Infantil en galego
Hai un mes reclamabamos a ampliación do programa experimental de escolarización en galego na Educación Infantil. A Consellaría de Educación, por fin, caeu do cabalo e prendeu ese fío do Plan de Normalización anunciando que poderán participar todos os centros sostidos con fondos públicos (é dicir os públicos e concertados) que teñan polo menos dúas liñás por cada curso da etapa 3-6. Esta si que é unha medida normalizadora de auténtico calado, moito máis se vai acompañada, como é de agardar, de apoios nos medios didácticos e na formación do profesorado. A creación dunha atmosfera galeguizadora nos centros dende o inicio dos procesos de alfabetización (Infantil e primeiro ciclo de Primaria) é a estratexia máis sólida para consolidar avances reais no emprego da lingua como vehicular na Primaria e na Secundaria. Desta volta, os meus parabéns para o equipo da Consellaría de Educación.
2 Comments:
Cantos centros de infantil teñen unha unidade en castelán sen que se lles esixa que teñan que ter tamén unha en galego para garantir os dereitos de quen queira optar polo noso idioma? Por que se esixen para pór en marcha unha unidade en galego uns requirimentos (acordo dos pais, do profesorado, do Consello Escolar) que non se piden para unha unidade en castelán? Creo que é importante que se vaian dando pasos, pero honestamente penso que o enfoque da circular que se acaba de enviar aos centros para a posta en marcha de unidades de infantil en galego non é como para felicitar á Consellería de Educación.
Non dúbido do que expresas. A miña análise vai en relación a primeira proposta da Consellaría que establecía que con carácter experimental funcionaría 10 centros. ë innegable que a circular amplía considerablemente as posibilidades, aínda que é certo que non asegura o dereito de todas as familias que pretendan escolarizar aos picariños en galego. Haino que seguir esixindo, non teño dúbida.
Postar um comentário
<< Home