28.10.08

Steiner será traducido ao galego por Xerais

Tras a polémica Steiner reflexionamos moito sobre o posicionamento da cultura galega no mundo. O debate foi ben produtivo e, finalmente, matizado. Nós chegamos á conclusión que como editores galegos tiñamos a responsabilidade de contribuír a profundizalo. Esta foi a razón que nos levou a explorar as posibilidades de traducir algunha das obras do polémico filósofo. Finalmente as xestións chegaron a bo porto e acadamos un compromiso cos axentes de Steiner para que Xerais publicase durante o ano 2009 dúas das súas obras: After Babel: Aspect of Language and Translation (1975) e George Steiner at the New Yorker (obra, aínda inédita, que aparecerá nos Estados Unidos no vindeiro mes de xaneiro). A estes dous títulos, que alicerzan o proxecto que iniciamos este ano de publicar traducións de importantes obras do ensaio do século XX, se unirán o segundo tomo d' O segundo sexo de Simone de Beauvoir (preparado por Marga Rodríguez Marcuño) e o Tractatus Logico-Philosoficus 1918 de Wittgenstein (traducido por Arturo Leyte). Cremos que este é unha aposta necesaria para incrementar o acervo do patrimonio cultural galego, ao tempo que debería contribuír a que fose máis valorado e mellor coñecido no mundo.

Marcadores: , ,

27.5.08

"Votos de riqueza", de Ignacio Castro Rey

En duascentas sesenta e catro páxinas, Ignacio Castro Rey, utilizando unha voz indignada e empregando unha lente sociolóxica, inserida nunha tradición filosófica (ancorada en Nietzsche e nos seus epígonos contemporáneos, Foucault, Deleuze e Baudrillard), debuxa un panorama bastante desolador e feroz do noso tempo, o do capitalismo real. Pois diso trata Votos de riqueza, de analizar o paso do capitalismo produtivo ao capitalismo especulativo actual, centrado nos sectores de servizos, no que a primeira produción é a informativa e a materia prima, en palabras do filósofo compostelán, "é a propia humanidade".
Artellada a obra con semellante propósito, empregando unha certa mentalidade tráxica, como voz transversal que moumea nas páxinas, non é esaxerado cualificar o libro como feroz, vehemente, intenso, denso, ácedo, máis tamén luminoso, divertido e profundamente irónico. Unha voz afirmativa e pouco pudorosa, interpela ao lector dende o prólogo, onde se adianta os propósitos do ensaio: criticar a cultura do consumo como manifestación primeira e máis acaída da pulpa do presente. Castro propón un acceso crítico á nosa cotidianidade procurando deste xeito una achegamento sistemático a unha esencia excluída. A voz que nos fala e a lente que utiliza pretende achegarse, dende a indefinición común, ao presente que vivimos e ao malestar que produce.
Para achegarse a unha existencia consumista e á banalidade exasperante que a caracteriza, utiliza como metodoloxía a intuición recorrente. Ignacio Castro pretende achegarse ao consumo (unha forma dinámica do odio e do rexeitamento), dende diversos espazos e ámbitos temáticos. Comeza coa prohibición do tabaco nos espazos públicos (unha "manifestación do fascismo de balneario", chega a dicir). Continúa con varios capítulos dedicados ao medo, nas súas diversas manifestacións, sexa baixo a forma de terrorismo, da crise económica, das catástrofes naturais, do cambio climático, da SIDA ou das guerras rexionais televisivas. Profundiza a súa análise no eido da publicidade e das marcas (ás que lles concede os capítulos centrais), para proseguir coa arquitectura, o urbanismo (e os seus "sen-lugares"), a "violencia verde" (criticando contra corrente o ecoloxismo político actual), a mocidade e a educación (para min os mellores capítulos), o deporte (e a súa obsesión vigoréxica) e a televisión e o seu "star system". Ata chegar ao apoteósico capítulo dedicado á sexualidade, concibida como un mecanismo de control individual.
En todos os capítulos reitérase a crítica á violencia comunicacional postmoderna, o que Agamben, un dos autores máis citados no ensaio, denomina "estado de excepción", ou a concepción do "mundo como supermercado", roubándolle a metáfora a Houllebecq, outro dos autores máis citados por Castro.
Esta disección rabuda do mundo presente no "Polo Norte" do planeta remite a cinco grandes cuestións:
1. A fragmentación envolvente do tempo actual, no que pasamos irremisiblemente da condición de cidadáns á de consumidores.
2. Fragmentación bipolar que provoca a ruptura do relato das nosas vidas e o rexeitamento de calquera tipo de finitude, de diálogo real e de disenso. Perdemos a conversa. As consecuencias deste fenómeno sobre as identidades individuais e as construcións colectivas son aterradoras: o desarraigo e o illamento das individualidades, paradoxicamente hiperconectadas e hipercomunicadas a distancia por medio das tecnoloxías dixitais.
3. Illamento confortable e portátil que se amosa coma síntoma dunha cultura da descontinuidade e do desarraigo, do ruído dixital das pantallas (refugando un silencio, que é aterrador para unha sociedade de televidentes), da velocidade (onde non existe tempo nin espazos para pausas ningunhas) e da impaciencia xeralizada no traballo e mesmo nun lecer absolutamente terciarizado.
4. Descontinuidade que alicerza un individualismo atroz, unha cultura do consenso infinito, unha sociedade de totalitarismo democrático, onde non existen fronteiras entre a dereita e a esquerda, onde a sospeita e o medo son permanentes.
Tras semellante análise, Ignacio Castro non propón conclusións, nin sequera terapias para aliviar este malestar. Apenas continuar nesta indagación crítica e desenvolver unha ética da desaparición, da resistencia –diría eu–, onde teña cabida a finitude, a proximidade e o acougo. Deter esta vertixe, parar a ler con vagar, conversar, recuperar a rúa, gozar dos silencios, arriscarse ao compromiso de amar, aliviaría esta enfermidade do presentismo? Votos de riqueza contén unha proposta ética, mais non un programa de rexeneración política. A Ignacio Castro Rey abóndalle que as súas palabras estean comprometidas co que está por chegar.

[Fragmentos da intervención na presentación de Votos de riqueza. La multitud del consumo y el silencio de la existencia, Marco, Vigo, 27 de maio de 2008]

Marcadores: , ,

24.5.08

"Votos de riqueza", presentación en Vigo

O vindeiro martes, ás 20:00 horas no Marco de Vigo presentarei Votos de riqueza. La multitud del consumo y el silencio de la existencia, o máis recente ensaio de Ignacio Castro Rey. Agradécese difundir na rede esta convocatoria. Outra magnífica oportunidade para volver escoitar en Galicia o lucidísimo discurso crítico do filósofo Ignacio Castro.

Marcadores: , ,

25.4.08

"A represión lingüística en Galiza"

Inmersos nun profundo debate sobre o futuro da lingua, acaba de chegarnos ao almacén A represión lingüística en Galiza no século XX, obra preparada pola profesora pontevedresa María Pilar Freitas Juvino. Un libro moi importante, froito da súa tese de doutoramento, sobre o que volveremos nos próximos días.

Marcadores: , ,

12.3.08

"O segundo sexo" en galego

Preciosa a presentación de onte d' O segundo sexo.

Marcadores: , ,

29.2.08

"O segundo sexo", primeiro exemplar

Hoxe chegou un exemplar do primeiro tomo d' O segundo sexo, a obra fulcral de Simone de Beauvoir, traducida para o galego por Marga Rodríguez Marcuño. A publicación desta importantísima obra, coeditada coa Secretaría Xeral da Igualdade (grazas, sen dúbida, ao pulo e teimosía de Carmen Adán), coincidindo cos actos do 8 de marzo, supón un auténtico acontecemento parapara a edición en galego. A tradución será presentada o martes 11 de marzo, as 18:30 no Hotel AC Palacio del Carmen de Santiago, contando coa participación da tradutora, de África López Souto (autora da introdución e da revisión filosófica da tradución) e da Secretaria Xeral da Igualdade. O segundo tomo publicarase no outono vindeiro. Reproduzo o texto de contracuberta que preparamos:
"Hai libros que nos acompañan moito tempo despois de telos lido. Que abren camiños para o pensamento permanecendo vivos anos despois da súa primeira publicación. Este é o caso d’ O segundo sexo de Simone de Beauvoir, un texto imprescindible para os movementos de mulleres e a primeira reflexión filosófica de calado sobre a construción da condición feminina. Unha obra, publicada en 1949, que abriu debates sobre temas claves para o avance das mulleres, nomeadamente, a importancia da súa independencia económica, a redefinición do seu papel nas familias e na sociedade, a deconstrución da mística da maternidade ou a capacidade de decisión das mulleres sobre o seu propio corpo e da súa vida. Deixou claro que a bioloxía non é o destino. E, polo tanto, deu azos a moitas xeracións de mulleres para buscar formas para participar e transformar a vida social e política. A obra Beauvoir ten a virtude de ser contemporánea moitos anos despois. E agora a súa edición en galego, traducida por Marga Rodríguez Marcuño e introducida por África López Souto, no ano do centenario do seu nacemento apunta nesta mesma liña. As nosas letras enriquécense cun texto fundamental para a humanidade que xerou unha rede de pensadoras e activistas que transcende xeracións, clases e países."
Sei que a tradución de Marga Rodríguez Marcuño, froito dun traballo demorado de máis de cinco anos, é magnífica. Agardo que a obra de Beauvoir, case sesenta anos despois da súa publicación, teña a visibilidade en galego que merece. Beizóns á tradutora e revisoras, así como ás responsables da Secretaría Xeral da Igualdade por ter participado tan decisivamente nesta edición.

Marcadores: , , ,

28.1.08

O Carnaval en Galicia

Coincidindo co inicio desta primeira semana do Entroido puxemos nas librarías unha nova edición, totalmente renovada, do Carnaval en Galicia, o libro de Federico Cocho, con magníficas fotografías de Manuel G. Vicente, que percorre as manifestacións e a xeografía do noso entroido tradicional, tanto rural como urbano: os Momos e Mecos, os Felos de Maceda, os míticos Cigarróns, os Troiteiros de Bande, os rechamantes Xenerais do Ulla, os Merdeiros de Vigo, Peliqueiros, Pantallas, Tamborradas de Viana do Bolo, Foleiros de Sande, Marfois, Choqueiros, Zarrampallos, Madamas e Galáns de Cobres... E tamén a rica tradición do carnaval nas vilas e cidades: o Urco e o Ravachol de Pontevedra, os apropósitos coruñeses... Un libro ben xeitoso para estes días de xoldra.
Etiquetas:

Marcadores: , , ,

26.1.08

"Reexistencia. A obra de Manuel Rivas"

Galicia hoxe dedica unha páxina á aparición de Reexistencia. A obra de Manuel Rivas o libro da profesora da Universidade de Towson Isabel Castro que publicamos dentro da serie "Estudos literarios". Non debera pasar desapercibida esta contribución académica, a primeira monografía sobre Rivas, que axudará a renovar os nosos estudos literarios sobre autores contemporáneos (o que é un importante paso adiante) e a proxectar internacionalmente o corpus da súa obra.

Marcadores: , ,

7.1.08

"O segundo sexo" en galego

Coincidindo co ano do centenario do nacemento de Simone de Beauvoir (celébrase mañá, día 9 de xaneiro) publicaremos os dous volumes d' O segundo sexo na nosa colección Xerais Ensaio. Margarida Rodríguez Marcuño xa entregou a tradución do primeiro tomo que pretendemos presentar con motivo do vindeiro 8 de marzo. A edición desta obra fulcral no pensamento feminista é un dos máis vellos proxectos de tradución no que viñamos teimando dende hai anos, razón pola que moito nos satisfai poder anunciar hoxe.

Actualización (08-01-2008): Corrixo na anotación o erro da data do centenario (por atinada suxestión de Pawley): é, loxicamente, o 9 de xaneiro. Con este motivo o Diario Cultural da Radio Galega emitirá un programa monográfico sobre a figura de Simone de Beauvoir. Tamén podemos anunciar hoxe que a publicación estará coeditada por Xerais e a Secretaría Xeral de Igualdade.

Marcadores: , , ,

2.1.08

"Diario de lecturas" de Alberto Manguel

Desque hai nove anos lin Una historia de la lectura son adicto á prosa erudita de Alberto Manguel. Os libros deste arxentino políglota, cidadán canadiano e escritor inglés residente en Francia, especialmente os que aparecen baixo o rótulo de ensaio, constitúen sempre un convite a gozar e compartir as súas mellores lecturas. Manguel nunca me decepciona nin aburre xa que está sempre disposto a ofrecer a súa experiencia de lector como un xeito de poñer orde e razón no brumoso caos social do mundo contemporáneo. Se hai uns meses falabamos no blog de La biblioteca de noche, onde Manguel nos propoñía unha aventura apaixonante no laberíntico espazo das bibliotecas, hoxe facémolo sobre a reedición ilustrada de Diario de lecturas, preparada por Alianza Editorial, o último libro que rematei estes días, no que narra a súa experiencia dun ano (o 2002) no que releu doce libros que forman parte do seu canon persoal, un por cada mes. Manguel, que escribe e pensa en citas, ofrece neste libro-blog (a súa prosa fragmentaria é característica do noso medio electrónico) unha reflexión sobre a súa experiencia de lector vocaional e compulsivo que para el non é outra cousa que falar da experiencia da propia vida. "Mi experiencia del mundo non me satisface: necesito que la literatura me proponga nuevos mapas, desplace mi punto de vista, me cuente ese mundo con las palabras de otros". Lendo este prodixioso novo Manguel, cheo de suxestións, de listas, de confianza optimista no poder dos bos libros, non hai dúbida de que non é esaxerado afirmar que "somos o que lemos". Recoméndoo para comezar de forma venturosa este novo ano.
Etiquetas:

Marcadores: , ,

29.12.07

Conversas con Francisco Pillado

Rematei a lectura do magnífico libro de conversas co editor Francisco Pillado, preparado polo tamén editor Xosé Luna Sanmartín (quen no vindeiro mes de xaneiro publicará na nosa colección BLG dúas pezas teatrais de Manuel Varela Buxán) e publicado por Espiral Maior. Un libro sincero, descarnado, intimista, valente, indispensable para adentrarse na figura humana, intelectual, literaria e política de Pillado, unha persoa a quen lle teño dende o que coñecín tanta lei como admiración persoal. A verdade é que cada vez gusto máis de ler e editar estes libros de conversas, un xénero biográfico que permite un achegamento máis complexo e obxectivo aos seus protagonistas, estimulados (coma neste caso acontece con Xose Luna) polo entrevistador a tirar da súa memoria e da súa capacidade de reflexión. Entre os moitos aspectos que me chamaron a atención do libro salientaría, sobre todo tres: o relato do traballo de Pillado na reinvención do teatro galego contemporáneo (figura fundamental, xunto a do seu amigo e compañeiro Manuel Lourenzo, tan presente nestas páxinas); o seu traballo como autor de libros de conversas (en colaboración co seu, tamén inseparable, amigo o editor Miguel Anxo Fernán Vello, con quen preparou o de Carballo Calero e os dous volumes de Xosé Manuel Beiras, libros fundamentais para entender a cultura galega contemporánea) e o seu labor de editor vocacional en lingua galega, á fronte dos indispensables Cadernos da Escola Dramática Galega, Biblioteca do Arlequín de Sotelo Blanco e de Edicións Laiovento (no libro reconstrúese a historia deste proxecto editorial, trabe primeira da edición ensaística galega dos últimos dezasete anos). Moi interesantes son, ademais, as reflexións de Pillado sobre o estado da edición cultural no mundo, sobre a conveniencia de creación dunha editora nacional, a defensa da popularización do elitismo cultural como o mellor antídoto contra a vulgaridade reaccionaria ou as súas opinións sobre a deriva que colleu o BNG nos últimos anos, organización política na que Pillado militou de forma destacada. Un libro que recomendo vivamente.

Marcadores: , , , ,

22.12.07

Orhan Pamuk escribe para ser feliz

Recollo do amigo Antón Castro un fragmento memorable do recente libro de Orhan Pamuk (onde se recolle a conferencia pronunciada con anterioridade á entrega do Nobel) sobre as razóns polas que escribe que debe quedar no arquivo:
"Como todos ustedes saben, la pregunta que más a menudo se nos hace a los escritores, la que más gusta, es la siguiente: ¿Por qué escribe? ¡Escribo porque me sale de dentro! Escribo porque soy incapaz de hacer un trabajo normal como los demás. Escribo para que se escriban libros parecidos a los míos y yo pueda leerlos. Escribo porque estoy muy, muy enfadado con todos ustedes, con todo el mundo. Escribo porque me gusta pasarme el día entero en una habitación escribiendo. Escribo porque solo puedo soportar la realidad si la altero. Escribo para que el mundo entero sepa la vida que hemos llevado y seguimos llevando yo, los otros, todos, nosotros, en Estambul, en Turquía. Escribo porque me gusta el olor del papel, de la pluma, de la tinta. Escribo porque más que en cualquier otra cosa creo en la literatura y en la novela. Escribo porque me da miedo ser olvidado. Escribo porque me gustan la fama y la atención que me ha proporcionado la escritura. Escribo para estar solo. Escribo porque puede que así comprenda la razón por la que estoy tan, tan enfadado con ustedes, con todo el mundo. Escribo para ver si acaba de una vez esa novela, ese artículo, esa página que he comenzado. Escribo porque eso es lo que todos esperan de mí. Escribo porque inútilmente creo en la inmortalidad de las bibliotecas y en cómo mis libros están en los estantes. Escribo porque la vida, el mundo, todo, es increíblemente hermoso y sorprendente. Escribo porque me resulta agradable verter en palabras toda esa belleza y esa riqueza de la vida. Escribo no para contar una historia sino para crear una historia. Escribo para librarme de la sensación de que hay un sitio al que debo ir pero al que no consigo llegar, como en un sueño. Escribo porque no consigo ser feliz. Escribo para ser feliz."

Etiquetas:

Marcadores: ,

24.11.07

Entrevista a Camilo Nogueira

A entrevista a Camilo Nogueira publicada en El País Galicia é unha análise moi lúcida sobre a posición que adopta o BNG no seo dos gobernos de coalición nos que participa. É moi oportuno o seu chamamento a que o BNG abandone as posicións melifluas de centro (que tanto confunden ao seu electorado e, dificilmente, moi poucos votos poden engadir), así como a necesidade de corresponsabilizarse das políticas das áreas do seu socio de goberno, tan decisivas para o proceso de construción nacional como a educación, a lingua, o medio ambiente ou a ordenación do territorio. Un chamamento sensato e leal, realizado dende a experiencia e do profundo coñecemento político de Camilo, no que deberían reparar os actuais dirixentes do Bloque para reorientar as súas políticas tanto no seo do Goberno galego como nos diferentes gobernos municipais de coalición.
Camilo traballa agora de forma infatigable na escrita de varios libros. A comezos do vindeiro ano publicará os dous ensaios, encargados por Galaxia, sobre as relacións Galicia e Europa, ademais de ultimar a versión definitiva do segundo tomo da súa Memoria da nación, que publicaremos en Xerais no segundo semestre de 2008. A reflexión política e ensaística de Camilo, que pese a quen lle negaron o pan e o sal, sempre anticipou a orientación estratéxica do nacionalismo galego, continúa sendo central para deseñar o futuro da nación. Estaremos sempre con Camilo.

Etiquetas:

Marcadores: , ,

5.11.07

"Madeira de Zapatero"

Hoxe colgamos o adianto en PDF da introdución de Madeira de Zapatero, o retrato do presidente do Goberno preparado por Suso de Toro. O libro estará nas librarías galegas, a partir do vindeiro mércores, e a primeira presentación da obra terá lugar na sede do Instituto Cervantes de Madrid, o martes 13 de novembro, coa participación de Angels Barceló, José Saramago, Zapatero e Suso de Toro. A edición castelá sae en RBA e a catalá aparecerá na Magrana, no primeiro trimestre de 2008. Non podo agachar a miña grande satisfacción por ter editado este importante ensaio, unha obra moi literaria e coral, que sitúa a edición galega no centro do debate político e da actualidade editorial.

Actualización (08-11-2007)
: Hoxe La Opinión da Coruña e Faro de Vigo publican un adianto dalgunhas das testemuñas de Zapatero publicadas no libro. Na prensa conservadora de Madrid tamén aparecen as primeiras valoracións do libro. El País anuncia a celebración o vindeiro mércores, 14 de novembro, dun encontro de internautas con Suso de Toro.

Actualización (09-11-2007)
: Entrevista a Suso de Toro en El País-Galicia.

Marcadores: , , , ,

26.10.07

Presentación "De provincia a nación"


Foi moi brillante a presentación celebrada hoxe do monumental libro de Justo Beramendi. O Vicepresidente da Xunta, que presidiu o acto, soubo contextualizar moi acaidamente a aparición de tan importante obra na situación actual do nacionalismo. A presentación xirou, ademais, arredor da intervención do profesor Xosé Ramón Barreiro Fernández que gabou a harmoniosa arquitectura conceptual dunha obra que definiu como "magna". Especialmente importantes foron dúas das súas afirmacións: "Xa temos escrita a biblia da historiografía nacionalista". "Nesa ducia de libros imprescindible que ten unha biliografía dun país, en Galicia sempre estarán dúas obras: O atraso económico de Galicia de Xosé Manuel Beiras e De provincia a nación de Justo Beramendi".
Entre o numeroso público estaban figuras do galeguismo e da política galega como Isaac Díaz Pardo, Xosé Manuel Beiras, Camilo Nogueira, Ramón Villares, Francisco Jorquera, Lorenzo Fernández Prieto, Xosé Antón Segade, Xerardo Estévez, Mercedes Rosón e moitas outras. Unha presentación importante para o que entendo será o noso libro do ano e unha das obras que marcarán como referentes o noso catálogo durante un longo período.

Actualización (27-10-2007)
: a crónica da Voz de Galicia.
Etiquetas:

Marcadores: , , , ,

21.10.07

Fidel Castro e Galicia

No suplemento Estela de Faro de Vigo publícanse hoxe tres páxinas de adianto sobre as relacións de Fidel castro con Galicia extraídas do libro de Ignacio Ramonet (Fidel Castro. A miña vida) que publicaremos a comezos do mes de decembro.

Marcadores: , , ,

12.10.07

"Fidel Castro. Conversas con Ignacio Ramonet"

Tras a anotación de hai tres días, onde anunciaba algunhas das nosas próximas novidades, foron varias as chamadas interesándose pola edición de Fidel Castro. A miña vida. Conversas con Ignacio Ramonet. O libro que preparamos é a tradución para o galego, realizada por Xosé García Crego, do publicado en Cuba co título Cien horas con Fidel, e ven sendo un repaso demorado pola vida, a obra e o pensamento do líder cubano.
A galega será a edición completa do libro. Como ben recordamos, no verán de 2006, Fidel Castro foi sometido a unha intervención cirúrxica por causa dunha crise intestinal aguda; meses despois a televisión tróuxonos as imaxes dun Fidel convalecente, cun bolígrafo na man: revisaba e completaba a primeira versión desta obra con novas revelacións inéditas sobre a súa infancia, a súa familia e a historia de Cuba, as relacións co Che, con Hugo Chávez e con Evo Morales, a política internacional e o futuro do socialismo.
Como eran os seus pais? Onde e cando se forxou o rebelde? Estivo o mundo no límite dunha guerra nuclear durante a “crise dos mísiles”? Que significou a presenza do papa Xoan Paulo II na illa en 1998? Que pensa da globalización neoliberal, da guerra de Iraq e do presidente Bush? Por que as autoridades cubanas aplican unha política de arrestos contra opositores ao réxime? Por que permanece na lexislación cubana a pena de morte? Que fan centos de médicos cubanos en países diferentes de medio mundo? Existe corrupción no Estado? Que futuro para a revolución despois de Fidel Castro? As orixes galegas; os galegos no asalto ao cuartel Moncada e no proceso revolucionario. Opinións sobre Fraga Iribarne; e un capítulo especial para as relacións co Estado español, personificadas en Felipe González e José Mª Aznar son algúns dos temas abordados neste groso volume (máis de cincocentas páxinas), que constitúe un amplo percorrido pola controvertida figura de Fidel Castro, ao tempo que un apaixonante relato sobre o pasado, o presente e o futuro da Revolución cubana.
O libro, que constitúe ademais a primeira obra do redondelán Ignacio Ramonet no noso catálogo, aparecerá a comezos de decembro e pretendemos sexa presentado a comezos do mes de febreiro, con motivo da Feira do Libro da Habana 2008, onde Galicia será culta convidada de honra.

Marcadores: , ,

6.7.07

5.7.07

Ser urbanita e falar galego

Camilo Franco entrevista a Gabriel Rei-Doval con motivo da presentación hoxe en Compostela d' A lingua galega na cidade. Recollo para o arquivo esta afirmación de Gabriel:
Quizais agora haxa menos falantes, pero os que o fan son máis leais e máis competentes. Pero a outra cousa que cambiou radicalmente é a percepción que a xente ten do galego. Agora case todo o mundo é receptivo e positivo coa existencia do galego. Unha percepción que hai trinta anos non era así para nada nas cidades. É posible que a xente non queira falar en galego, pero está mesma xente é favorable ás políticas de normalización ou á presenza do galego na escola. Na historia social da lingua, este é un cambio moi importante.

Etiquetas:

Marcadores: , , , , , ,

2.7.07

"A lingua galega na cidade"

Esta semana continuamos coas presentacións do libro do sociolingüista Gabriel Rei-Doval A lingua galega na cidade no século XX. Mergullados na falsa e interesada polémica sobre o decreto de uso do galego no ensino non universitario, a obra de Doval constitúe, como sinalou o tamén sociolingüista Fernando Ramallo, "un libro alerta fundamental para entender a situación social da lingua galega durante os últimos vinte e cinco anos". Ademais de proporcionar e sistematizar milleiros de datos e de realizar un estudo diacrónico da situación do galego nas sete primeiras cidades do país, o libro achega e arrisca reflexións sobre o futuro da lingua (en medios como a familia ou sobre as posibilidades da regaleguización), polo que a súa utilidade para o proceso de planificación lingúística nos medios urbanos resulta evidente.
Etiquetas:

Marcadores: , , , , ,