13.1.08

Voces de liberdade, a homenaxe do PEN Clube

Onte asistín ao xantar de homenaxe a Francisco Fernández del Riego e Isaac Díaz Pardo, organizado polo PEN Clube de Galicia, con motivo da terceira edición dos seus premios "Voces de liberdade". A organización e o desenvolvemento desta homenaxe a estes dous grandes editores da nosa memoria histórica, que contou coa xenerosa colaboración da Tenencia de Alcaldía do concello de Vigo, foi excelente. As laudatios de Marilar Aleixandre e Camiño Noia brillantes e á altura literaria do labor hercúleo dos homenaxeados. Os discursos dos políticos agarimosos, ben preparados e moi axeitados. A condución do acto do presidente do PEN galego, Luís González Tosar, amena e emocionante. Mesmo o menú foi exquisito (coa excepción das peras ao mousse con chocolate, por baixo dun nivel culinario óptimo). Con todo, o mellor do acto foron os momentos das intervencións dos homenaxeados. Don Paco debullou, petando co seu caxato no chan (aínda está ben rexo), o seu percorrido vital, insistindo en que "a miña traxectoria foi sempre de continuidade como home que son do Seminario de Estudos Galegos, sen altibaixos, adaptándome sempre aos tempos que vivimos". Isaac, que comezou a súa parolada cunha brincadeira pouco inocente (saudou á Secretaria Xeral de Política Lingüística como a "a muller que está traballando para que o galego morra dignamente", que logo lle replicou de forma moi elegante dicindo que "todos estabamos alí para darlle vida a lingua"), utilizou o seu tempo para gabar a don Paco: "un grande amigo do meu pai". O único que vin un pouco fóra de lugar (nunha sesión marathoniana, durou cinco horas), foi algunha das intervencións "espontáneas" dos asistentes que na sobremesa ocuparon o atril (unha mágoa!, que desluciu un chisco un acto magnífico e tan ben preparado). Beizóns a don Paco e a don Isaac, a Tosar e ao equipo directivo do PEN Clube de Galicia por este berro de liberdade literaria galega!

Marcadores: , , ,

5 Comments:

Anonymous Anônimo said...

Conte, conte o das intervencións "espontáneas", ghe, ghe. Deixoume intrigado.

12:53 PM  
Blogger Brétemas said...

Benquerido Arume: veño asistindo a moitas destas homenaxes galeguistas e case sempre os "espontáneos" da sobremesa son as mesmas persoas. Góstalles ese rito (que a min personalmente me ruboriza) no que, xeralmente (hai excepción e as houbo o sábado) falan as da relación que tiveron co homenaxeado do que se trate. Sei que son persoas que falan de corazón para expresar os seus mellores desexos; mais creo que, despois de intervencións traballadas como as de Camiño Noia ou Marilar, ben pouco quedaba que dicir sobre os homenaxeados. Asumo, ademais, outro principio de protocolo: "despois do rei, non fala ninguén". Despois de escoitar a Paco ou a Isaac, na miña opinión, había que calar e tomar boa nota.

5:17 PM  
Anonymous Anônimo said...

Merecidísima homenaxe. Se non leron a entrevista da pasada semana con Fdez. del Riego na Voz, aí vai:
http://www.lavozdegalicia.es/cultura/2008/01/02/0003_6446170.htm

Ten a súa (pouca) gracia o dos asaltantes de micros.

Por certo, colóuselle un Castro por un Pardo...

Saúdos!

10:30 PM  
Blogger Cesare said...

Díaz Pardo... non Díaz Castro, prezado Brétemas, ;)

5:54 PM  
Blogger Brétemas said...

Obrigado, corrixo: Díaz Pardo, claro. O meu subconsciente...

7:10 PM  

Postar um comentário

<< Home