29.9.07

Retrato de Urbano Lugrís

Despois das dúas presentacións, onte en Vigo e anteonte na Coruña, da novela de Luís Rei Núñez e das primeiras recepcións de lectores (todas moi entusiastas e coincidentes en que a lectura destas catrocentas páxinas faise dun tirón), teño a impresión que esta será unha das novelas mellor valoradas e máis lidas dos últimos anos.
As intervencións memorables dos presentadores, os poetas Manuel Álvarez Torneiro e Ramiro Fonte, foron en idéntica liña e coincidiron na estirpe cervantina deste retrato da aventura humana do pintor de Lugrís coas luces da bohemia coruñesa dos anos cincuenta como teón de fondo. "Unha novela que ensancha con humildade e traballo os límites da nosa narrativa contemporánea"; "unha prosa para endereitar o rumbo zozobrante da narrativa galega" (dixo Fonte). "Unha aventura humana, un drama, un destino de Urbano Lugrís que non está nos museos, mais que está na novela de Luís Rei" (dixo Torneiro). A amizade do pintor co poeta de Taramancos (na liña das grandes parellas literarias e cinematográficas Quixote e Sancho, Laurel e Hardy, Martin Pawley e Ethan Edwards) os límites tan tenues entre a realidade e a ficción (con precedentes en Max Aub, Valle, Cansinos Assens ou Vázquez Montalban), o procedemento arriscado dos diarios apócrifos, o xogo das dúas voces (a do narrador e a apócrifa do pintor), a importancia da literatura biográfica para os narradores ("Unha tarefa que debían acometer todos os narradores é escribir unha biografía doutro escritor", dixo Fonte), as relacións entre a pintura e a literatura (e mesmo a vocación dormida de pintor de Rei Núñez) ou o carácter poliédrico e contraditorio do protagonista foron outras reflexións expresadas nas dúas presentacións. Unha novela importante, moi recomendable.

Nota: a próxima presentación realizarase o 25 de outubro, organizada polo Ateneo de Pontevedra.

Actualización (01-10-2007)
: Folerpa recolle outras frases de Ramiro Fonte da presentación.

Marcadores: , , , , ,

2 Comments:

Anonymous Anônimo said...

Non me queda claro, despois de ler o seu comentario, se vostede leu o libro, e cal é a súa opinión. Os presentadores do libro, que han dicir?
N'a coruña dos anos 50 había moita vida cultural, e isto é algo que moita xente descoñece. Había naquel ambiente mozos proto-galeguistas, como non os había noutras cidades de Galicia. A morte, a emigración, e a falta de apoios truncaron moitas carreiras artísticas e literarias.
Na narrativa galega non é moi común esta mestura de biografía e ficción. Polo que parece, é unha novela con "heroe", outra cousa rarísima. En fin, agardo ter tempo para poder ler o que parece vai ser unha obra interesante.

10:14 PM  
Blogger Brétemas said...

Claro que lin o libro!, e xa hai tempo que vimos falando del nestas brétemas. Nas dúas presentacións intervimos os editores da novela, Eduardo Riestra de Ediciones del Viento (que publica a tradución castelá do orixinal galego) e eu mesmo. E ambos os dous o fixemos estensamente e con enorme entusiasmo. Mais considero que, tanto por pudor como por crdibilidade da nosa anotación, era preferible salientar as opinións dos poetas aos que convidamos a glosar a novela. Así estas opinións que, seguramente non aparecerán nos medios impresos, poden ficar arquivadas na rede. "O señor Lugrís e a negra sombra" non é unha biografía do pintor coruñés, mais si un seu retrato ben acaído empregando as ferramentas da ficción. Interesante, como vostede apunta. Moi interesante e recomendable.

11:25 AM  

Postar um comentário

<< Home