29.11.06

Blúmsdei: quitar o corsé

Un bo amigo, ao fío da miña anotación de hai dous días, recórdame por correo electrónico a primeira crítica aparecida de Blúmsdei, preparada por Camilo Franco e aparecida no suplemento Culturas de La Voz (é unha mágoa que só se poida consultar en PDF) o 24 de xuño deste ano. Trátase dun texto crítico moi lúcido que amosa a relevancia da máis recente novela do noso Salinger. Reprodúzoo na súa totalidade polo que entendo gran interese:

"Sería moi cómodo interpretar Blúmsdei pola súa superficie, dialéctica. Polo seu carácter discursivo ou pola aparente eliminación de convencións que implican por igual aos métodos narrativos e ao sucederse das ideas. Sería rebuscado interpretalo estudando profundidades para levarlle a contraria ao autor porque de superficie e de fondo o último libro de Cid Cabido é un exercicio de literatura que disimula a exposición pero non a súa profundidade.
En moitos sentidos este libro é o da construción dunha narratividade que elimine as imposturas, as propias da literatura máis próxima e aquelas que proceden dos seus entornos socializantes. En certo sentido, de tanto esquivar modelos estetizantes, de construción politicamente correcta ou mesmo de acabado académico, Cid Cabido, afonda no coloquial como forma de prevención de calquera modo de esclerose formal.
As árbores que constante move o escritor diante dos ollos lectores chaman polo bosque das circunstancias: as do escritor seriamente apeado do pedestal da autoridade moral, a da memoria inevitablemente ameazada polas lagoas, a da perversión histórica das relacións entre o narrador e mais o lector e algunhas outras circunstancias que imos chamar menores para que ninguén pense que confundimos vida con obra e que Cid Cabido decide descolocar polo método de colocalas xusto no lugar que lle corresponde.
Xoga coa lingua e coa linguaxe e mesmo xoga coa idea dunha cultura excesivamente dependente da súa capacidade memorística. Por baixo da aparentemente inmediata organización coloquial do texto, por entre a aparencia anárquica da relación co lector, van aparecendo argumentos pouco dados á frivolización. E pode parecer que Cabido frivoliza coas formas, pero en absoluto cos argumentos. Sobre a dobre vía o autor de Días contados, vai sinalando sen demasiadas concesións algúns dos paradoxos aos que estamos sometidos desde o aquí e desde o agora. Desde a asunción da condición de escritores que escriben para entre eles ata a relativización da importancia do feito artístico. Son argumentos non chegan ao lector pola vía do apostolado intelectual, do enunciado filosófico senón desde a operatividade narrativa. En fin hai moitos anos que deberiamos ter obviado o debate entre acción e narración e non deixarse seducir por cousas tan peregrinas.
No texto de Cid Cabido pasan cousas, todas elas desde unha rememoración case automática, como se a memoria fose unha extremidade orgánica que colga de nós pero con certa autonomía. Pasan cousas que un lector pode calcular que forman parte do cotián e quizais non se equivoque, pero a intención é ir do particular ao xeral. Todo está ligado. Mesmo ese permanente xogo de ir adiando o suposto motivo literario do texto é outra indicación de que a literatura é algo residual fronte as dimensións da vida. Pero se a explicación queda excesiva quizais chegue con dicir que Cid Cabido non parece moi decidido a afortalar aquelas actitudes nas que, en sentidos diversos, se acaba por sacralizar o papel do escritor. Por iso o libro é, en realidade, unha narración dunha exactitude vital: como un humano mirado desde a lente do microscopio". Camilo Franco

Etiquetas: , ,

Marcadores: , , ,

5 Comments:

Anonymous Anônimo said...

Pois a verdade, a crítica non acerca moito ao texto. A que se referirá o critico con unha
" narratividade que elimine as imposturas, as propias da literatura mais próxima que proceden dos seus entornos socializantes"
Entendo a intencion de autenticidade, pero a o dos entornos socializantes, só se pode entender como a certificación dun punto de vista único dende o que ser mira toda a diferenciaq. Algo profundamente contradictorio.
Que quera dicir o crítico con "operatividade narrativa"?
a que se refirirá co "debate entre acción e narración"
En que século se situa cando se refire a "sacralizar o papel do escritor"

Por outra parte, levamos case cen anos co fluxo de conciencia, como para seguir presentandoa como novedade.

7:54 PM  
Anonymous Anônimo said...

Podes explicar esto: "pero a o dos entornos socializantes, só se pode entender como a certificación dun punto de vista único dende o que ser mira toda a diferenciaq. Algo profundamente contradictorio".

8:43 PM  
Anonymous Anônimo said...

O problema que tendes algúns dos que andades a defender a primacía do libro é que só ledes o que sae en internet. Eu en A Nosa Terra non lin unha senón dúas críticas de blumsdei

10:11 PM  
Anonymous Anônimo said...

E eu unha no Newyork Times
Moro caido

12:03 AM  
Anonymous Anônimo said...

Camilo Franco estase botando a perder. A novela pouco ten que ver co que nos conta, con franqueza, Don Camilo. Debe de ter un molde para sacalas, o estilo das estatuas de terracota, con facerlle un rostro diferente, problema resolto. Ben, que recupere a súa frescura de Por Conto Alleo. Non entendín nada. Ao chegar a metade estaba pensando no inspector de EL Ilusionista, e se fora realmente enganado. Polo menos coas reseñas e artigos de Xosé Carlos Caneiro botas unhas risas. Son mellores que a tira cómica de O Bicheiro ( Faro de Vigo, sección d´O Morrazo, que xa é dicir). Con todos os meus respectos para el.

9:21 PM  

Postar um comentário

<< Home