9.1.08

Protocolo contra a violencia machista

María Xosé Queizán enviounos a moción aprobada o pasado 19 de decembro polo pleno do Concello de Vigo, a proposta do Consello Municipal da Muller, dun protocolo de rango público a desenvolver nos funerais das mulleres asasinadas polas súas parellas. Unha medida xusta e oportuna, no camiño da restitución da dignidade das vítimas, que debería contribuír, ademais, no difícil proceso de concienciación sobre a erradicación da violencia machista. Reproduzo o texto da moción viguesa (da que non vimos referencia nos medios impresos), que ben debería ser exportada a outros concellos:
"Grazas á recente Lei contra a Violencia de Xénero, o maltrato e os asasinatos de mulleres saíu da esfera privada, do terror oculto onde non tiña carácter de delito, á esfera pública onde son considerados delitos dos que toda a sociedade debe responsabilizarse.
Sabemos que a misoxinia, o dominio sobre o que os asasinos e maltratadores consideran propio, e o escaso valor das mulleres na sociedade é a causa fundamental deste terrorismo sexual. É, pois, moi necesario que estas mortas, adquiran o valor e a dignidade necesaria para erradicar esta enorme inxustiza
Neste proceso consideramos de xustiza que as víctimas da violencia sexual teñan dereito a un funeral de rango público, un protocolo no que as autoridades presidan o sepelio e lle dean o pésame á familia. Só así, estas mortes adquirirán a dignidade necesaria, como corresponde a unha sociedade democrática.

Marcadores: