Limpeza de sangue
A publicación de textos dramáticos non é moi frecuente no noso sistema editorial (o teatro é o grande xénero esquecido da nosa edición). Acabamos de tirar do prelo unha nova colección teatral, a "Biblioteca Dramática Galega", unha serie de deseño renovado que substitue a veterana "Os libros do Dramático Galego" que viñamos coeditando co IGAEM. Os tres primeiros títulos son Limpeza de sangue de Rubén Ruibal, premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais 2005; Farsa de Bululú de Manuel María e O que ocorreu despois de que Nora abandonara ao seu home ou os piares da sociedade de Elfriede Jelinek (a premio Nobel austríaca). No vindeiro mes de marzo aparecerá Ocaso Otero de Manuel Guede, premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais 2006; Boas noites de Paula Carballeira, premio Manuel María para textos dramáticos infantís 2006 e a tradución de Casa de bonecas de Ibsen. Tamén temos case rematadas as obras dramáticas de Francisco Taxes e Manuel Varela Buxán, que aparecerán dentro da Biblioteca das Letras Galegas. Entre esta oferta dos tres primeiros títulos entendo moi relevante a publicación da peza de Rubén Ruibal, unha peza que esculca os límites dunha amizade inimaxinable entre dúas persoas que coinciden azarosamente no cuarto dun hospital. Recoméndoa moi vivamente.
4 Comments:
Teño un recordo moi claro de O ferreiro de Santán, unha das obras que de adolescente faciamos no Liceo de As Pontes, hai mil anos, para gañar cartos para unha excursión.
Por iso, cando leo que van aparecer os textos de Varela Buxán, pregunto se van levar anotacións ou introduccións críticas. Beizóns pola iniciativa. E vou ler ao amigo RR, un combatente do teatro galego.
O de Ruibal non era sen tempo, xa pensei que non saía nunca.
Moi boa nova a saída da obra de R.R. Xa tardaba.
Moitas gracias pola recomendación, señor Brétemas. Acabo de chegar á casa e de enterarme de que o libro xa anda por aí. Devezo por telo nas mans, pero podo dicirlle xa que a portada me parece moi fermosa.
Saúde e, novamente, gracias.
Postar um comentário
<< Home