8.9.06

Ollo coas faragullas!

Non hai dúbida de que dende hai unha boa tempada os pronunciamentos da Federación de Asociacións de Veciños de Vigo sonche moi institucionais e disciplinados.
Esta semana non nos sorprendeu (xa estamos afeitos) que poucas horas despois de que a alcaldesa anunciase que o Concello de Vigo escollera Cabo Silleiro para que a Xunta ubicase alí unha macrodepuradora, a disciplinada directiva da nosa FAVEC apostase no seu comunicado entusiasta "por un modelo metropolitano para a xestión das augas" (sic). Que marabilla!, o problema do saneamento da Ría e os cheiros podres da depuradora do Lagares arranxados nun plis plas polo bendito interese da nosa incansable rexedora.
Mais, se isto non abondase para abraiarnos, o comunicado publicado onte pola vocalía de sanidade da FAVEC (como se de responsables da concellaría de sanidade ou medioambiente se tratase) pasará á antoloxía dos manuais de educación para a saúde. Pola súa contundencia e claridade non merece comentarios que o entorpezan.
Así que ben sabedes, meus amiguiños, non rabeedes coma repugnantes e facede caso a esta boa xente da FAVEC que tanto sabe: tede moito coidadiño con botar as faragullas ás pombas da Alameda ou botar as espiñas dos xurelos ao gato, podedes estar propagando infeccións e doenzas a eito.
Se mo contan, creo que é outra lenda urbana. Meu deus, en que mans está o glorioso movemento veciñal vigués! Non estará algúen facendo méritos apresa?
Etiquetas:

Marcadores: ,

4 Comments:

Anonymous Anônimo said...

Manolo, meu querido amigo, permíteme vostede facer desde aquí, hoxe, unha sentida lembranza de Manuel María?

Vaia con ela unha oración pola súa alma.

Desculpe o abuso da hospitalidade e a emoción.

Un millón de grazas.

ALMIRAL MOUCHEZ

9:46 PM  
Anonymous Anônimo said...

Estimado Manolo:

Desde hai unha tempada? Eu estiven no movemento veciñal implicado directamente durante catro anos, e asistín a bastantes asembleas da Federación. E dime unha cousa, desde cada data dis que é disciplanada? Desde a época en que os meus mestres da Universidade ensinaban como rechear os formularios para as subvencións, tan ben preparadas polas concellerías do PSOE na época de Príncipe? Si nesa época na que a Federación deixou de administrar os fondos globais que facilitaba o concello para pasar a un "modelo de xestión profesional"(sic) baseado na concesión a dedo desde Praza do Rei?
Non era disciplinada cando Luis baixaba de Cabral, logo de pasar pola tasca do (P)SOE ou Xosé Sánchez da súa? Había que ver que disciplinados forzaban o enfrontamento electoralista co que tocara en turno: a tradicional suba do "céntimo" de Vitrasa, etc. Por favor...
Elena non é unha santa, pero sacando o meu admirado Couñago e catro máis que traballan, cando Eduardo Chao non fai política disciplinada? U-lo?

Óscar Gónzalez. Lantania.com

9:47 PM  
Blogger Brétemas said...

Querido Óscar: non coñezo as interioridades da actual FAVEC, mais sempre seguín con moita atención os seus posicionamentos e actividades. Mesmo teño colaborado con eles sempre que mo solicitaron. Razóns polas que, por prudencia, preferín empregar ese "tempo indefinido". Admiro, coma ti, o traballo serio de Couñago (promotor de moitas iniciativas no eido cultural oportunísimas). Porén, sinto gran desacougo polos contidos dalgunhas intervencións da actual presidencia da FAVEC. Crin que, como maior ánimo construtivo e crítico, era oportuno comentar os dous últimos pola súa significatividade.

2:29 AM  
Anonymous Anônimo said...

Estimado Manolo:
Co meu comentario só quería, digamos, manifestar que Eduardo Chao, con independencia da directiva do momento, está de continuo acesa ás presións e por tanto a sua directiva non sempre acerta nos seus postulados públicos -o do comunicado sobre os animais, faltoulle tacto- pero creo que, tamén, na actual directiva existen "sabores" que dan pe a matizar toda apreciación sobre a existencia dunha "liña ou tese doutrinal" única e harmoniosa.
En todo caso, concordamos sobre Couñago, persoa de inmensa calidade humana.

2:55 PM  

Postar um comentário

<< Home