Libros de mañá, a posición de Manuel Gago
Manuel Gago publica hoxe unha anotación importante, a raíz do debate sobre "Os libros de mañá", ao que tantas referencias fixemos no blog. A posición de Gago resúmese no derradeiro parágrafo da anotación:
"A cuestión é en que medida é relevante agardar por algo que non sabemos cando nin como chegará. Eu teño a sospeita de que o problema está no prisma e no enfoque. A Internet actual é un fervedoiro de narrativas de popularidade crecente. Realidade, ficción, unha mestura das dúas; a rede é un magnífico campo de experimentación para a narración -por parte dos escritores- e para a comercialización -por parte dos editores. Eu creo que o gran futuro das editoras está no seu papel intermedio entre contadores de historias e o público, no desenvolvemento de novas liñas de negocio vinculadas á ficción dixital, alimentada día a día, con modelos publicitarios e de xestión moi dinámica, composta por blogs, redes sociais, webs adhoc, videoconferencias, cómics interactivos, implicando ao autor na responsabilidade sobre o mantemento diario do negocio, avaliando os seus resultados con rapidez, ofrecendo ao lector o mesmo que lle ofrece un libro papel, descanso, lecer, motivación, emoción diaria, en pequenas pílulas. Por suposto, sei que son un deses numerosos pesados que se dedican a arreglarlle o mundo aos editores sen ter unha nómica que viva de vender libros, pero agora dígoo como lector e consumidor ávido de ficcións: a min gustaríame unha historia dese tipo. Ben feita. Editada. Electrónica. Que poida seguir en calquer lugar e desde múltiples puntos de vista. Cos seus personaxes, os seus tempos. Levable no móbil, imprimíbel, buscábel."Pouco que obxectar a unha posición que como lector comparto, o mesmo que a da inevitable chegada dun dispositivo electrónico portable de lectura, que ha substituír, máis ou menos cedo ao papel impreso. O reto que temos por diante os editores é crear unha nova cadea de valor para esta nova tipoloxía de edición, algo que nestes momentos aínda está por consolidarse. O futuro a medio prazo da edición está na excelencia do contido e non, como até agora, na fabricación de unidades impresas e a súa distribución ao detalle. Agradécese unha achega esperanzadora como a de Gago.
Etiquetas: Literacidade
Marcadores: Libro, Literacidade, Tecnoloxías
0 Comments:
Postar um comentário
<< Home