30.9.07

"Bernardino Graña. Homenaxe no 75 aniversario"

Rotundo éxito da homenaxe de tres días rendida no Morrazo a Bernardino Graña con motivo do seu setenta e cinco aniversario. A cea de homenaxe, os concertos e recitais, como a presentación do libro foron todos actos moi concorridos e agarimeiros co noso mariñeiro das palabras.
A presentación do libro colectivo, coordinado por Héitor Mera, –fóra dun malentendido que me deixou desolado (por causas incomprensibles non se publicou o traballo enviado por Xosé Vázquez Pintor, dende aquí expresamos as nosas maiores desculpas para el)–, foi outra oportunidade para escoitar a Bernardino expresando con absoluta liberdade o horizonte dos seus soños.

O de Tirán comezou a súa intervención lamentando algunhas grallas que detectara na edición do libro ("areíñas que se meten nos zapatos"), froito do apresuramento na realización dos traballos. Referiuse despois a satisfacción que lle producía o proxecto de Xerais de editar Catro de Sinfarainín, a tetraloxía de pezas dramáticas infantís que publicaremos na vindeira primavera. A primeira, O lobo do saco é unha referencia explícita a Franco que non puido ser publicada por mor da censura e que se distribuíu a ciclostil. A segunda, A larpadela gustosa do lobo e a raposa, como a terceira, Sinfarainín contra don Perfeuto (publicada como separata do número 48 da revista Grial) están protagonizadas por ese sínfano, un mosquitín que se mete por todas as partes, inventado vendo unha representación dunha obra de Lorca, que representa a conciencia das cousas. A última, Os burros que comen ouro, será publicada con arranxo á primeira versión para nenos, a pesar de que foi representada nunha versión para persoas adultas.
Continuou Bernardino expresando que "teño moi boa sorte con esta homenaxe, mais teño mala sorte co teatro. Sería bo facer unha representación de Vinte mil pesos crime", ademais de desvelar que ten gardada na gaveta outro texto de teatro para adultos, Unha vella en auto-stop, peza a que logo mudou o título por Nun caseto que vai ser un banco, que quizais algún día poida ser publicada e representada. Rematou as súas palabras facendo unha defensa vibrante do libro e da lectura: "Os libros son para tomar conciencia. Espero, son utópico, que neste século XXI vexamos todo o que nos prometeron na metade do século XX, menos traballo e máis tempo para ler e asistir a representacións teatrais. Aspiro á semana de catro días de traballo. Así poderemos estar lendo e as máquinas e robots traballando para nós. Así nos homenaxeremos todos".

Actualización (01-10-2007): "Eu tamén utópico", comentario de Náufrago.

Marcadores: , , , ,