, se nos deixan, vai permitir enfrontarnos con garantías a calquera. Non estaría de máis que se fose pensando nese Galeuska de fútbol, un triangular que enfrontase, rematada esta liga, ás seleccións das tres nacións irmás.
A resposta dos seareiros foi dunha grande madurez, conscientes todos que estabamos participando dun momento histórico e abrindo no simbólico (velaí a grandeza identitaria do fútbol) unha nova etapa dun proceso que no político se amosa, afortunadamente, cada vez máis irreversible. Esta festa rachada de alegría contaxiosa e o orgullo cívico de sermos unha nación non resignada prometen moito.
Para min constituíu, tamén, unha grande alegría asistir ao nacemento do precioso periódico impreso de Vieiros, outro orgullo esperanzado para o futuro. Porén, disgustoume o enfoque do libro que agasallou a Consellaría de Cultura a todos os seareiros, que amosa (sendo moi piadosos á hora de cualificalo) unha concepción necrolóxica e moi convencional da literatura galega; como tampouco me chistaron as chamadas (innecesarias) do muecín que berraba nos altofalantes dende un palco ateigado de autoridades. Erros, ambos os dous, que non pexan unha noite para non esquecer. Un grande éxito colectivo de Galicia en pé.

Marcadores: ,

2 Comments:

Anonymous Anônimo said...

O partido foi memorable, historico. A bancada impresionante. O himno, as cancións de animo, as ondas... Unha festa!

3:21 PM  
Anonymous Anônimo said...

Para o próximo partido sería interesante que a organización facilitara unhas bolsas (ou similar) para transportar os "cachibaches" cos que agasallaban na entrada.
A ver se hai outro partido antes do verán.
Con respecto aos resultados vindeiros non temos nada que temer: Deus está coa selección galega.
Un saúdo e bo aninovo
Engalego.esp.st

10:29 AM  

Postar um comentário

<< Home