Nova entrevista a Ramiro Fonte

- "O home, entre outras moitas consideracións, é un ser memorioso que necesita crear lembranzas para valerse na súa vida. E o certo é que a literatura tamén ten moito de arte da memoria."
- "[...] A memoria é coma a auga, foxe das nosas mans. E entón, cando se quere reconstruír literariamente, hai que recorrer á verdade literaria, que a miúdo ten moito de ficción. [...] A única maneira de resucitar a moitas persoas que levan anos mortas é entrar nos territorios da literatura, no bo sentido da palabra. Eu en principio quería escribir un libro persoal, de lembranzas... O que fixen é reconstruír un pouco a historia desde abaixo, desde as humildes, desde o cotián. Esta triloxía converteuse nun fresco dunha época porque ten moito de memoria persoal, pero tamén de memoria colectiva."
- "¿Quen somos nós agora para xulgar a vida que tiveron que vivir os nosos pais? Faltaba a liberdade, había miseria, e reler o libro faime chorar, pero tamén busquei que haxa cousas que fan rir. Hai problemas que quixen resolver a través da ironía, porque a ironía, como sabemos desde Cervantes, é o mellor remedio que temos contra as vexacións do tempo e contra as inxustizas."
- "Quixen facer que a xente aparecese co seu nome, co seu apelido... Plasmar a multiplicidade da vida. A escritura do eu acabou sendo unha escritura do nós. ¿Que hai moita xente morta? Tamén está morto o neno que nós fomos. Dá un pouco de respecto poñerse a facer revivir épocas e acontecementos e persoas que levan corenta anos enterrados, si... Pero se algunha vez quixen parodiar a alguén, foi aos poderosos. Aos humildes, xamais. E se alguén é vítima do sarcasmo do escritor é o propio neno... que fun eu."
As pontes no ceo será presentada o 26 de decembro, as 20:00 horas no Salón de Caixa Galicia de Pontedeume por César Antonio Molina (ministro de Cultura). Alí estaremos con Ramiro para celebrar a culminación dunha das proezas da nosa narrativa actual.
Etiquetas: Ramiro_Fonte
Marcadores: Autores, Críticas, Entrevistas, Presentacións, Xerais
1 Comments:
Bos días a todos.
Moitas grazas, querido Señor Brétemas, por citar a miña entrevista a Ramiro... e o meu libro, que tamén é seu.
Permítame utilizar hoxe o seu blog para desexarlles de novo, a vostede e aos seus lectores e naturalmente ás súas familias, un moi Feliz Nadal.
Ramón Loureiro
Postar um comentário
<< Home