17.1.07

O pánico de Núñez Feijoó

Como son un optimista da vontade (un deses tipos raros que apostamos pola hipótese máis favorable de cada momento) cheguei a pensar este mediodía que iamos ter Estatuto. Interpretei como un sinal esperanzador que os reunidos en Monte Pío non parasen sequera para xantar, o que podía significar que colleran esa carreiriña imprescindible para concluír con éxito os máis difíciles camiños. A realidade amosoume que isto era outra das miñas inxenuidades, especialmente por non ter valorado a posibilidade de que algúns dos tres participantes sufrise da síndrome de pánico do dianteiro no momento de rematar a porta baleira.

Esa síndrome paralizante foi a que hoxe desgraciadamente padeceu Alberto Núñez Feijoó (o elegante líder do PPdeG). Tiña todas as condicións ao seu favor (foron moitas e xenerosas as vantaxes defensivas que lle proporcionaron os seus adversarios do bipartito) e, porén, no instante decisivo de rematar quedou collido pola poderosa sombra de Rajoy e da caverna mediática madrileña. Alberto desperdiciou hoxe unha oportunidade de ouro (que non sabemos cando poderá volver a producirse) para madurar como líder do conservadorismo galego e como auténtico candidato para suceder a Fraga como presidente da Xunta, se así o quisexen algún día os galegos. Pesoulle máis a disciplina férrea que lle impuxo Madrid que os intereses de Galicia e guindou o proceso de reforma do Estatuto ao garete.

Analizando as declaracións dos tres participantes no cumio (nas formas moi prudentes e contidas, o que é de agradecer) as diferenzas que expresaron non semellaban insalvables. A propia duración da reunión (apenas seis horas e media, despois de dous anos de proceso) indica que se non temos estatuto non é tanto pola imposibilidade de consensuar as redaccións sobre os temas difíciles, como pola imposibilidade obxectiva do PPdeG de romper a disciplina coa súa Dirección en momentos de máxima intransixencia co PSOE e con todas as formacións nacionalistas. Eis as circunstancias ás que se referiron Quintana e Touriño e que, implicitamente, tamén recoñece Feijoó, que impediron chegar a un acordo.

É moi difícil entender como Feijoó pode xustificar que a súa confusa proposta de definición identitaria ("sentimento nacional" dos nacionalistas) é a máis atrevida que se fixo na redacción dos estatutos, cando (se somos fieis ao significado das palabras) déixanos moi por baixo do sintagma, "realidade nacional", aceptado polo seu colega Arenas para definir Andalucía. É moi difícil entender, tamén, como non lle foi posible aceptar a redacción proposta por Touriño sobre a lingua (que renunciaba a reflectir o deber do seu coñecemento, situando as dúas linguas oficiais en igualdade xurídica no que respecta ao seu uso e coñecemento). Como tamén é difícil de entender que para el existían "flecos" no relativo ás cuestións dos investimentos e financiamento, cando (aceptado o sistema de cupo e o criterio de suficiencia financieira) a súa proposta inicial estaba moi por baixo (xustamente a metade) da presentada polo BNG. Ningunha destas tres posicións de Feijoó parecen o suficientemente sólidas para xustificar a súa negativa.

Galicia non contará con novo estatuto na presente lexislatura. Un feito moi negativo e insólito (a única comunidade que intentou a reforma e debeu adiala) que non nos vai axudar a gañar nin posicións nin máis posibilidades de competitividade e benestar no conxunto das comunidades españolas. Inevitablemente con este fracaso quedarémonos atrás nas posibilidades de negociar de forma bilateral co estado un novo sistema de financiamento; o que suporá dificultades para o funcionamento dos nosos servizos básicos (mesmo os xa transferidos) e adiará sine die a compensación dos nosos déficits estruturais. Isto realmente é o que se foi ao garete no día de hoxe. Agoiro que tras a elegancia das primeiras declaracións, se abrirá unha treboada no horizonte. A xestión deste fracaso por parte dos tres partidos será a clave do debate político nas vindeiras xornadas.

Actualización (18-01-2007)
: Vieiros recolle a opinión do blogomillo. Parécenme, tamén, moi oportunas e clarificadoras as novas declaracións de Touriño (cunha enerxía descoñecida ao longo do proceso), a rolda de opinións que publica a edición impresa de Faro de Vigo e as opinións de membros cualificados dos diversos partidos en El Correo Gallego (especialmente reveladoras son as declaracións de Camilo Nogueira e Pedro Puy Fraga).
Etiquetas: Galicia

Marcadores:

5 Comments:

Anonymous Anônimo said...

Como podemos saber exactamente onde se atopan as diferencias insalvables entre os grupos? Nin que o Estatuto fora o bálsamo de Fierabrás. Un pouco de cinismo non viría mal para aprobar o que nunca se cumple.

11:10 PM  
Blogger Brétemas said...

Un bo exercicio de pedagoxía política será comparar estes vindeiros días os documentos presentados por cada un dos partidos. Tiven a oportunidade de manexar algúns, a verdade é que moi por riba, hai uns minutos, e estou, aínda máis convencido, de que había posibilidades obxectivas de acordo. Léndoos, semella que Núñez Feijoó e o PPdeG non querían nin podían (a sombra de Mariano é moi alongada) asinar unha proposta do Presidente (asumida por Quintana) que racionalmente non podían rexeitar.

11:22 PM  
Blogger albixoi said...

Outra vez máis a nosa historia volveu condicionar o noso futuro. Outra oportunidade perdida de afirmar o que somos: País.

11:35 PM  
Blogger Manuel Ángel Candelas Colodrón said...

É preciso que circulen eses papeis, que saibamos qué agochan as verbas que resultan tan intratables. Este país ten xente a fartar para levar adiante unha negociación. Por experiencia sei que en case todos os traballos hai que chegar a acordos e eu vivín de moi perto este tipo de reunións. É imposible non chegar a un acordo. Imposible. Só se un ven coas ganas de atrás de non chegar a ningures.
Por certo: Feijoo leva tilde?

11:55 PM  
Blogger bouzafria said...

Levo un tempo pensando no seguinte: ¿Se o líder do PP galego fora Fraga o resultado sería o mesmo? Coido que non, pois a pesares das súas "características", o vello tería personalidade suficiente como para "pasar" de posibles consignas dende Madrid. É máis, ata supoño que non lle importaría aceptar as definicións identitarias dos rivais, sempre e cando repercutira en máis poder e ser el quen o administrara, en consonancia a súa práctica política de supervivinte a tódolos avatares durante sesenta anos consecutivos subido ao coche oficial.
Por outra banda, dende a miña autoridade nesa materia concreta ( e de estares mergullado en vellos apolillados libros eclesiásticos) opino que Feijoo non leva til, pero o seu equivalente anterior si: "Feijó" - o último que atopei foi ao comezo do século XIX.

10:32 PM  

Postar um comentário

<< Home