23.12.06

Volve Richard Sennett

Coincido con Juan en que Richard Sennet, Zygmunt Bauman e Ulrich Beck son os tres sociólogos claves na análise da sociedade postmoderna. Dos tres a obra que mellor coñezo é a de Sennett, que sigo dende a publicación das traducións en español de La corrosión del carácter e El respeto. Acabo de rematar a lectura a súa máis recente entrega La cultura del nuevo capitalismo, un libro no que sintetiza a súa análise sobre a cultura do traballo no que el denomina "a era da fragmentación".
Para o pensador social norteamericano os traballadores estamos sometidos a unha inevitable corrosión do carácter provocada pola agresiva cultura relacional do que el chama "capitalismo impaciente". Vivimos nunha era da fragmentación, onde cada individuo debe encarar o reto de definirse a través de constantes mutacións profesionais en ausencia de institucións capaces de dar sentido á vida (o que podemos definir como "precarización" da empresa por medio da externalización dos seus servizos). Reto ao que habería que engadir outro non menos complexo, o de dar a talla na chamada "sociedade das habilidades" na que o talento xa non se valora e as competencias do individuo quedan axiña obsoletas (o que supón a dificultade ou a imposibilidade de facer planos a longo prazo, a presenza do fantasma da inutilidade dos mozos ben preparados como outro paradigma da fragmentación). Retos, os anteriores, ao que habería que sumar o da necesidade de buscar un lugar dende o que sexa posible manter vencellos co pasado que sexan capaces de explicar argumentos de vida que cadaquén debe ir tecendo (que remiten aos fenómenos da "soidade acompañada" ou da desigualdade cada vez máis vencellada cos fenómenos do aillamento).
Este novo libro de Sennett, para min moito máis claro que os dous anteriores, constitúe dende unha perspectiva moral un alegato contra a "cultura da superficialidade" na que o consumismo desaforado (Viva o o Nadal!) substitúe á politica e os apaños e a solidariedade familiar ás medidas sociais. Sennett remata o seu ensaio reivindicando unha nova cultura do traballo ancorada en tres grandes valores, que considera decisivos:
O relato: procurar o sentido de conexión narrativa no traballo, atopar o argumento ou sentido do que facemos. Sennett apunta como iniciativas innovadores deste esforzo as realizadas nos Estados Unidos e na Gran Bretaña para dar forma ás "institucións paralelas" que tratan de facilitar aos traballadores a continuidade e a sostibilidade ausentes nas organizacións flexibles e a curto prazo, as experiencias de "emprego compartido" e as de "ingreso básico".
A utilidade: procurando, sobe todo nos servizos públicos, un recoñecemento socialmente inclusivo de todo tipo de traballos.
O espírito artesán: definido como "o desexo no traballo de facer ben algo polo simple feito de facelo ben."
Un libro de referencia, a contracorrente, que nos interroga continuamente e que axuda a mellor entender o noso tempo presente. Recoméndoo.

Marcadores: , , ,

2 Comments:

Anonymous Anônimo said...

Este libro de Sennet para min xa estaba implicito na xenetica do seu libro menos coñecido sobre o narcisismo na sociedades contemporanesas. Os aspectos referidos as institucións, encontran unha mellor explicación na obra de Habermas. A colonización do mundo da vida, inevitabelmente vai mostrando a patoloxía que Sennet salienta. A fragmentación encontra para min tamén unha mellor enunciación no autor alemán, a analise da distorsión comunicativa, permite unha analise non so descriptiva, a intersubxectividade entendida dende a pragmática dirixese sempre cara unha pretensión de verdade, que non renuncia ao compoñente ideal da comunicación. Esta ausencia de ideal pragmatico deixa frouxa analise de Sennet, e a verdade dame a impresión que se orienta devilmente cara unha improbabel esperanza, cargada de retorica humanista. "Agardar que os vencellos co padado sexan capaces de explicar argumentos da vida" e "institucións capaces de darlle sentido a vida"
Demasiada confianza no descalificado previamente, nas institucións, ou nun esencial pasado. Esto ridiculizouno concienzudamente Luhman como para volver aos mesmos camiños perdidos. Sen unha pragmática comunicativa, sen o compoñente ideal que vai inserida nela, toda alternativa, por tépeda e discreta que sexa non é mais que unha vella receta dun fracaso.
O mundo presentase demasiado inmediato, e fraxil, como apuntou U. Beck, vivimos sobre unha rede demasiado fina dura e fraxil, baixo os nosos pes pode abrise o bacio, as sociedades do risco tecen sen parar os relatos da súa seguridade adentrandose na ficción. Sennet, apunta a unha realidade non ficción, ilumina un traxecto breve de pensamento, mais interrumpese, como se non se atrevese a mirar con toda a lus as sociedades nas que pervivimos nunha gaiola de xeo. Aledame que colgase esta reseña.
LP

10:35 PM  
Blogger paideleo said...

Boas festas.

11:28 PM  

Postar um comentário

<< Home